A Xunta impulsa as escolas infantís de Pontevedra como piar para a atención á primeira infancia

Preto de 3.200 nenas e nenos de 0 a 3 anos están matriculados nos centros que dependen da Administración galega
A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha escola infantil da comunidade galega. EP
photo_camera A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha escola infantil da comunidade galega. EP

AS ESCOLAS infantís públicas de titularidade autonómica retomaron a semana pasada a actividade co inicio dun novo ano lectivo no que están matriculados a día de hoxe 8.461 nenas e nenos de 0 a 3 anos, 200 máis que o curso anterior. Destes pequenos, 3.168 ocupan praza nos centros que dependen directamente da Xunta de Galicia na provincia de Pontevedra.

En concreto, na cidade do Lérez son 456 as cativas e os cativos que asisten diariamente ás escolas da Xunta.

No presente curso 2019-2020, en Galicia a oferta global de prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís supera as 25.000, entre as que se inclúen as que xestionan os concellos, as entidades de iniciativa social e as privadas. Estas prazas son o dobre das que había en Galicia en 2009 e elevan a ratio de atención ao 44%, nove puntos por riba da recomendada pola Unión Europea.

A apertura do curso marca a volta á rutina diaria, que desta vez tivo unha importante novidade. A partir deste curso, faise obrigatorio que todas as nenas e nenos de 0 a 3 anos que asisten a unha escola infantil pública estean ao día no calendario de vacinación.

Este novo requisito demostra o compromiso do Goberno galego cos programas de vacinación e a súa excelente acollida é proba de que hoxe en día na sociedade galega existe un consenso total a este respecto.

A Tarxeta Benvida, o Bono Coidado ou as Casas Niño son outros recursos en concellos de menos de 5.000 habitantes

As familias que soliciten unha praza pública e non a obteñan recibirán o Bono Concilia, unha axuda directa para o pago dunha praza na escola que elixan.

O curso pasado máis de 4.400 familias galegas beneficiáronse desta prestación, isto é, catro veces máis das que a obtiveron no 2009. No conxunto da provincia de Pontevedra concedéronse 2.092 Bonos Concilia, dos cales 170 rexistráronse no municipio pontevedrés.

Nestes momentos está en proceso unha nova convocatoria deste programa de axudas dotada dun crédito inicial de 3,5 millóns de euros, unha contía que poderá incrementarse tanto como sexa necesario para atender a todas as solicitudes que se reciban.

Este ano inclúense dúas novidades: ampliouse o período de solicitude ata o 31 de outubro para aquelas familias nas que haxa un nacemento, adopción ou acollemento fóra do prazo do período ordinario e permítese que as familias con nenos nados en decembro do 2018 ou en xaneiro de 2019 que estean indo a unha escola infantil privada poidan pedir o Bono Concilia sen ter que solicitar previamente praza nun centro público.

AS MELLORES INSTALACIÓNS. A Xunta de Galicia ten o obxectivode que todas as pequenas e pequenos sexan educados nunhas instalacións cunha calidade óptima e co mellor dos equipamentos. Por iso o Goberno galego tamén financia investimentos nas escolas infantís municipais e nas de economía social, por un importe de máis dun millón de euros.

É obrigatorio que todas as nenas e os nenos de entre 0 e 3 anos que asistan ás escolas infantís estean vacinados

En 2018 foron 26 as escolas infantís municipais ou de iniciativa social de Pontevedra e provincia que se beneficiaron deste programa, do que recibiron 425.000 euros.

Estas achegas autonómicas permitiron a realización de obras de adecuación e mellora da accesibilidade dos centros, mercar novo mobiliario —tanto interno como externo— e material didáctico ou de xogo.

Estas axudas tamén se destinaron á integración das novas tecnoloxías nas aulas, ao dotalas de conexión a internet, equipalas con ordenadores, encerados dixitais, gravadoras, cámaras de vídeo ou similares.

Estes datos revelan a importancia que para o Executivo autonómico teñen as escolas infantís como recursos de atención á primeira infancia e tamén como servizos que facilitan a harmonización da vida familiar, laboral e social.

No actual ano académico o total de prazas sostidas con fondos públicos en escolas infantís da comunidade galega supera as 25.000

Neste sentido, hai moitas familias pontevedresas que percibiron xa melloras no ámbito da conciliación, xa que nunca antes tiveron ao seu alcance a cantidade de programas, recursos e axudas económicas das que dispoñen hoxe para apoialas na crianza das súas fillas e fillos.

AXUDAS ECONÓMICAS. Unha mostra deste apoio ás familias é a Tarxeta Benvida, na que a Xunta leva investidos en toda Galicia máis de 50 millóns de euros desde a súa implantación no ano 2016.

Nestes máis de tres anos, concedéronse 45.000 axudas ao abeiro deste programa para contribuír a afrontar os gastos que supón un nacemento. En concreto, a Tarxeta Benvida chegou xa a preto de 19.000 fogares da provincia de Pontevedra, dos cales 1.714 están na cidade do Lérez.

Trátase dunha axuda directa de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do bebé para a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berces e produtos de hixiene ou farmacéuticos.

Desde o ano 2017, a axuda estendeuse ata o terceiro ano de vida da nena ou neno para aquelas familias cunha renda igual ou inferior aos 22.000 euros, por un importe de 600 euros para o primeiro fillo, 1.200 para o segundo e 2.400 para o terceiro.

A Tarxeta Benvida chegou xa a preto de 19.000 fogares da provincia de Pontevedra, 1.714 deles na cidade do Lérez

Cada ano vaise mellorando a Tarxeta Benvida, e así en 2018 abriuse a posibilidade de que as galegas e galegos residentes no exterior que retornen a Galicia poidan optar á axuda. Por último, a partir deste 2019 pódese presentar xa a solicitude desta achega económica desde o embarazo, sen ter que esperar ao nacemento do bebé.

Outro recurso de conciliación e atención á infancia é o Bono Coidado. Desde hai catro anos as familias poden solicitar esta axuda directa para contratar de maneira puntual a unha persoa coidadora dos seus fillos en situacións ocasionais, por exemplo, en casos de enfermidade ou por motivos laborais excepcionais.

Ata hoxe son arredor de 500 as familias de toda Galicia, 164 delas residentes en municipios da provincia pontevedresa, que recorreron a esta opción que en 2019 mellorou as súas condicións ao abrir a posibilidade de que as nais e pais destinen esta achega económica a pagar o custe dunha ludoteca.

Aquelas familias que soliciten unha praza pública nas escolas infantís e non a obteñan recibirán o Bono Concilia

CONCILIAR NO RURAL. O Goberno galego está a levar as súas políticas activas de conciliación aos concellos pequenos e de carácter máis rural, a través dunha iniciativa pioneira en España como son as Casas Niño.

Trátase de servizos polos que as familias non teñen que pagar nada e nos que se presta unha atención personalizada a un máximo de cinco nenos por casa. A Administración autonómica financia o acondicionamento da instalación e o salario da súa responsable. Ata o de agora o 100% das promotoras destas casas son mulleres.

Na provincia de Pontevedra hai en funcionamento dous recursos deste tipo, nos concellos da Lama e Pazos de Borbén.

As axudas tamén se destinan á integración das novas tecnoloxías nas aulas, ao dotalas de equipamento dixital

En toda Galicia, tres anos despois da posta en marcha deste programa, están en servizo 61 Casas Niño. Un número que será maior nos vindeiros meses, pois a Xunta vén de lanzar unha cuarta convocatoria para a creación doutras 15 Casas Niño máis.

O obxectivo final desta medida é que o 100% dos concellos de Galicia, teñan o tamaño que teñan, dispoñan de opcións de conciliación para as familias.

Comentarios