"A xente compra por Internet e nin sabe o que hai nos baixos da súa cidade"

Ata 22 establecementos darán a coñecer os seus produtos na Ferrería e na Peregrina este sábado
Marta Lado e Sibila Leis. DUVI
photo_camera Marta Lado e Sibila Leis. DUVI

"Axudar a mellorar a situación da nosa comunidade" é o que levou a dúas alumnas de Ciencias Sociais e da Comunicación a promover un evento para o seu traballo de fin de grao no que puidesen incrementar a visibilidade e notoriedade do pequeno comercio de Pontevedra. Marta Lado e Sibila Leis son as impulsoras de Comercio km 0, unha iniciativa que reunirá este sábado nas prazas da Ferraría e da Peregrina 22 establecementos da localidade. Entre as 12 e as 21 horas, estes locais comerciais poderán dar a coñecer os seus produtos e servizos nos postos que se instalarán ó aire libre. A iniciativa enmárcase no traballo de fin de grao destas dúas alumnas de Publicidade e Relacións Públicas e que levan a cabo coa colaboración da Vicerreitoría do campus, a Concellería de Promoción Económica e da Asociación da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra (Aempe).

"Quixemos centrar o noso TFG neste proxecto porque démonos conta de que, sobre todo a raíz da crise do coronavirus, a xente acostumouse a comprar por Internet e nin saben o que hai nos baixos da súa cidade", salientaron estas estudantes en declaracións ó Diario da Universidade de Vigo (DUVI). Lado e Leis teñen como titor ao profesor Daniel Martí e decidiron empregar os coñecementos adquiridos na facultade para contribuír co comercio local nun momento tan complicado como o actual.

22 establecementos comerciais da cidade exporán os seus productos na Ferrería e A Peregrina en Comercio km 0

Para iso decidiron poñer en marcha a empresa Ananás Eventos, "que nos gustaría que acabase sendo unha empresa real que seguise mantendo os valores cos que a creamos". Neste caso, a organización dun evento, sen custo para as empresas participantes, co que buscaban demostrar que "con esforzo e colaboración pódense conseguir grandes resultados", subliñaron estas dúas estudantes.

Tamén apostan por crear sinerxias entre os comercios participantes, explican Lado e Leis. A cita, que contará cun control de aforo e medidas anticovid para evitar aglomeracións, reunirá establecementos de diferentes ámbitos, desde moda ou decoración a artesanía, gastronomía ou comercio xusto.

Comentarios