domingo. 05.12.2021 |
El tiempo
domingo. 05.12.2021
El tiempo

A Xunta de Galicia refórzase como patrocinador principal de Culturgal

undefined
A música e o audiovisual forman parte do Plan de Reactivación Cultural. DP
O Salón da Cultura de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra, recupera o seu formato de primar a presenza física, a interacción e o intercambio profesional

A Xunta refórzase este ano como patrocinador principal de Culturgal, o Salón da Cultura de Galicia, que se celebra esta fin de semana en Pontevedra e que volve ao seu formato de primar a presenza física, a interacción e o intercambio profesional. Ademais da contribución económica, o Goberno autonómico recupera o expositor físico como punto de encontro para o público e programa de xeito directo 13 actividades que se incorporan ao intenso calendario de programación do evento.

As propostas da Administración autonómica porán o foco, entre outros, no potencial da industria dos videoxogos en Galicia e os plans da Xunta para fomentar propostas neste sector; na capacidade de iniciativas como o Hub Audiovisual da industria cultural, que se postula como unha útil ferramenta para reforzar o apoio ao audiovisual galego e atraer rodaxes a Galicia, ou no Bono Cultura da Xunta que está a incentivar o consumo neste outono cultural con descontos na compra de produtos e servizos culturais.

Coa súa participación en Culturgal, continúa a amosar e reforzar o seu apoio ao sector cultural no que, ao longo deste ano, destinou á súa reactivación 42 millóns de euros. Desde o primeiro momento da pandemia e a súa crise o Goberno autonómico emprendeu un traballo de constante diálogo co sector para dar unha resposta con urxencia aos sectores creativos a través de axudas directas ás empresas e profesionais, coa posta en marcha de ata tres plans de rescate e converténdose na primeira comunidade en aprobar un Plan de Reactivación Cultural.

Ademais, a Xunta está a levar a cabo accións encamiñadas a manter a programación, porque a gran prioridade pasou sempre por continuar e fomentar o emprego con novos formatos, reforzando as estruturas de programación e incentivando o consumo.

O Bono Cultura permite aforrarse un 50% do prezo de moi diversos produtos e entradas a actividades culturais e espectáculos

CONTINÚA O APOIO. Agora, o compromiso coa cultura segue a ser o mesmo que nos peores momentos da pandemia, e non só pensando na reactivación das industrias culturais galegas, senón tamén en retomar a senda do crecemento. Por iso, neste último trimestre do ano, a Xunta programa máis de 2.500 actividades culturais e o compromiso do Goberno galego continuará o vindeiro ano cun orzamento cultural que medra un seis por cento con respecto ao do exercicio actual.

Todo este esforzo colectivo entre institucións e o sector constátase en datos, tal e como se explica desde a Xunta. Algunhas das conclusións do último informe sobre a coxuntura estatística no ámbito cultural publicado hai uns días polo Consello da Cultura Galega apuntan a unha mellora da situación, en clave pospandemia.

Nese documento recóllese, por exemplo, que de xaneiro a setembro deste ano creáronse en Galicia 83 novas empresas culturais e que hai indicios da recuperación do emprego e do consumo cultural por parte dos fogares a niveis de 2019. Segundo o informe, as actividades de bibliotecas, arquivos, museos e os servizos de información encabezan as cifras máis altas de emprego seguidas de actividades relacionadas co audiovisual, actividades creativas e espectáculos. Tamén se rexistra unha clara progresión á alza do gasto público en materia de cultura neste último período.

Este ano particularmente, e no actual contexto sociosanitario, a Xunta pon en valor en Culturgal moitos dos proxectos culturais que puideron saír adiante grazas ás medidas en diálogo co sector ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura.

Entre as 13 citas programadas pola Xunta figuran moitos logros xa acadados ou produtos que son resultado concretos de diversas iniciativas xa en marcha: libros publicados, certames creativos ou iniciativas como o Bono Cultura, o programa de descontos en produtos e servizos culturais que a Xunta lanzou para incentivar o consumo e apoiar ao sector ata o 31 de decembro.

Presentarase a programación cultural do Goberno galego para o vindeiro ano
Culturgal tamén será unha plataforma para falar de futuro. Porase o foco en proxectos próximos e moi destacados de distintas disciplinas. Así, avanzaranse as programacións culturais da Xunta para o ano que vén, afondarase no potencial galego dos videoxogos, un sector para o que o Goberno autonómico levará a cabo medidas específicas en 2022. 

Tamén se abordará a importancia que supoñen para todo o audiovisual proxectos como o Hub Audiovisual da industria cultural, a iniciativa posta en marcha para apoiar a este sector a través de liñas de axuda e programas de apoio específico, do que se están a ver os primeiros resultados, xa que está a permitir atraer rodaxes a Galicia como a serie de televisión Rapa, de Portocabo e Movistar+. 

Tamén se avanzarán as claves das próximas producións propias do Centro Dramático Galego, a programación específica da Cidade da Cultura de Galicia ou as accións centradas no ámbito dixital, como o proxecto Nós de Intelixencia Artificial a iniciativa que está levando a cabo a Xunta en colaboración coa USC, que suporá un salto decidido no ámbito dixital, facilitando que os sistemas de voz poidan recoñecer e interactuar en galego, propiciando a súa presenza nos novos desenvolvementos tecnolóxicos, ou o espazo virtual isaacdiazpardo.gal, son outras das iniciativas que se compartirán co público asistente. 

En canto ao Bono Cultura, cabe destacar que pódese gastar nos establecementos adheridos e en cada compra poderá dispoñer dun 50% de desconto. Pode empregarse para produtos como música gravada en CD ou vinilo, produtos audiovisuais formato físico, libros ou videoxogos, entradas para calquera tipo de institución cultural (museos, casasmuseo...) ou para salas de cine, concertos de música e espectáculos escénicos, entre outras.

 

Programación da Xunta 

VENRES 26 
18.00. Foro. Centro Dramático Galego: da xestión covid aos proxectos de pospandemia. 

SÁBADO 27
13.00. Foro.
Entrega do VII Premio Literario Nortear e presentación da seguinte edición.

13.15. Presentación do Bono Cultural de Galicia con todas as súas vantaxes para o sector cultural e para a sociedade galega.

13.30. Presentación das programacións culturais da Xunta de Galicia para 2022.
Exposicións, celebracións culturais e iniciativas de dinamización da cultura galega.

16.30. Foro.
O potencial nos videoxogos e o seu impulso a través de Hub Audiovisual da Xunta de Galicia, coa presentación dos novos proxectos xa en marcha e próximos a saír á venda.

17.45. Espazo Libro.
Certame de Poesía Rosalía de Castro. Presentación do libro promovido pola Asociación Cultural Rosalía de Castro de Cornellá co patrocinio da Xunta de Galicia.

19.00. Espazo Libro.
Editorial Galaxia. Presentación de Misarela, de Rodrigo Costoya.

DOMINGO 28

11.15. Foro.
Presentación do Programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).

11.30. Programa das vindeiras exposicións do Museo Centro Gaiás.

12.30. Sala de Exposicións Obradoiro. Tardes de maxia do Nadal no Gaiás, para nenos a partir de 6 anos e con un máximo de 20 (inscricións na recepción).

17.30. Foro. Presentación do proxecto Espazo Dixital isaacdiazpardo.gal.

18.30. Foro.
Presentación do Proxecto Nós de intelixencia artificial para a creación de contornos de voz e galego.

19.15. Foro.
Rapa, a nova serie de Portocabo para Movistar+: Galicia como polo de atracción de rodaxes audiovisuais.

A Xunta de Galicia refórzase como patrocinador principal de Culturgal
Comentarios
ç