Máis de 220 quilos de lixo recolleron a pasada mañana os voluntarios da cuarta xornada de limpeza do río Gafos. Nela, como nas anteriores, participou o portavoz e antigo presidente da asociación Vaipolorío, Xosé Feijóo, que leva moitos anos comprometido coa protección, estudo e divulgación do valor que ten o río Gafos como espazo natural.
Tras estas intensas xornadas de limpeza que están levando a cabo, cal é o estado actual do río Gafos?
Tendo en conta que levamos xa vinte e un anos limpando, encóntrase moi ben, salvo algún vertido puntual que se produce. Este ano xa notamos que en cuestión de lixo "novo" como latas de refresco ou envoltorios as cantidades son insignificantes porque na meirande parte dos casos trátase de lixo que leva alí moitos anos. Pero polo demais, pese a estar tremendamente transitado polos veciños e polos peregrinos, o río está bastante ben. Logo outra cousa é a zona urbana, que ten esa presión urbanística e ten más posibilidades de contaminación. Pero do que levamos limpado do rural, está estupendo, salvo, como dicía, algún verquido ou actividade industrial puntual.
"Para poder recuperar a Ponte do Couto habería que realoxar o asentamento de etnia xitana que ocupa a zona"
Como valora as batidas que levan realizadas nesta XXI Campaña de Limpeza do río?
Cada ano vai aparecendo menos lixo e a verdade é que afrontamos as xornadas que quedan, máis centradas na zona urbana da desembocadura, con moita máis tranquilidade, obviamente dependendo dos voluntarios que veñan. Pero a verdade é que, afortunadamente e como é normal, ano a ano sacamos menos lixo do río.
Notan máis sensibilización por parte da xente no que ten que ver co coidado de espazos naturais tan importantes?
Si o notamos. Evidentemente sempre hai unha porcentaxe pequena que ó mellor pois vai por aí e tira algún envoltorio ou algunha lata. Pero sí que notamos máis sensibilización. Por exemplo, o Camiño Portugués da como alternativa pasar polo tramo de Tomeza e entón pasan centos de persoas diariamente e non se ve ningún tipo de lixo a maiores. Tamén é verdade que o feito de ver unha zona limpia anima a non ensuciala, pero en xeral a xente ten un bó comportamento, xa non se ven esas imaxes de lixo por un lado e por outro.
"O feito de ver limpar unha zona como a senda do Gafos anima á xente que por alí pasa a non ensuciala"
Ademais desta limpieza, que precisaría o río Gafos para protexelo aínda máis?
Hai unha cuestión que levamos reclamando dende os inicios de Vaipolorío e que parece ser que o concello está traballando nela: destapar os 500 metros que tapan o río Gafos no seu paso por Campolongo. Outras das cuestións sería facer un control sobre os verquidos, pos algúns se producen nun sitios concretos e con certa periodicidade. Habería que investigalo para ver quen o orixina e poder corrixilo. Por outra parte, está o problema coa zona da Ponte do Couto, una das máis significativas de Pontevedra. Está arrodeado por un asentamento da etnia xitana e nós ese tramo non o limpamos porque é imposible. Son totalmente pacíficos pero teñen o modus vivendi que teñen. Habería que realoxalos e recuperar esa ponte histórica e descoñedida por moitos. Tamén habería que recuperar o patrimonio etnográfico, dende muíños a lavadoiros, ou polo menos dignificalos e consolidalos para que a xente poida saber da súa historia.
En campañas pasadas comentaban que chegaban a encontrar polo río obxectos tan inusuais como máquinas de escribir ou ata minas antitanques. Cal é o tipo de lixo máis raro co que se están atopando este ano?
A verdade é cada vez encontramos menos lixo que poderiamos denominar "atípico". A semana pasada encontramos unha cinta de casette que a saber cantos anos levaría alí tirada. Buscamos de quen era e se trataba do álbum De feria en feria do cantante Tixeritas. Temos un museo con estas cousas extrañas que vamos encontrando. Temos moitísimas botellas antiguas de vidrio de calidade recollidas doutros anos, case 200. Fixemos unha exposición hai un tempo en Pontevedra con moito éxito e incluso con algunha proposta de compra. Pero o museo do noso local non o temos aberto ó público porque implicaría establecer uns horarios, clasificar os obxectos e demais. Porén, non descartamos volver facer outra exposición de cousas curiosas que saíron do río cando as circunstancias sanitarias o permitan.
"Seguimos a reclamar ó Concello o destapamento do Río Gafos ó seu paso polo barrio de Campolongo"
Veñen de realizar un "lavado de cara" creando eses murais artísticos no paseo do río Gafos. Que máis proxectos ou iniciativas teñen previstas?
Temos previsto facer unha publicación máis, un libro sobre río Gafos que "xa está no forno" prácticamente rematado. Tamén temos outro proxecto arredor dun estudo sobre fontes e accidentes que levan o aporte de auga ó río. Logo temos certos proxectos anuais, como por exemplo a Noite dos Morcegos do 29 de agosto, destinada a desmitificar a maldade asociada a estes mamíferos que son en realidade moi beneficiosos para o ecosistema. Respecto ós murais, a idea e seguir o ano que vén recuperando as fachadas e facelas máis amables.Na zona urbana hai moitísimos edificios que están literalmente case encima do río e habería que recuperar. Son todos proxectos que seguimos facendo porque funcionan e porque contamos co apoio do Concello e outras organizacións. Estes proxectos moitas veces saen de ver outras experiencias con outros grupos. Hai moita xente por aí que ó mellor está traballando e non ten o seguimento que podemos ter nós en medios. A cousa é tratar de copiarse entre todas as asociacións ecoloxistas en beneficio dos espazos naturais.