domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

A biografía de Xela Arias, adaptada para a cativada

Ilustración de Tania Solla para unha das páxinas do libro.
Polo Correo do Vento publica unha biografía da autora á que se lle adica o Día das Letras

A de Xela Arias é a biografía dirixida ao público infantil número nove que se inclúe na colección Mulleres galegas, do selo pontevedrés Lela Edicións. "Xela tiña que aparecer aquí, aproveitando este Día das Letras Galegas que se lle adica, como xa fixeramos tamén con María Victoria Moreno", di Kike Mauricio, a metade de Polo Correo do Vento, proxecto de contacontos que desenvolve el xunto a Carlos Taboada (este último tamén responsable de Lela Edicións). Eles dous son os autores do texto deste volume que ilustra unha das súas colaboradoras habituais, Tania Solla.

"Como é habitual, o que fixemos foi adaptar a historia de Xela Arias para a cativada", di Mauricio, que explica que elixiron como título do libro Liberdade, solidariedade e amor pola lingua porque son tres aspectos da personalidade da autora que quixeron destacar "e porque precisamente son tres cousas que menciona nun discurso o seu pai [Valentín Arias]". 

É unha figura moi chula, moi interesante, moi moderna, que nos apetecía moitísimo incluír nesta serie

CONTACONTOS. Polo Correo do Vento, que realizará ao longo de todo o ano un dos seus contacontos presenciais baseándose neste volume, di que o libro permite que os nenos e as nenas descubran a unha autora libre e solidaria. "Era feminista e fixo seu o discurso ecoloxista. Participou no movemento Burla Negra, que agrupou á xente da cultura galega tras o afundimento do petroleiro Prestige, e tamén en movementos pacifistas. Ente outras cousas interveu nun famoso mitin que se celebrou nas Travesas, en Vigo, contra a entrada na OTAN", conta Mauricio, que resalta a mentalidade aberta da autora e a coraxe para involucrarse en movementos sociais.

"É, dende logo, unha figura moi chula, moi interesante, moi moderna, unha muller moi do día de hoxe, moi contemporánea, que nos apetecía moitísimo incluír nesta colección", di.

Polo Correo do Vento tamén quixo prestar especial atención no seu traballo á labor que Xela Arias desenvolveu como editora e tradutora, "quizais menos coñecida, pero moi interesante". 

Para Mauricio, casos como de Xela Arias reafirman a necesidade dun Día das Letras Galegas como o que se celebra. "A importancia do 17 de maio non está suficientemente recoñecido. Todo o mundo, dende escolares a libreiros e editores, se pon a traballar nunha figura das nosas letras, algo que serve para coñecela e recoñecela", explica. "Ademais, ao tratarse dunha figura que debe levar morta dez anos, xa está todo aí, non hai posibilidade de que esa persoa dea un xiro á súa traxectoria ou renegue do que fixo. Trabállase sobre seguro". 

A biografía de Xela Arias, adaptada para a cativada
Comentarios
ç