Xosé Ballesteros repite á fronte da Asociación Galega de Editoras

"O sector segue estando moi tocado", sinala o director de Kalandraka. "Non somos pesimistas nin 'agoreiros', pero os datos falan: a saúde do libro galego é mala"

Xosé Ballesteros na sede de Kalandraka. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Xosé Ballesteros na sede de Kalandraka. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

De cada 100 libros que se publican en galego, 95 fano da man dalgún dos 40 selos que forman parte da Asociación Galega de Editoras (AGE). Xosé Ballesteros, un dos fundadores e director de Kalandraka, vén de ser reelixido como presidente deste colectivo, cargo que exerceu os dous últimos anos. "Realmente non é ningunha sorpresa porque os estatutos da asociación contemplan que unha directiva teña un mandato de dous anos, renovable por outros dous", explica o editor. "Así que é o que tocaba". O que está claro para el é que non haberá máis. "Iso é seguro. A responsabilidade de sacar adiante a asociación é de todos, pero eu defendo que as caras e os discursos se vaian renovando".

Ballesteros explica que os obxectivos que enfronta a AGE nesta segunda parte da súa presidencia pasan, por unha banda, por consolidar a recuperación económica e institucional deste colectivo que representa á maior parte do sector e, por outra, por traballar na proxección exterior do libro galego, entre outros aspectos clave no seu futuro. "O sector segue estando moi tocado. Non se trata de ser pesimistas nin agoreiros, pero os datos falan: a saúde do libro galego é mala".

Economía
"Foron dous anos de traballo duro, pero hoxe a situación da AGE é solvente, sen débedas e con cartos na caixa"

REFLOTAR. O editor lembra que o que tratou, nos dous anos que leva á fronte da AGE, foi salvala economicamente. "Foron dous anos de traballo moi duro para reflotar a asociación. Existía unha débeda enorme, non tiñamos local, tampouco secretaría técnica... Así que pasamos dun período de economía de guerra a un programa para apuntalar o gremio. Agora mesmo a situación económica é solvente. Pagamos todas as débedas e mesmo temos diñeiro na caixa. Temos local e temos secretaría técnica. Todo iso pese a que vivimos anos moi convulsos".

Porque Ballesteros recoñece que a edición en Galicia segue a pasar momentos difíciles. "Tanto pola perda de presenza no mercado do libro como pola situación das propias empresas, crítica en moitos casos".

Administración
"Hai unha Lei do Libro que é unha lei zombi. A Administración ten unha responsabilidade co noso sector que non asume"

Neste sentido, segundo di, a AGE xoga un papel importante no fortalecemento do colectivo de editores galegos. Agora mesmo, a asociación está a preparar o que será o encontro Galeusca de editoras (que reúne a selos de Galicia, Euskadi, Cataluña e Valencia cada dous anos e que en 2018 lle toca organizar á asociación galega). Celebrarase en xuño na Coruña. "A partir de aí seguiremos propoñendo xornadas de formación, faremos propostas para incrementar a nosa presenza nos mercados internacionais, acompañaremos aos novos proxectos editoriais... Ese é o camiño".

XUNTA. O presidente da AGE comenta tamén que, "se ben a relación cos responsables de Cultura da Xunta de Galicia a nivel persoal é cordial, dende o punto de vista da praxe, non é fácil".

Ballesteros mantén a súa postura crítica coa política que se segue co libro galego. "A política con respecto ao libro dos últimos gobernos de Núñez Feijóo é de recorte tras recorte. Eu quero pensar que non se atina coas solucións. Porque, se non fose iso, o que parece que hai é unha política de menosprezo absoluto cara un sector considerado estratéxico. Pero sobre o papel e nada máis", di. "Hai unha Lei do Libro aprobada no ano 2006, que é unha lei zombi. Nós reivindicamos o desenvolvemento integral desa lei. Reivindicamos que volva existir unha Subdirección Xeral do Libro. As empresas cumprimos co noso papel. Pero aquí hai unha responsabilidade da Administración que non se está a asumir".

Entra Miguel Toval no canto de Laura Rodríguez
Ballesteros volverá contar coa maior parte da xunta directiva coa que traballou os dous últimos anos. Só hai un único cambio: entra Miguel Toval, de Edicións Embora, e sae Laura Rodríguez, de Hércules. O resto do equipo está conformado por Henrique Alvarellos (Alvarellos Editora); María Xesús Gómez (Rodeira); Ana Guerra Cañizo (Edicións Obradoiro), Andrea Jamardo (Urco), Francisco Alonso (Edicións Xerais de Galicia) e Xulio Amigo (Editorial Galaxia).