Xoga demanda a aprobación da lingua de signos galega e que sexa materia educativa

A Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia convoca o concurso provincial 'Xoga coas manciñas' para o alumnado de Infantil

A rolda de prensa contou cunha intérprete de lingua de signos. DAVID FREIRE
photo_camera A rolda de prensa contou cunha intérprete de lingua de signos. DAVID FREIRE

"Queremos fomentar a lingua de signos galega, que se aprobe oficialmente, xa que hai estudos universitarios que demostran que existe. É moi necesario que se aprobe", manifestou onte a presidenta da Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia (Xoga), María Jesús Monterde, na presentación dos actos de celebración do Día Nacional da Lingua de Signos, que se celebrará o 14 de xuño.

Na comparecencia, celebrada no Concello, Monterde estivo acompañada da concelleira de Benestar Social, Anxos Riveiro; os deputados provincias Digna Rivas (Cohesión Social) e Xosé Leal (Lingua e Cultura), e outra representante de Xoga. Non faltou unha intérprete para "traducir" as declaracións.

A lingua de signos é "unha ferramenta fundamental e vehículo de comunicación para as persoas con perda auditiva", polo que, co gallo da celebración deste día, Xoga organiza unha serie de actos de sensibilidazión, para "visibilizar e normalizar" o uso desta lingua entre os escolares e a cidadanía en xeral da provinicia.

A gran novidade será a convocatoria do concurso "Xoga coas túas manciñas", dirixida ao alumnado dos dous ciclos de Educación Infantil (de un a seis anos de idade). Os participantes deberán gravar un vídeo dun conto ou unha canción dun autor en galego en lingua de signos, neste caso a castelá, a única recoñecida e cooficial na provincia. "Con este concurso queremos incentivar que os cativos se desenvolvan na lingua de signos e que mesmo poida ser unha materia propia", apuntou a presidenta da organización.

O fallo do concurso será o 8 de xuño e os premios entregaranse o 14. Ademais, ese día grande colocarase unha pancarta conmemorativa no balcón do vello Consistorio da Praza de España e iluminarase en azul turquesa, ao igual que o Pazo Provincial. Ademais, a praza da Peregrina acollerá ás 19.30 horas un contacontos e xogos en lingua de signos para rapaces de ata seis anos.

Monterde lembrou que a lingua de signos española foi recoñecida como oficial en 2007, pero o seu desenvolvemento efectivo e posta en práctica seguen pendentes.

Comentarios