Luís Rei, voceiro de Marea Pontevedra e candidato á alcaldía

"Os que nos critican por absternos cos Orzamentos faríano tamén se votaramos outra cousa"

A cinco meses das eleccións, Rei fala do papel xogado pola súa formación na política municipal, do tándem que suporá a incorporación de Teresa Casal ás súas filas, de como lles pode afectar a crise interna de En Marea a nivel autonómico e das perspectivas para o 26 de maio de 2019: "Veremos que forza ten cada un e que xogos de alianzas se poden establecer"

Luís Rei. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Luís Rei. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

É diferente o Luís Rei que se presentou ás eleccións hai case catro anos do que se vai presentar o vindeiro mes de maio?
Eu son o mesmo, pero agora teño unha dimensión pública na política que nunca tivera. Teño a metade do traballo feito pero falta a outra metade, ser alcalde, así que seguirei en política á espera do que decidan os pontevedreses.

Que cre que vai facer mellorar os seus resutados electorais?
O traballo realizado estes anos demostra a nosa solvencia e esperamos que iso teña eco na cidadanía, sabendo que non perderemos o tempo porque chegamos aprendidos. Ademais, contamos coa incorporación de Teresa Casal, que puxo a súa sinatura en moitas cousas importantes durante a súa etapa no Concello. Todo fai que nos presentemos como un equipo no que os pontevedreses poden confiar.

Teresa Casal é unha figura potente e cunha longa traxectoria, non teme que iso poida desembocar nun liderado dobre ou mesmo nunha bicefalia na agrupación?
Esa percepción a min non me importa e a ela tampouco. Nós queremos xogar co tándem, non só entre ela e eu, senón entre todo o equipo, que está formado por persoas de contrastada valía en moitos campos: Manuel Fontán, Peque González, Mariquiña Lores, etcétera. Todo suma e, evidentemente, contamos con que Teresa Casal tamén sume ao noso proxecto todo o peso da súa traxectoria.

"Espero que a xente nos xulgue polo que fixemos nós en Pontevedra, á marxe de como resulte a crise en En Marea a nivel galego"

Que lectura fai da subida da ultradereita en España e da baixada de forzas rupturistas e de esquerdas como Podemos, máis próxima ao plantexamento de Marea?
Con respecto á irrupción da ultradereita, en España de feito chega algo tarde, porque, a diferencia doutros países, aquí o PP conseguiu durante moitos anos recoller todas as dereitas. Como cidadán resúltame moi preocupante a aparición de VOX, pero está por ver que ese fenómeno se consolide e, en todo caso, isto non quere dicir que teña unha traslación ao ámbito local. Nas municipais non é só que se presenten ideoloxías, senón que teñan detrás nomes que funcionen como gancho para os cidadáns. Con respecto ao que plantexas de Podemos, non creo que iso vaia ter un reflexo en forzas como a nosa nas municipais. A xente nos concellos vota en clave local e nós facemos política en clave local. Non penso que o que sucede fóra condicione moito aos pontevedreses e aquí temos un bo exemplo: nos últimos 20 anos tivemos o mesmo alcalde (aínda que nunca con maioría absoluta) e nese período houbo crises moi fondas no BNG a nivel galego que non lle fixeron perder a Alcaldía.

Non cre entón que a loita interna de En Marea a nivel autonómico lle vai pasar factura nas municipais?
Eu espero que todo se reconduza. Temos conseguido moito. Temos unha eurodeputada, deputados no Congreso, unha senadora, somos o principal grupo da oposición no Parlamento galego e todo iso, remando na mesma dirección, podería servir para beneficiarnos a todos. De calquera xeito e independentemente de como resulte todo, espero que os pontevedreses nos xulguen polo que fixemos nós en Pontevedra.

Di que nas municipais pesa que os partidos teñan detrás nomes que funcionen de gancho co electorado. No caso de Pontevedra case todos (Cs non o confirmou) concorrerán cos mesmos candidatos salvo o PP. Cre que Rafa Domínguez vai ter máis gancho que Jacobo Moreira?
Eu creo que cada partido debería buscar o mellor que teña para presentar aos pontevedreses e diso beneficiariámonos todos. Domínguez ten o traballo de recuperar votos de dereitas que colleu prestados Lores, pero non sei se iso o vai facer mellor que Moreira.

En que fixo Marea que cambiase a política en Pontevedra? De que se sinte máis orgulloso?
Impuxemos outro estilo, o de manter un diálogo permanente cos colectivos e cos cidadáns, que saben que en nós contan con persoas dispostas a escoitalos e buscar solucións. Desenvolvemos un traballo importante en políticas sociais, que son un déficit histórico neste Concello, e tamén estamos poñendo en primeiro plano os problemas dos veciños dos barrios e do rural, porque non reciben o mesmo trato por parte do Goberno. Nós traballamos para todos. Se propoñemos abrir Pontevedra ao mar, que é unha iniciativa avalada por César Portela e significa prolongar a Alameda ata o peirao das Corbaceiras e rescatalo e mellorar así o barrio de San Roque e A Moureira, en realidade estamos mellorando as condicións de toda Pontevedra. Ou se en Lourizán loitamos desde o principio contra a ampliación da depuradora, estamos axudando á parroquia máis maltratada do concello, pero tamén a todos os pontevedreses, porque non é de recibo que os gobernos de Poio e Marín se vaian de rositas sen depuradoras propias mentres se castiga aos cidadáns daquí.

"Que a chegada de Teresa Casal se poida ver como un dobre liderado non me importa nin a min nin a ela, somos un tándem"

Este mes o Concello aprobou o Orzamento de 2019. Non é incoherente que vostedes primeiro dixesen que o ían apoiar e despois presentasen emendas, ou que presentasen 28 emendas para despois absterse no Pleno permitíndolle ao Goberno de Lores sacalo adiante?
A noticia é que o Bloque estes catro anos aprobou os Orzamentos en solitario. Nós facilitamos a súa aprobación para o ano 2017 a través de emendas e para 2018 negociando. Este ano eran prácticamente un clon dos anteriores, así que, se entón nos abstivemos, o lóxico era volver facelo e, ademais, con máis motivo, porque estes son os últimos do mandato. Dentro de cinco meses renóvase o Concello e queremos que o Orzamento real se negocie nese momento, redimensionando os investimentos previstos a través de modificacións de crédito. O ano que vén, os Orzamentos van levar a nosa sinatura. Agora permitimos que saisen adiante, o cal non quere dicir que renunciemos a presentar emendas parciais porque forman parte do xogo democrático. O propio BNG presentou case 400 ao proxecto de lei de Orzamentos da Xunta para 2019 e ao Estado de Gasto. Nós presentamos 28 e circunscribímolas a temas veciñais, así que non entendemos que se diga que iso foi torpedear nin tampouco entendemos que o BNG e o PSOE unisen os seus votos contra as nosas 28 emendas. Lamentámolo, pero os veciños poden ter a garantía de que non imos esquecer esas demandas, senón que serán deberes que faremos cando esteamos en disposición de decidir a marcha do Concello. Sabemos que a partir de maio hai que renegocialo todo, pois este foi un cheque provisional. De todas maneiras, a mesma xente que nos critica por absternos, tamén o faría se votasemos en contra acusándonos de ser compañeiros de viaxe do PP e tamén nos criticaría se votasemos a favor, porque nos acusaría de apoiar a uns tipos que non son fiables e non cumpren os compromisos. Creo que a nosa posición foi a máis equilibrada.

No Pleno dos Orzamentos tamén falaron moito da situación dos traballadores do Concello...
Si, nós levamos unha proposta instando ao Goberno local a que resolva a negociación colectiva. O último acordo para os funcionarios e convenio para o persoal laboral data de hai once anos, cando se fixera para dous. Non se levou a cabo unha negociación que sirva para deseñar o futuro do traballo no Concello, senón que o Goberno local aplica a vía da imposición. Iso fai que a persoa que gañou a praza de xefe dos bombeiros marchase para outra cidade escapándolle a este Goberno, fai que a vía do ordeno e mando coa Policía Local provoque perder demandas que teremos que pagar todos, fai que a resolución dun contrato de externalización da sociedade Turismo de Pontevedra que tiña a tres traballadoras a través dunha ETT prestando os seus servizos na Casa da Luz implique o despedimento desas tres traballadoras cando unha estaba embarazada e outra levaba oito anos desempeñando esa función e esa situación tamén se ve nunha demanda por acoso laboral contra o Goberno e contra unha concelleira presentada por unha funcinaria do Concello hai algo máis de 15 días.

"Temos o mellor equipo pero sei que non imos ter maioría absoluta; ningún partido a vai ter"

Falaba antes de Teresa Casal e da súa pegada no Concello. Ela xa gobernou en coalición con Lores. Se nas próximas municipais se dese o caso, faríano xuntos?
Iso téñeno que decidir os pontevedreses en maio votando. Sei que nós non imos ter maioría absoluta e ningún partido a vai ter. Na histora das eleccións locais en Pontevedra, só se deu o caso dunha, con Rivas Fontán á fronte da Coalición Democrática. O que nos van pedir os cidadáns a todos é que gobernemos da mellor maneira, evitando a decadencia na que entrou a cidade, e que iso beneficie ao conxunto dos pontevedreses. Iso implicará un exercizo de todas as forzas políticas por concertar coas demais e nós estaremos aí.

Así que se fose necesario, vostede concertaría co BNG de Lores, por exemplo?
Eu prefiro que non e espero que os pontevedreses permitan un tipo de maioría que implique renovar o Concello na súa totalidade, que fagan unha regulación de emprego dos políticos.

Atrévese a facer unha quiniela de resultados para as próximas eleccións municipais?
Non. Temos o mellor equipo e podemos gobernar moi ben, pero non é realista que diga que imos ter maioría absoluta e tampouco ninguén máis a terá. Hai que ver que partidos estamos na próxima Corporación, con que forza cada un e que xogos de alianzas se poden establecer.

Comentarios