jueves. 22.04.2021 |
El tiempo
jueves. 22.04.2021
El tiempo

A Xunta aumenta ata os 2,2 millóns as axudas aos galegos retornados pola covid-19

O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda (esquerda) na Oficina de Retorno da Xunta en Vigo. A.M.
O secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda (esquerda) na Oficina de Retorno da Xunta en Vigo. A.M.
Emigración habilita una liña para apoiar ás familias frente ás dificultades de inserción sociolaboral pola pandemia ▶ A outra convocatoria destínase a abordar os gastos extraordinarios derivados do retorno a Galicia dos emigrantes

A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Emigración, mantén aberta a liña de axudas para os galegos retornados ante situacións extraordinarias, aínda que incrementando considerablemente o montante económico previsto, tendo en conta a dificil situación que está sufrindo a poboación derivada da pandemia da covid-19.

Neste sentido, o departamento que dirixe Antonio Rodríguez Miranda, destinará a esta finalidade 2,2 millóns de euros, e terán como obxectivos fundamentais axudar a facer fronte aos gastos extraordinarios derivados do retorno e das dificultades que está provocando a actual pandemia.

A Secretaría Xeral traballa coa máxima sensibilidade cara aos problemas aos que teñen que facer fronte as familias de emigrantes retornados e, coma novidade, do orzamento total destinarase directamente, como mínimo, 500.000 euros a atender situacións de emerxencia xurdidas no último ano a causa da covid-19 neste colectivo.

Deste xeito, a convocatoria das axudas contará con dúas liñas diferenciadas. Unha delas destinada a axudar as familias cos gastos derivados do seu retorno da emigración, e a outra terá por finalidade apoiar á unidade familiar polas dificultades de inserción sociolaboral no actual contexto da pandemia. Os beneficiarios serían as persoas que residindo fóra de España con nacionalidade española, se estableceran na comunidade autónoma galega, tanto os nados na propia comunidade como os seus cónxuxes ou descendentes.

A maiores, deben contar tamén co empadroamento en Galicia e ter residido legalmente no estranxeiro un mínimo de tres anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno. No caso da primeira liña de axudas, a data de retorno debe estar fixada para o 1 de xaneiro de 2019, mentres para a segunda liña, as axudas poderán ser solicitadas por quen retornara a partir do 1 de xaneiro de 2018.

Voltar a Galicia é un dos plans de futuro de moitos dos emigrantes que aínda quedan en diversos países de todo o mundo

CONTÍAS. No que se refire ás contías máximas, no que respecta á primeira liña serán de 6.000 euros e no caso da segunda de ata 3.000 euros, todo dependendo do número de persoas que conformen a unidade familiar. En calquera caso as dúas liñas son incompatibles. O prazo de presentación estará aberto ata o próximo 30 de setembro inclusive.

A lista de emigrantes retornados vai crecendo cada ano e estímase que na última década terían superado os 40.000.

Unha das características das persoas que deciden voltar á súa terra despois de anos de emigración, é que non se trata de xente maior que ven para residir os seus últimos anos na súa terra natal ou na dos seus pais. A maior parte dos emigrantes retornados recibidos nos últimos son maioritariamente menores de 65 anos, e case a metade estaría por debaixo dos 45 anos. Son datos que, ademais da importancia do seu retorno, supoñen perfiles moi interesantes para a comunidade, con baixa natalidade e envellecemento da súa poboación.

MÁXIMA SENSIBILIDADE. Galicia puxo en marcha no ano 2018 a Estratexia Galicia Retorno como mecanismo integral de actuación para favorecer o retorno dos galegos no exterior, implicando así a todos os departamentos do Goberno galego, o que significou un enfoque pioneiro no ámbito do Estado español.

Esta estratexia tiña unha dotación de recursos superior aos 235 millóns de euros que amparaban as máis de 50 medidas que se puxeron en marcha e que levaron a Galicia a converterse na comunidade autónoma con maior índice de retorno de España.

O fundamento de traballo baséase nunha atención integral ás familias que volven, con asesoramento personalizado e medidas concretas que permitan a súa integración a todos os niveis: social, laboral, educativo… polo que todos os departamentos teñen iniciativas específicas para favorecer esta integración. 
 

Máis de 530.000 euros en axudas na provincia
A Secretaría Xeral de Emigración habilitou o ano pasado 235 axudas por un montante total de 533.650 euros na provincia de Pontevedra, dentro da súa convocatoria anual para o colectivo.

No caso da comarca de Pontevedra e Caldas, esta liña permitiu axudar a 38 familias cun orzamento de 83.950 euros. Deste xeito, a cidade do Lérez foi onde maior número de persoas obtiveron unha axuda, 21, seguido de Marín con seis, e Bueu, Ponte Caldelas e Valga con dúas cada un.

Deza e Tabeirós e O Salnés
Na comarca do Deza e Tabeirós, beneficiáronse 21 familias, cunha axuda global de 51.600 euros, sendo Lalín a vila na que máis persoas recibiron esta axuda, oito, seguida da Estrada con sete e Silleda con tres. Forcarei tivo dous beneficiarios.

No caso do Salnés, aprobáronse 18 axudas, cun total de 43.850 euros, destacando Vilagarcía con nove e Sanxenxo con catro.

 

A Xunta aumenta ata os 2,2 millóns as axudas aos galegos retornados...
Comentarios
ç