A Xunta convertirá o auditorio da Biblioteca nun espazo multiusos

Cultura reformará a sala, que inclúe un patio de butacas con 249 prazas e que actualmente está en desuso, para que poida acoller diferentes eventos

Unha actividade realizada no verán de 2010 no auditorio da Biblioteca Antonio Odriozola. LORENA CASTRO
photo_camera Unha actividade realizada no verán de 2010 no auditorio da Biblioteca Antonio Odriozola. LORENA CASTRO

A Consellería de Cultura ten previsto acometer en breve unha importante reforma na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra. De propiedade estatal, pero xestionada pola Xunta, a Biblioteca ten un auditorio, actualmente en desuso, que o departamento de Román Rodríguez quere rehabilitar. "Na Biblioteca Pública Antonio Odriozola temos pensado facer un investimento importante para reconverter o que era o espazo do salón de actos nun espazo multiusos para darlle un maior e mellor servizo á cidade", indica o conselleiro.

A intención de Cultura é intervir nese auditorio, que actualmente ocupan un escenario e 249 butacas, e transformalo nunha sala "na que se poidan facer actividades de todo tipo, dende exposicións a obradoiros pasando por conferencias e outras propostas".

Pontevedra é, sen dúbida, unha cidade cunha intensa vida cultural, di Román Rodríguez

O auditorio da Biblioteca Pública, un dos máis importantes do centro da cidade en canto a capacidade, apenas se vén usando nos últimos anos. "Efectivamente. Non está en bo uso", recoñece o conselleiro. "Por iso decidimos realizar este investimento e así contribuír a que a cidade de Pontevedra siga sendo un lugar no que a cultura está moi viva".

ACTIVIDADES INFANTÍS. Nos últimos anos, o auditorio da Biblioteca practicamente non se abría ao público. As últimas actividades de relevancia que se celebraron nel estaban relacionadas co ámbito infantil: contacontos e espectáculos teatrais. O obxectivo da Consellería é que o espazo volva entrar no circuito de salas culturais abertas ao público.

"Pontevedra acolle, por exemplo, Culturgal, a feira máis importante da cultura en Galicia, da que a Xunta é a principal patrocinadora, ou o Museo de Pontevedra, que é un dos principais museos de Galicia sen lugar a dúbidas. Estamos indiscutiblemente ante unha cidade cunha intensa vida cultural", recoñecía Román Rodríguez nunha entrevista publicada onte neste periódico. "Pero penso que podería ter incluso máis".

O novo recinto estará pensado para realizar exposicións, obradoiros e conferencias

Ao longo da súa historia, a Biblioteca Pública de Pontevedra, que abriu oficialmente as súas portas ao público no ano 1949, ocupou diferentes sedes. En 1960 pasou a compartir as instalacións da Casa Fonseca co Arquivo Histórico (rúa Colón). Desde 1987 ocupa o actual edificio da rúa Afonso XIII. Entre os seus fondos destacan dez incunables, 20 manuscritos e 1.849 libros raros dos séculos XVI, XVII e XVIII.

Forma parte da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia e da Red de Bibliotecas Públicas del Estado. Adicada a Antonio Odriozola, a súa xestión correspóndelle á Consellería de Cultura da Xunta.

Comentarios