miércoles. 13.11.2019 |
El tiempo
miércoles. 13.11.2019
El tiempo

Rexeitan demandar a Fomento no proceso polo "cobro abusivo" da peaxe de Rande

Obras en el puente de Rande. RAFA FARIÑA
Obras en el puente de Rande. RAFA FARIÑA

O custo do pase non se alterou durante a duración das obras, a pesar de reducirse as prestacións do tramo

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra desestimou a solicitude de Audasa, concesionaria da AP-9, para incorporar como parte demandada ao Ministerio de Fomento no procedemento aberto por "cobro abusivo" de peaxes durante as obras da ponte de Rande.

O xulgado admitiu a trámite o pasado mes de decembro unha denucia da Fiscalía contra a empresa por cobrar as peaxes íntegras durante as obras de ampliación da autoestrada na contorna da ponte de Rande, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018, a pesar das "retencións" e "atrasos" xerados.

Con posterioridade, Audasa esixiu o chamamento ao proceso da entidade pública, ao considerar que se vería "directamente afectada por unha eventual sentenza estimatoria das pretensións da Fiscalía", algo que foi rexeitado.

O xuíz instrutor subliña no auto que o caso iniciado é "totalmente independente das condicións da concesión administrativa da autoestrada, do sistema legal de fixación de peaxes ou das potestades administrativas do Ministerio de Fomento", pois do que se trata é "de avaliar a oportunidade de cobrar aos usuarios da AP-9 a totalidade da peaxe legalmente fixada, a pesar de que, debido a unhas obras, supostamente non se lles estaban prestando os servizos propios dunha autoestrada".

"Trátase, simplemente, da relación comercial entre a concesionaria, Audasa, e os seus clientes, na que o Ministerio non ten máis interese que o abstracto que poida ter calquera autoridade en que os servizos públicos funcionen correctamente", afirma o maxistrado.

Así, considera que a actividade de explotación da AP-9 que realiza Audasa é "de carácter meramente comercial", polo que as relacións que establece cos seus usuarios son "de carácter estritamente privado", sen intervención de Fomento.

Por iso, conclúe que "calquera proceso no que se discuta sobre os avatares desas relacións está perfectamente constituído coa soa intervención de Audasa e os usuarios ou as entidades que poidan actuar defendendo os seus dereitos".

Ademais, o xuíz indica no auto que a pretensión da concesionaria tamén debe ser rexeitada "por unha cuestión esencialmente procesual", xa que Audasa "non foi capaz de mencionar nun escrito de 17 páxinas que norma a habilita para instar a intervención provocada dun terceiro no proceso".

DEMANDA DA FISCALÍA

O Xulgado do Mercantil número 1 de Pontevedra admitiu a trámite en decembro a demanda de xuízo ordinario presentada pola Fiscalía contra Audasa por suposto cobro "abusivo" de peaxes entre 2015 e 2018, cando se mantiveron as tarifas establecidas a pesar de que as obras da ponte de Rande, na provincia de Pontevedra, provocaron "retencións" e "atrasos".

A demanda da Fiscalía realizouse en exercicio da acción colectiva de cesación, en defensa dos consumidores e usuarios, polas prácticas "abusivas" da empresa e expón a restitución das cantidades cobradas e de indemnización de danos e prexuízos.

O Ministerio fiscal sinala que se cobraron as peaxes íntegras durante "polo menos o tres anos, entre febreiro de 2015 e xuño de 2018" nos que duraron as obras da autoestrada na contorna da ponte de Rande, polo que transcorre a AP-9.

A Fiscalía precisa que nese período executáronse as obras no tramo da AP-9 nas ligazóns de Cangas e Teis, incluído a ponte de Rande, entre os puntos quilométricos 145,180 e 151,080.

As obras afectaron "de forma relevante e constante á fluidez do tráfico na autoestrada", debido a que estableceron "de forma permanente" reducións "tanto do número de carrís como dos límites de velocidade", ademais de realizar "sucesivas actividades propias das obras", que provocaron "constantes retencións e atrasos para os usuarios, ademais de diminuír as condicións de seguridade da vía".

Con todo, a pesar disto, o Ministerio Fiscal sinala que "a entidade concesionaria da autoestrada mantivo invariable o cobro das tarifas de peaxe", por tanto, "esixindo aos condutores o mesmo prezo que se a vía estivese en perfectas condicións" e, "mesmo, aplicando as subidas das tarifas".

Rexeitan demandar a Fomento no proceso polo "cobro abusivo" da...
Comentarios