Xoana Pintos Barral: "Se preguntas nomes de científicas, a maioría só sabe o de Marie Curie"

'Mulleres na ciencia, mulleres na sombra’ foi o título da ponencia que esta doutora en bioloxía e esppecialista en estudos de xénero ofreceu no Pazo Provincial
Xoana Pintos Barral. CEDIDA
photo_camera Xoana Pintos Barral. CEDIDA

Estudar a achega das mulleres á ciencia e á investigación e contribuír á súa divulgación para que ás nenas e mozas conten con referentes nos que poder e querer mirarse é un dos obxectivos do traballo que leva desenvolvendo desde hai anos Xoana Pintos, quen a vindeira semana presenta no Museo de Historia Natural da USC un libro baixo o selo de Galaxia no que fala das primeiras científicas da Universidade de Santiago. Onte, en Pontevedra, foi unha das protagonistas do ciclo de conferencias Aida Fernández Ríos, organizado pola Deputación e a Real Academia Galega de Ciencias.

O título da súa ponencia foi 'Mulleres na ciencia, mulleres na sombra'. Hoxe en día segue a ser así?
Para empezar, depende do país do que falemos. En Europa ou no mundo occidental estamos no centro da avanzadilla, pero non é así en todas partes. En moitos países as mulleres seguen recibindo moi pouca ou nula educación. Se miramos o noso caso, agora as científicas non están tan na sombra coma no pasado, pero si segue habendo discriminación. As mulleres seguen sendo menos citadas polos seus traballos que os varóns, os tribunais cualificadores seguen sendo maioritariamente masculinos, ao igual que os tribunais que fan as seleccións... Entón, si que hai certas sombras.

A poboación en xeral nin sequera coñece apenas nomes de mulleres científicas, non?
De feito, eu sempre empezo nas miñas intervencións pedíndolle á xente que me diga nomes de científicas e, se borras a Marie Skłodowska-Curie, a maioría da xente non pode dicirche nin un máis ou como moito dous ou tres, pero acabouse. Se xa lle dis que sexan españolas, igual che din María Blasco e xa. E se lles pides que sexan galegas, quizais che respondan María José Alonso. Pero en xeral, incluso en medios nos que se deberían coñecer máis, non se coñecen. Moitas veces porque se usa só o apelido e nin sequera se sabe que é dunha muller, salvo que o seus achados sexan moi famosos. E ás veces incluso porque simplemente llos roubaron ou desapareceron. Hai moitos sistemas de ocultación.

As mulleres científicas son menos citadas que os varóns e os tribunais son masculinos maioritariamente


Falta entón moito traballo de divulgación sobre o importante papel das mulleres na ciencia por parte das institucións públicas e tamén nos centros de ensino?
Si. As administracións deberían estar promovendo a súa difusión, en especial no ámbito educativo, porque se queremos que realmente exista igualdade nas carreiras científicas e se queremos promover que as nenas cursen estudos científicos ou tecnolóxicos, temos que darlles referentes.

Nas carreiras STEM o profesorado segue a ser maioritariamente masculino ou nese ámbito hai paridade?
Cada vez hai máis profesorado feminino e tamén máis alumnado, pero segue habendo desigualdade. Nas carreiras tecnolóxicas aínda máis.

As institucións públicas deben promover a difisión das mulleres da ciencia para darlles referentes ás nenas

Que achegan as mulleres á ciencia diferente do que achegan os homes?
Unha persoa achega sempre o que leva detrás. Ti tes unha visión do mundo en función da túa formación e experiencias. As mulleres fomos educadas de maneira diferente e por iso temos un enfoque da vida diferente e buscamos solucións diferentes ao mesmo problema. Poño un exemplo: agora mesmo as mulleres estaremos máis interesadas en fomentar ou desenvolver ou apoiar calquera iniciativa que nos leve a un sistema de anticoncepción que pase polos varóns e non sempre polas mulleres, que haxa unha píldora para os homes. Creo que iso eles non o van promover.

A semana que vén presenta o seu libro ‘Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago’. Que foi o que máis lle chamou a atención cando se achegou a esas pioneiras que tiveron que superar tantas barreiras e demostrar tanta determinación?
O seu valor e a súa capacidade de traballo. Puxéronlles moitos inconvintes e tiñan moitos atrancos. Imaxina unha rapaza que tiña que saír da casa acompañada, chegar á facultade e que alí a recollera un bedel que a deixaba pechada nunha aula ata que viña o profesor, que a recollía e acompañaba a dentro da aula e axuntaba aos homes a unha primeira fila. Todos os días pasando por esa situación ten que ser terrible. Moitos profesores botábanas para atrás, non as querían, non querían esa competencia... E elas, sempre tendo que pedir permiso, sempre tuteladas... Tes que ser unha persoa moi decidida para soportar iso e seguir. E elas érano, ademais de súper traballadoras, cuns expedientes extraordinarios. E tanto aquí como noutras partes, esas mulleres que pelexaron tanto, á súa vez apoiaron moito ás seguintes xeracións de alumnas. Iso tamén me parece moi destacable.

No ámbito científico, segue existindo teito de cristal?
Penso que si, nalgúns ámbitos determinados, como por exemplo nos tribunais, e nas direccións de de departamento tamén hai unha barreira. Pensa en reitoras, que son un 5%; ou en catedráticas, que non son nin un terzo do total. En niveis superiores tampouco hai paridade en absoluto.

Comentarios