Xosé Fortes e Ramón Regueira falan das 'Aulas da experiencia' na Universidade

O historiador e o filósofo analizarán o 'Programa para maiores do campus', o vindeiro 8 de setembro, nun coloquio organizado pola UVigo e Diario de Pontevedra

O 'Programa para maiores do Campus de Pontevedra. As aulas da experiencia'’ é o título do vindeiro coloquio do ciclo ‘'Encontros na Universidade de Vigo'’, unha actividade que organizan conxuntamente a UVigo e Diario de Pontevedra. Desta volta, o historiador Xosé Fortes Bouzán, e o mestre e filósofo, fundador da Aula Castelao, Ramón Regueira, falarán da experiencia dos maiores de 55 anos nas aulas. Xunto a eles estará a ex-alumna do Programa para maiores Pilar Blanco.

A actividade, moderada polo crítico de Diario de Pontevedra Ramón Rozas, terá lugar o martes 8 de setembro, ás 20.00 horas, na Casa das Campás. A entrada é libre e gratuíta.

'‘Encontros na Universidade'’ forma parte dunha serie de actividades da Vicerreitoría do Campus de Pontevedra que teñen como obxectivo dar a coñecer entre a cidadanía a formación e investigación que se desenvolve nas diferentes facultades e escolas universitarias. O ciclo abriuse o pasado mes de maio cunha charla do director da Escola de Enxeñaría Forestal, Enrique Valero, que estivo acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho. No mesmo mes houbo unha segunda sesción dos ‘'Encontros’' protagonizada pola decana da facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, Emma Torres. A que terá lugar a semana que vén é o terceiro encontro do ciclo.

O Programa para maiores da Universidade de Vigo "é un proxecto educativo dirixido á poboación adulta que pretende favorecer a súa incorporación á vida universitaria a través de programas de formación paralelos ás ensinanzas regradas", explica a UVigo. "Deste modo ofrecemos aos nosos maiores a posibilidade de incentivar as relacións interxeracionais, así como contribuír ao seu enriquecemento humano e cultural, proporcionando os instrumentos necesarios para garantir a formación ao longo de toda a vida e o seu desenvolvemento persoal e social".

Da súa propia experiencia falará Pilar Blanco, mentres Xosé Fortes e Ramón Regueira analizarán a importancia da formación na vida adulta dende a perspectiva dos mestres.

Xosé Fortes Bouzán (Cotobade, Pontevedra, 1934) é un dos historiadores galegos de maior relevancia. Pertencente á Unión Militar Democrática, foi detido e procesado durante o franquismo. Licenciado en Filosofía e Letras, ao saír do cárcere exerceu a docencia en Pontevedra.

Ramón Regueira (Melide, 1943), licenciado en Teoloxía e Filosofía pola Universidade de Salamanca, exerceu boa parte da súa carreira como docente en Pontevedra, onde se afincou. Aquí fundou, xunto a outros mestres, en 1981, a Aula Castelao.

Comentarios