Román Rodríguez, conselleiro de Cultura e Turismo

"O Xacobeo é unha oportunidade para o sector cultural en Galicia"

O 3,5% dos empregos en Galicia prodúcense no eido cultural. Isto dá boa proba da importancia das industrias galegas deste sector que se exhiben en Pontevedra. "Culturgal é un termómetro da saúde cultural de Galicia e vemos que ano a ano está subindo", subliña o titular de cultura da Xunta, o principal patrocinador deste evento anual
Román Rodríguez no estand da Xunta no Culturgal. GONZALO GARCÍA
photo_camera Román Rodríguez no estand da Xunta no Culturgal. GONZALO GARCÍA

O CONSELLEIRO de Cultura e Turismo, Román Rodríguez (Vento, Lalín, 1968), inaugurou o venres o Culturgal 2019, "o maior escaparate cultural de Galicia".

Logo de doce anos celebrándose, que supón Culturgal para Galicia? Como ve a edición deste ano?

Culturgal leva anos sendo o principal referente da industria cultural galega. É un gran escaparate tanto para os profesionais, como para o público en xeral e é un termómetro da saúde cultural de Galicia. Afortunadamente, estamos vendo que ano a ano este termómetro está subindo, o que quere dicir que a actividade cultural está nunha boa dinámica. Sempre temos moito que mellorar, pero estamos na senda positiva. Non é que o digamos os galegos, que estamos moi orgullosos da nosa cultura, senón que tamén nolo recoñecen desde fóra.

Hai que ver cantos artistas e producións galegas están a acadar éxitos e premios internacionais, pensemos en ‘O que arde’, a nivel audiovisual, ou no Premio Nacional de Literatura, que teñen varios autores galegos. Creo que iso é algo moi positivo e que nos fai estar orgullosos dun sector cultural que non só nos identifica senón que tamén é o 3,5% do emprego.

Ten asegurada unha vida longa e en Pontevedra?

Nós, como primeiro patrocinador facemos unha presentación importante. Creo que Culturgal non só ten unha longa vida senón que está medrando e vai a máis, e iso é positivo para o propio evento pero tamén para Galicia. Desde hai moito tempo Pontevedra sempre foi un referente cultural, ten algunha das institucións máis senlleiras, como o Museo de Pontevedra, e ten unha tradición cultural importante e iso hai que mantelo. O feito de que Culturgal se faga aquí é indicador de que esta cidade leva moito tempo identificándose coa cultura e vivindo a cultura.

Tamén o Xacobeo 2021 estará presente no Culturgal. Onte presentouse a segunda convocatoria de ‘O teu Xacobeo’.

Os valores e os principios do Culturgal son basicamente os mesmos que os do Xacobeo. Presentamos unha acción xacobea aberta, participativa e inclusiva. O ano pasado fíxose a primeira edición e estamos na segunda convocatoria aberta a proxectos. Queremos que o Xacobeo involucre a todo o mundo e que todos aqueles que teñan un proxecto e algo que dicir teñan a oportunidade de facelo. Na primeira edición puxemos en marcha máis de 300 proxectos ó abeiro de ‘O teu Xacobeo’, 100 deles en Pontevedra, unha das accións máis significativas de cara a programación do Ano Santo.

Xa teñen constancia da creación de empresas ó abeiro do Xacobeo ou da presentación de proxectos vencellados a esta aposta?

O Xacobeo é un vector de dinamismo territorial importantísimo que favorece, primeiro, o orgullo de ser galegos, logo, nos proxecta no exterior, pero ten tamén un retorno económico moi significativo. Centos de miles de persoas están percorrendo Galicia todos os días e son unha fonte que estimula a creación de servizos e actividades económicas arredor do Camiño. É moi importante o retorno que xera a peregrinación. Por suposto hai unha raíz histórica, espiritual e humanista, pero tamén é importante que haxa un retorno económico que beneficie a todos os galegos. No plan estratéxico estimamos que entre os anos 20-21 e parte do 22 pode haber un crecemento do PIB en torno ó 0,9% e coa creación de 11.500 postos de traballo. Isto fálanos da importancia que ten o Camiño para Galicia.

Entre os anos 20- 22 pode haber un crecemento do PIB en torno ó 0,9%polo Xacobeo e crearanse 11.500 empregos

Hai un ano dicía que no Ano Santo haberá artistas internacionais, pero que os artistas galegos tamén terá o seu espazo. Como vai ser esa aposta pola cultura? Cando se poderán coñecer os grandes nomes?

A mediados de decembro presentaremos a programación e máis alá de que nos quedemos cun nome concreto o máis importante é que os galegos nos involucremos e creamos un equipo arredor do Xacobeo, porque é algo do que temos que estar moi orgullosos. Xéranos unha enorme riqueza espiritual e económica e temos que combinar a proxección exterior con potenciar a cultura de base e con toda a cultura que temos hoxe no Culturgal. Xa está habendo artistas internacionais de primeirísimo nivel, co festival do Son do Camiño, e seguiremos apoiando a base cultural e a participación a través de programas como ‘O teu Xacobeo’ e o resto da programación.

Esta vai supoñer unha opción de oportunidade para todos aqueles que desenvolvan a acción cultural en Galicia e, en segundo lugar, queremos que chegue a todo o territorio. Que estea moi descentralizada e que chegue a todos os concellos, con independencia de que sexan un dos 130 que atravesa o Camiño, e que todos nos unamos a este eixo vertebral.

Unha das contas pendentes en Pontevedra é a ampliación do albergue de peregrinos. Será a vindeira Semana Santa unha realidade?

Si. Estamos en plena ampliación do albergue de peregrinos en Pontevedra que é un dos que mellor funciona. Ten unha fantástica xestión e vai ser un dos mellores albergues de Galicia. É un proxecto que empezou medrando en obxectivos polo que se foi retrasando no tempo, pero o vindeiro ano contaremos con el. Tamén en Pontevedra hai moitos novos albergues privados que xeran emprego, e fan que medre a actividade económica. O sector privado tense que beneficiar e xerar emprego grazas o Camiño.

A Xunta tamén está a impulsar a Fundación Moldes que terá o seu espazo no edificio da Xunta en Benito Corbal. En que punto se atopa? Xa está constituída?

Os trámites administrativos de constitución os está levando a súa viúva, May Díaz. A Xunta puxo á disposición un espazo fantástico, aparte que tanto para a fundación como para a familia é moi emotivo porque está moi preto do taller de Manuel Moldes. Manuel ten sido é é un referente da cultura e da nosa pintura en toda Galicia. É ademais un home moi querido, que deixou unha pegada moi potente e desde a Xunta estamos a disposición da familia desde o primeiro momento, para conservar o seu legado e para apoiar a posta en marcha da súa fundación e para iso deixamos un espazo moi digno para que a obra se poida amosar e seguir investigando sobre ela.

MUSEO DE PONTEVEDRA| "O máis importante é saber que se quere facer co Museo, máis alá da parte física"

Hai tempo púxose sobre a mesa a posibilidade de que a Deputación transferise as competencias do Museo á Xunta.
Dá a sensación de que na Deputación non teñen moi claro que facer co Museo, porque non hai moito tempo a presidenta quería transferir as competencias do Museo e a parte do Bloque dicía que non. Nós sempre dixemos que se a Deputación se quería desprender do Museo por suposto a Xunta ía estar aí para coidar e defender ese legado cultural que trascende á cidade, xa que que é un dos grandes museos de Galicia.

Esta semana presentouse un macro proxecto que inclúe a rehabilitación dos edificios do Museo que están pechados e a conexión por vía subterránea. Que lle parece?
Voltando o anterior hai que ver a quen lle facemos caso, si a parte do BNG que é quen presenta o proxecto ou a parte do PSOE que quería desprenderse do Museo. Que se mellore sempre é bo, que se faga con sentido común tamén, pero o máis importante é saber que se quere facer co Museo, máis alá da parte física, que se quere facer e que queremos transmitir e proxectar cunha infraestrutura cultural   tan importante para Galicia.

Comentarios