Xapón interésase polo modelo de compostaxe promovido a través do Plan Revitaliza

Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional do país, visitou Pontevedra na súa xira para coñecer os sistemas aplicados no mundo

Kaori Kii e César Mosquera, saudándose ao estilo xaponés. GONZALO GARCÍA
photo_camera Kaori Kii e César Mosquera, saudándose ao estilo xaponés. GONZALO GARCÍA

Despois de espertar o interese de especialistas brasileiros, austríacos ou italianos, entre outros, o Plan Revitaliza impulsado pola Deputación de Pontevedra conseguiu chegar aínda máis lonxe. A economista xaponesa Kaori Kii, da Axencia de Cooperación Internacional nipona, visitou onte a provincia para coñecer de primeira man o programa pontevedrés.

Con tal motivo, percorreu algúns dos centros de compostaxe instalados en Pontevedra e en Vilaboa, incluíndo o da residencia da terceira idade, o da Cidade Infantil Príncipe Felipe, Monte Porreiro, Ponte Boleira, Eduardo Pondal e o do campus universitario, ademais doutros.

Kaori Kii destacou a importancia de compostar os residuos no propio lugar onde se xeran, o que evita o transporte e reduce gastos, axudando a un desenvolvemento sostible. De feito, precisou que a práctica máis habitual en Xapón é queimar o lixo, pero algunhas persoas adoptaron a práctica da compostaxe.

Precisamente, ela está a realizar unha xira por distintos continentes para coñecer diferentes fórmulas de compostar e iso foi o que a trouxo ata Pontevedra.

A economista nipona salientou a sustentabilidade da compostaxe 'in situ' que se realiza en diferentes puntos da provincia

Tal e como engadiu o asesor provincial sobre residuos, Carlos Pérez, "Xapón é un dos países máis incineradores do planeta e a súa Axencia Internacional está intentando diversificar a súa xestión de residuos coñecendo outros sistemas que xa están en marcha noutros países do mundo".

A economista xaponesa amosouse "moi impresionada" polo funcionamento do modelo pontevedrés e asegurou que lle gustaría que "se collera este costume" no seu país, onde a educación ambiental ten unha gran consideración. Como exemplo da súa importancia, explicou que nos colexios de Xapón o alumnado, despois de xantar, debe ocuparse de recoller e limpar, posto que non dispoñen de servizo de limpeza, polo que sería moi interesante introducir pautas de compostaxe, relatou.

ENCONTRO DE TRABALLO. Ademais de visitar centros de compostaxe comunitaria pontevedreses, Kaori Kii tivo a oportunidade de coñecer ao persoal técnico que traballa neste ámbito e tamén mantivo un encontro de traballo co vicepresidente provincial, César Moquera, no que puido profundar na filosofía do Plan Revitaliza. O nacionalista fixo especial fincapé en destacar como un dos puntos fortes no éxito da experiencia o feito de contar con persoal técnico cualificado e formado especificamente a través da Facultade de Compostaxe.

Mosquera subliñou que "o sistema de compostaxe que estamos implantando na provincia xa transcende fronteiras. Pontevedra é unha referencia", dixo.

O vicepresidente provincial lembrou que o intrerese polo plan pontevedrés xa chegou a Brasil, Italia, Austria ou Guinea-Bisáu, entre outros países. "Agora tamén ao Xapón. Como continente xa nos falta Oceanía", incidiu.

Comentarios