Os xardíns da Uned serán obxecto de reforma e abriranse ao público

O Concello, despois da cesión da Xunta Reitora, inicia os trámites para os traballos
2020082614015552654
photo_camera Os responsables municipais, o martes, visitando os xardíns da Uned. DP

Despois de que a Xunta Reitora da Uned aprobase por unanimidade a cesión do parque do centro asociado de Monte Porreiro o pasado 22 de xullo e ratificase dito acordo o 31 de xullo, os servizos xurídicos do Concello e os responsables de Parques e Xardíns xa están a estudar a fórmula legal máis axeitada para materializar este traspaso, que permitirá abrir os xardíns á veciñanza e integralos no Miradoiro e o conxunto do barrio. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, constata que, unha vez que o acordo ten carácter firme, "o seguinte paso consiste en remitirlle á dirección da Uned unha proposta de convenio cos termos e condicións da cesión, tentando que sexa polo maior tempo posible e, en todo caso, por un tempo que amortice o investimento que se vai efectuar, obviamente con vocación de permanencia".

O concelleiro de Educación, Tino Fernández, asinou a finais do ano pasado a solicitude para acadar uso do parque da Uned, como primeiro paso formal en firme adoptado para facer realidade o proxecto de apertura destes valiosos xardíns ao uso e desfrute da cidadanía, e en especial para os veciños do barrio. No mesmo, solicitábase ao Patronato da Universidade a Distancia en Pontevedra "unha cesión de uso ou a fórmula xurídica que a Uned atope máis axeitada".

O proxecto que está a deseñar o equipo de Puentes prevé que o parque da Uned poida ser visitado polos veciños a través da entrada existente cara á zona do aparcadoiro, así como a creación dun novo acceso á altura do Froiz da rúa Italia. O plan de Desenvolvemento Sostible plantexa optimizar a comunicación interna dos xardíns cunha rede de sendas peonís e dotar ás especies exóticas coas que conta o parque dunha axeitada sinaléctica. "Pretendemos integrar esta fermosa zona verde coa do Miradoiro de Monte Porreiro, xerando un espazo que ofrecerá enormes posibilidades dende o punto de vista didáctico e da educación ambiental", di o edil.

Comentarios