Xeración Sónica, volume dous

O día 1 de febreiro sairá publicado nas plataformas dixitais o segundo recompilatorio de Xeración Sónica, unha iniciativa de asesoramento e creación musical dirixida a adolescentes, que lle plantou cara á covid 
Os compoñentes de Haku, esta semana, no Local de Música de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Os compoñentes de Haku, esta semana, no Local de Música de Pontevedra. RAFA FARIÑA

Haku, Froalla, Kid Cobra, Level Up, Yugen e The Rise of the New World son os seis grupos, formados por mozos e mozas de Pontevedra, que participaron na segunda edición de Xeración Sónica (X-Sónica). O día 1 de febreiro sairá publicado nas distintas plataformas dixitais o recompilatorio cos seus temas, o segundo desta iniciativa, que reúne as cancións compostas no curso 2019-2020, de distintos estilos (de pop-rock a electrónica), todas en galego e nacidas dentro deste proxecto respaldado polo Concello dende 2018 e dirixido a adolescentes que, por idade, xa non poden apuntarse aos obradoiros municipais infantís de música, Rocklab, que admiten cativada ata os 12 anos, e que aínda non poden ir pola súa conta ao Local de Música do Concello, onde se pode ensaiar a partir dos 16 anos. "Xeración Sónica era unha necesidade. Hoxe ten entidade propia", puntualiza Gonzalo Maceira, o músico e mestre que coordina a actividade xunto cos tamén músicos Violeta Mosquera e Álex Alonso Gayoso.

Melloramos en cuestións como perder a vergoña. Gañamos confianza

Como xa pasou na primeira edición, volven ser seis bandas (26 mozos e mozas) as que publicarán doce temas neste álbum que sae en pleno desenvolvemento xa da terceira edición de Xeración Sónica, "na que apostamos por conectar co ensino público, desde cos colexios e institutos ata co campus universitario". O traballo será publicado polo selo Arte Calavera, unha firma editorial creada polos responsables do proxecto para darlle saída ás propostas que ían nacendo.

A primeira vez que entramos no estudio foi incrible. Os concertos son algo máis orgánico

DE CABEZA. Sara Castro (voz e guitarra), Arturo Caramés (baixo), Martín Flores (teclado) e Joan Monteagudo (batería) son os compoñentes dun dos grupos veteráns de Xeración Sónica, Haku, que toma o nome dun personaxe da película de animación xaponesa A viaxe de Chihiro. Participaron nas tres edicións que leva a iniciativa e incluíron temas tanto no álbum que se publicou o ano pasado como no que está a punto de saír. Din que se alguén lles comentase que dubidaba se apuntarse ou non ao proxecto, simplemente lle contestarían: "De cabeza!". Eles están moi contentos coa experiencia. "Cando chegamos, todos viñamos algo nerviosos, pero merece moito a pena".

O mellor é o proceso de creación das cancións. Por separado non conseguiriamos facer nada, pero xuntos aquí si

Entraron en Xeración Sónica co grupo medio montado, aínda que recoñecen que as posibilidades que lle ofreceu esta iniciativa, na que a rapazada conta con músicos profesionais que os guían á hora de enfrontar a composición de temas, os ensaios, as gravacións e os directos, son moito máis importantes das que terían acadado pola súa conta. "Melloramos moito en cuestións como perder a vergoña á hora de actuar en público. Gañamos máis confianza e isto axudounos a probar cousas novas, a ser mellores compositores e mellores músicos. Deunos moitísimas ás". De entre todo o que fixeron, o que máis lles gustou foi traballar no de gravación. "A primeira vez que entramos no estudio a gravar foi incrible". O único que botaron en falta este último ano, no que Xeración Sónica tivo que plantarlle cara a covid implantando medidas de seguridade sanitaria contundentes, foron os concertos. "Tocar en vivo é algo moito máis orgánico".

Non hai que vir con medo. Aquí vénse a aprender e a pasalo ben

Tamén estraña o de subir ao escenario Froalla, outra das bandas que está en Xeración Sónica dende a súa posta en marcha. Os seus compoñentes son Noa Abad (voz, guitarra e teclados), Nee Barros (baixo e voz), César Poza (guitarra e coros) e Andrés Pazos (batería). "Nós non viñamos co grupo xa formado, entramos cada un pola nosa conta e xuntámonos aquí. Somos persoas con gustos musicais diferentes que conseguimos encaixar e o resultado é bastante interesante. E iso saíu en Xeración Sónica", explican. "A conexión entre nós conseguímola aquí e é o que máis mola". Din que lles gusta o conxunto do traballo que realizan. "Pero o proceso de creación de cancións que facemos entre todos é o mellor desta experiencia", engade Noa Abad. "Eu soa sei que non conseguiría facer nada, pero con eles si". O mellor de Xeración Sónica é o proceso colaborativo e... a diversión. "Non hai que vir con medo, pensando ui, a ver se non vou saber tocar ben, ui, a ver se non se me vai ocorrer nada. Aquí vénse a aprender e a pasalo ben. Por iso é un proxecto tan chulo".