Xesús Lage: " Unha política natalista ten que ver coa conciliación, a educación..."

A baixada do número de nacementos que experimenta Galicia xa se está a converter nun problema incluso na ensinanza superior 

O sociólogo Xesús Lage considera que a falta de natalidade e o paulatino envellecemento da poboación ten graves consecuencias "económicas, demográficas e incluso culturais", pero que aínda non é tarde para facer "políticas de estado" para reverter a situación actual.

Xesús Lage, sociólogo e profesor na Universidade de Vigo. CEDIDAUn país envellecido cunha natalidade en descenso... É o peor escenario demográfico?

A caída da fecundidade prodúcese xa no ano 75, cando remata o período do ‘baby boom’, aínda que en Galicia, pola tradición emigrante, esta época non tivo a mesma intensidade. Esa caída repercute nun envellecemento que no caso galego non é nada novo. Vivimos máis, nacen menos e o crecemento natural dá lugar a un retroceso demográfico moi preocupante, sobre todo porque somos un territorio no que a estrutura económica ten dificultades para xerar empregos de calidade que reteñan novas xeracións E, ao mesmo tempo, como territorio non temos capacidade de atraer inmigrantes como si teñen outras rexións do estado.

"Para ver cativos xogando tes que ir ás cidades, que é onde hai parques infantís e ves pais e avós cos nenos"

A chegada deses migrantes podería axudar a recuperar un pouco a curva da natalidade?

Si. Está rexistrado e comprobado que cando chegan parellas novas contribúen de forma decisiva a 
incrementar a fecundidade, porque habitualmente teñen pautas de natalidade  máis altas que a poboación galega. É o caso dos colombianos, dos dominicanos, dos ecuatorianos... Aínda que nestes casos ás veces esas familias teñen fillos pero os deixan ao cargo dos familiares nos países de orixe.

Que consecuencias ten esa poboación envellecida?

Económicas, demográficas e incluso culturais. Porque unha poboación cunha media de idade alta, non é necesariamente conservadora, pero teñen outra mentalidade. Todo depende de que haxa xeracións novas dispostas a implicarse no desenvolvemento local. Ten consecuencias incluso na paisaxe social. Para ver cativos xogando tes que ir ás cidades, que é onde hai parques infantís e ves pais e avós cos nenos. Cada ano péchanse aulas de Infantil e Primaria por falta de nenos. Nalgún momento isto tamén influirá nas universidades. Si, xa se está notando. De aí as estratexias do Sistema Universitario Galego de ir flexibilizando a esixencia con oferta de semipresencialidade, que está cada vez máis presente, ou a educación de adultos. Na medida na que o público xuvenil se reduce o esforzo das universidades por ampliar a súa actividade formativa cara a outros públicos é unha constante en todas as universidades españolas.

"Os inmigrantes habitualmente teñen pautas de natalidade máis altas que a poboación galega"

Que habería que facer?

Os científicos, os demógrafos e os estudosos veñen advertindo disto dende fai décadas pero os políticos non teñen tomado suficientes medidas nin hai políticas de estado que teñan posto medidas para que isto se paliara, como as axudas ás parellas que teñan fillos. Non tanto axudas directas, que non son políticas natalistas. Unha política natalista ten que estar relacionada coa conciliación, cun sistema público de escolas infantís de carácter universal, que cando teñas fillos ou esteas embarazada non temas polo teu posto de traballo, que non acabe repercutindo no teu futuro profesional... E a precariedade laboral non axuda nada. Se tes traballos en precario, como vas formar unha familia? Queres unha certa estabilidade, un proxecto de vida, un entorno de crianza. Isto non se dá. non houbo políticas neste sentido e, en xeral, o sistema de prestacións sociais é moi feble.

E chegamos tarde para impulsar a natalidade ou aínda estamos a tempo?

Dende logo estamos nunha posición bastante preocupante. É tarde? Non, os problemas están definidos, non son novos. Pero hai que ter vontade e xestionar recursos. E teñen que ser políticas de Estado, non pode ser que cando chega alguén novo ao poder desfaga todo o anterior. A xente non é que non queira ter fillos, senón que quere determinada calidade na súa vida para a a súa crianza. E son políticas que precisan de cambios estruturais e de anos. Estamos falando de cuestións que afectan ao conxunto da poboación e teñen que ter ese carácter vertebrador e transversal. E, paralelamente, está o tema das políticas migratorias. Precisamos inmigrantes, así de claro. Que é difícil a integración? Si, pero hai que facelo. Porque, quen vai coidar a unha poboación sobreenvellecida se ademais non hai recursos  para acoller a toda esa demanda de poboación?
 

Comentarios