Xornadas de portas abertas ou como 'vender' un colexio e captar alumnado en marzo

O director do CEIP Praza de Barcelos destaca a coordinación entre o equipo docente e as familias e a ilusión para conseguir proxectos pendentes

Unha parella de pais, visitando o CEIP Praza de Barcelos. RAFA FARIÑA
photo_camera Unha parella de pais, visitando o CEIP Praza de Barcelos. RAFA FARIÑA

O vindeiro 1 de marzo abrirase o período de solicitude de praza nos centros educativos de cara ao vindeiro curso, polo que as familias con nenos que cumpran tres anos de idade en 2018 deberán decidir en cal queren matriculalos para iniciar a súa aventura escolar en 4º de Educación Infantil –aínda que legalmente non sexa obrigatorio que o fagan ata Primaria–. De aí que colexios e escolas vexan nestas semanas unha oportunidade para captar novo alumnado nun momento no que a baixada da natalidade supón un risco para o peche de unidades e mesmo a redución dos equipos docentes.

É por iso que moitos deles organizan xornadas de portas abertas para venderse e, de paso, facilitarlle ás familias indecisas a posibilidade de coñecer o centro e a filosofía de traballo antes de decantarse por unha opción. É o caso do CEIP Praza de Barcelos, que celebrou o martes esta xornada, á que acudiron 24 persoas, segundo explicou o seu director, Ángel Rodríguez. "En Primaria case non hai prazas, pero en Infantil quedan algunhas". Agora mesmo, nas clases de tres anos hai cubertas 38 das 50 prazas ofertadas. En todo Infantil son 107.

Despois de ter recuperado a unidade perdida pola falta de alumnado, o colexio leva un par de cursos presumindo de boa saúde en canto a matrícula e así quere seguir. "Vendemos a nosa ilusión polo traballo e a coordinación entre o profesorado e as familias, porque somos unha comunidade unida". Deste xeito, todos xuntan forzas para mellorar as instalacións. Esa loita "non vai parar" coa consecución do patio exterior, na propia praza, xa que botan en falta un salón de actos. "Hai familias que seguen achegando ideas, como a de facerse co solar do antigo Diario de Pontevedra –exemplifica–. As familias están comprometidas coa causa do colexio".

ESTABILIDADE. Rodríguez subliña que non só detectaron o interese de familias da zona de influencia do colexio, senón tamén de outras. "A ver se logo se reflicte na matrícula. Queremos deixar de ser o colexio que acolle o goteo ao longo do ano e acadar máis estabilidade". O prazo de solicitude de matrícula estará aberto do 1 ao 20 de marzo e as familias deberán presentar a documentación correspondente no colexio elixido para escolarizar aos seus fillos.

Outros centros públicos, como o CEIP A Xunqueira I, tamén farán xornadas de portas abertas, neste caso o martes 27 de febreiro. É tamén a data elixida por un concertado, Doroteas, que amplía as visitas ao 6 de marzo. Outro privado sostido con fondos públicos, o Sagrado Corazón, tena anunciada para este xoves pola tarde.

Comentarios