A xornalista de Diario de Pontevedra Sara Vila gaña o premio Illa Nova de Narrativa

A súa obra, 'Oito días sen Eva Cortes', impúxose por unanimidade
Sara Vila. RAFA FARIÑA
photo_camera Sara Vila. RAFA FARIÑA

A gañadora da quinta edición do Premio Illa Nova de Narrativa para menores de 35 anos convocado pola Editorial Galaxia, en colaboración co Ámbito Cultural de El Corte Inglés, foi a xornalista de Diario de Pontevedra Sara Vila Alonso pola novela Oito días sen Eva Cortes.⁣

O xurado, composto por Diego Giráldez, Beatriz García Turnes, Lara Dopazo, Xosé Ricardo Losada, Selina Otero e Malores Villanueva destacou a súa "prosa sólida e o magnífico control do ritmo narrativo dende o inicio. A autora é quen de construír personaxes poliédricos nunha novela que combina tres voces narrativas. Destacan as pasaxes dun caderno que manexa unha narrativa máis lírica e o paso a unha escrita máis xornalística e apegada á realidade". ⁣

A autora mostra tamén un gran dominio da lingua e achégase a temas como o sensacionalismo xornalístico, a xenofobia ou a estratificación das redaccións dun xornal. ⁣

A novela repasa asuntos que atravesan a todas as mulleres, como o desexo (ou non) de ser nai, o poder sobre o propio corpo, a independencia económica, o pracer ou a liberdade. Pero tamén sobre o medo que produce a certeza de saber que calquera de nós podería ser a muller desaparecida que protagoniza horas de tertulias televisivas e páxinas de xornais.⁣

Oito días sen Eva Cortes impúxose por unanimidade ás demais obras presentadas pola súa solvencia narrativa, pola historia que atrapa dende o primeiro capítulo e polo tratamento de moitos temas de plena actualidade dende o cuestionamento.

Esta é a primeira novela para a xornalista, que en 2016 gañou o primeiro premio do Certame de Relatos Curtos Os Viadutos, do Concello de Redondela, e en 2019 acadou o segundo premio Comunicar en Igualdade, que convoca a Xunta de Galicia, por un artigo de opinión publicado no Diario de Pontevedra.⁣