"Os libros son terapéuticos"

O director de Kalandraka e presidente da Asociación Galega de Editoras, Xosé Ballesteros, charla con Ramón Rozas na primeira cita da quinta edición de Conversas na Uvi

Xosé Ballesteros, nun momento da conversa celebrada na Casa das Campás. RAFA FARIÑA - Conversas na Uvi
photo_camera Xosé Ballesteros, nun momento da conversa celebrada na Casa das Campás. RAFA FARIÑA

A súa traxectoria como editor á fronte da editorial Kalandraka centrou este martes a charla que mantivo o director do selo pontevedrés, Xosé Ballesteros, co crítico Ramón Rozas, na que foi a primeira cita da quinta edición de Conversas na Uvi, un ciclo promovido polo Diario de Pontevedra e a Universidade de Vigo. "Os libros son terapéuticos", comezou dicindo Ballesteros. "No meu caso, ademais, salváronme: foron unha salvación contra a ingratitude da vida".

O editor lembrou no salón de actos da Casa das Campas, que se encheu para escoitalo, os inicios de Kalandraka e algúns dos seus fitos, dende converterse no primeiro (e único) selo galego que conseguíu o Premio Nacional a la Labor Editorial ("foi como se nos tocara a lotería sen ter xogado") ata a creación dunha canle de televisión propia en internet.

"Eu non tiña libros na casa cando era cativo, pero a min gustábame ler", lembrou. "Non tiña libros, entre outras cousas, porque a literatura infantil e xuvenil en España desapareceu durante a ditadura. Pero grazas ás lecturas que fun facendo, cambiei o meu destino, o dun rapaz que comezou a traballar aos 14 anos como mozo dos recados que podía acabar sendo dependiente de El Corte Inglés polo de editor de libros. E facer libros é marabilloso".

Público que encheu o salón de actos da sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para escoitar a charla. RAFA FARIÑA - Conversas na Uvi
Público que encheu o salón de actos da sede da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra para escoitar a charla. RAFA FARIÑA
 

RESPONSABILIDADE. Ballesteros eloxiou a súa profesión ao tempo que lembrou que ía máis alá de "facer libros bonitos". "Ser editor é gratificante, pero dunha enorme responsabilidade. Hai libros que marcan as biografías, os nosos itinerarios como persoas. Por iso é que os editores de libro infantil e xuvenil temos unha enorme responsabilidade, porque creamos a memoria do futuro".

"Unha das razóns da creación da editorial era a de axudar a normalizar o idioma deste país, que se perde. E aí seguimos"

Neste sentido, o editor lembrou que o nacemento de Kalandraka, que se produciu por casualidade, cando os selos máis importantes de Galicia non apostaban polo álbum para cativos, rachou co mito de que en Galicia só funcionaba o libro galego que se recomendaba nas escolas. "Hoxe temos 20 anos e xa podemos ler de todo", indicou ao respecto da ampliación das súas coleccións. "Os nosos lectores foron medrando e nós decidimos acompañalos. É un luxo poder publicar a Francesco Tonucci ou unha colección de teatro en galego. Isto último podería parecer un capricho, pero é que unha das razóns da creación de Kalandraka era a de axudar a normalizar o idioma deste país e aí seguimos. Porque vemos que a lingua se está a perder". Máis tarde, insistiu no mesmo: "De seguir así, as seguintes xeracións verán a morte do idioma".

Ballesteros presumiu de editar todos os títulos do selo pontevedrés simultaneamente en sete idiomas, entre eles, todos os oficiais da Península Ibérica. "Iso deunos o peso suficiente como para poder publicar a Maurice Sendak, por exemplo". Ao tempo, explicou que conseguir meter libros entre os máis vendidos non é a súa máxima prioridade. "Hai libros que son unha bazofia que se venden moitísimo. E hai libros que non se venden e son dunha enorme calidade", explicou. E contou que el tiña na cabeza, á hora de publicar, precisamente a máxima de Sendak de que o álbum ilustrado respondía a un equilibrio tal entre texto e imaxes que se convertía nun tecido no que non se percibe nin unha costura.

"Hai libros que son unha bazofia que se venden moitísimo. E hai libros que non se venden e son dunha enorme calidade"

"Nós intentamos conseguir iso. Ás veces acertamos e outras non. Pero o que temos claro é que o álbum ilustrado ten unha poética: ten que ser fermoso, si, pero tamén ten que emocionar. Calquera libro, se non emociona, nin divirte nin sorprende, é absolutamente prescindible". Neste punto reivindicou os contos clásicos. "Os contos clásicos son a primeira aprendizaxe do que vai ser a vida. O resto da literatura enténdese a partir deles".

Ballesteros reivindicou a posibilidade de traballar dende o que se considera a periferia. "Para nós Pontevedra é o centro do mundo", dixo. E fixo o mesmo coa calidade do traballo que se fai fóra das grandes capitais. "A metade do éxito de Kalandraka é a impresión dos contos que facemos en Anduriña, unha empresa de Poio, sempre o digo".

...AXENDA 🗓
27 de novembro ►O columnista Rodrigo Cota falará co candidato do PP á Alcaldía, Rafa Domínguez.

18 de decembro ►A xornalista María Varela charlará coa presidenta da Deputación, Carmela Silva.

Comentarios