"A xente prefire crer unha mentira que reforce os seus prexuízos que o posterior desmentido"

Alberto Dafonte, profesor de comunicación televisiva en CCSS e investigador en comunicación viral, é un experto en analizar as redes, as súas tendencias, os seus recunchos e os seus usuarios. a campaña electoral que está ás portas será a máis dixital de todas e alberto dafonte prevé un bombardeo de fake news (moitas delas interesadas), prexuízos, desmentidos e o erro típico dos que se só se achegan a internet cando hai cita coas urnas
 
Alberto Dafonte, en una de las mesas de control de la Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. DAVID FREIRE
photo_camera Alberto Dafonte, en una de las mesas de control de la Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. DAVID FREIRE

Leva no campus pontevedrés 15 anos, os mesmos que leva exercendo a docencia. Sempre na área de Comunicación Televisiva, aínda que dende hai seis anos tamén investiga a Comunicación Viral "e as motivacións da xente para compartir contidos en liña".  

A pantalla xa relevou á pancarta ou ó mitin aínda lle agarda unha longa vida? 

Todo ten sentido dependendo do uso que se lle dea. Hai colectivos de cidadáns ós que chegas con medios máis convencionais e outros ós que chegas empregando as redes. E según cal sexa, conectas cun perfil ou con outro. O mitin xa é só para adeptos, pero non implica que non se deba facer. O que permiten as redes é ir a por outra xente que non está tan convencida e, nalgúns casos, tratar de desmobilizar ó electorado dos contrarios. Pódense empregar tanto para reforzar a túa mensaxe como para prexudicar ós teus rivais. No momento actual non se pode prescindir de ningún medio, porque con cada un se chega a distintos sectores da poboación. 

Hai algunha plataforma ou rede que mande sobre as outras? 

Eu diría que non, porque iso depende das estratexias de cada partido. E da súa honestidade. 

Cales serían as regras básicas para poñer en marcha unha campaña política a través das redes? 

Non podería dicir agora un decálogo, pero dúas cousas son especialmente importantes. Unha é adaptar a túa mensaxe e o teu ton ó público ó que te vas dirixir, e outra é que os contidos teñan unha alta carga emocional, porque está demostrado que son os que xeran maior resposta. Reaccionamos moito máis ante cousas que nos tocan a fibra sensible (para ben ou para mal) que ante outros. 

Comunicación 4.0: "As redes pódense empregar tanto para reforzar a túa mensaxe como para prexudicar ós teus rivais políticos"

Como se pode captar a atención dos usuarios? 

Un vídeo on line, ós 30 segundos, xa perdeu un tercio do seu público. Hai moi pouco tempo para captar a atención da xente, polo tanto, os contidos teñen que ser concisos, directos, curtos... e preferiblemente que leven imaxes ou vídeos, porque eses teñen moitísimo máis engagement (seguemento). 

Faise bo o tópico de que o que non está na rede non existe...

Por exemplo, acabo de ler o caso dun candidato demócrata d Estados Unidos que estivo pagándolle a influencers para que fixeran memes sobre el e aumentara a súa popularidade. É dicir, pagaba porque fixeran chanza del. 

Internet pode ser un bo escaparate para os partidos minoritarios? 

Obviamente, nos medios de comunicación convencionais os espazos están limitados e dependen da representación. O mesmo ocorre co papel nos xornais. Por iso, para os máis pequenos, a rede supón a gran posibilidade de acadar un nivel de visibilidade que polas vías convencionais non terían. 

O adianto electoral obrigará a moitos partidos a acelerar as súas estratexias de comunicación e mesmo, nalgún caso, ter que improvisar. Cal é o erro típico que non se debería cometer? 

Diría que o peor erro é dar bandazos na comunicación, que non se manteña o ton ou a liña que se viña mantendo, porque amosa falta de coherencia. Outro erro xeral é montar perfís en redes sociais de candidatos e campañas para construír consignas de partido, e despois non se usan nunca máis, quedan aí esquecidos. Iso afecta á credibilidade. Hai políticos que teñen unha presenza frecuente nas redes e outros que parece que as descubren cada vez que chega unha campaña. E en terceiro lugar, algo que, como cidadán, tócame moito os narices, que é a utilización de perfís falsos para reforzar a mensaxe do teu partido e convertela en tendencia a base de que todo o mundo a rebote, ou o caso contrario, facer un acoso e derrubo a través desas contas. O preocupante é que estamos ante algo tan xeralizado que parece asumido, aínda que a min me fastidia bastante. 

Erros recurrentes: "Non se deben dar bandazos na comunicación nin montar perfís só para construír consignas de partido"

Incidindo niso, cada vez hai máis fake news, especialmente en campaña. Inventar novas ben para ensalzar ou ben para dinamitar un partido ou un candidato. E semella que a mentira impacta máis que o desmentido... 

Esa guerra sucia é relativamente doado de identificar, pero por expertos. O problema é que adoita haber moita máis xente disposta a crer a mentira que o desmentido. A maiores, hai unha serie de poderes políticos, económicos, etc. interesados en sementar a desinformación, porque hai unha chea de xente disposta a crela, porque quere crela. Porque esa mentira reforza o seu punto de vista. Se un está convencido de que tal político é un facha ou de que un comunista vai en Mercedes, dálle igual o desmentido posterior, porque a primera nova, a falsa, reforza os seus prexuízos. Hai unha frase feita que di que ‘estamos máis dispostos a crer mentiras reconfortantes que a aceptar verdades incómodas’ e eu a suscribo. A xente tende a buscar contidos que reforcen os seus propios prexuízos.

Uso das redes: "Twitter está sobrerrepresentado nos medios, Youtube case o dobra en números de usuarios"

Existen estudos sobre os perfís dos usuarios de cada rede. Cales son? 

Segundo o último informe do Interactive Advertising Bureau,  en Facebook está a xente ‘maior’, cunha media de 39,2 anos; a de Twiter, 38,3; YouTube, 37,4; Instragram 35,5; e logo está TikTok, que non aparece no informe pero a maioría dos usuarios non pasan dos 20 anos. 

E de todo o abano dixital, cal sería a plataforma máis axeitada para transmitir unha idea política? 

Fálase pouco de YouTube, pero é unha rede cun enorme potencial. O mesmo que WhatsApp, que nalgúns países (coma Brasil, Turquía ou India) funciona moi ben no eido político, aínda que en España non tanto. Pasa todo o contrario con Twitter, que dende o meu punto de vista ten unha sobrerrepresentación nos medios de comunicación, porque non é unha rede que use tanta xente como as outras. Pero gústalle ós políticos, ós xornalistas, ós profesores... Entón hai un sistema que se retroalimenta de nós mesmos, porque é habitual que nun informativo saia un tuit dun político dixo certa cousa... Case é a vía oficial de comunicación e vénseme á cabeza a Donald Trump. Pero a rede preferida polos españois é YouTube, cun 89%; WhatsApp, cun 87%; Facebook, cun 82%; Instagram, cun 54% e Twitter cun 49%, case a metade que YouTube.

Comentarios