lunes. 24.02.2020 |
El tiempo
lunes. 24.02.2020
El tiempo

A Xunta impulsa a Fundación Moldes recoñecéndoa como de interese cultural

Román Rodríguez, Iria Rodríguez-Moldes, May Díaz e Alfonso Rueda (de esquerda a dereita) o día que se presentou oficialmente a sede da Fundación Moldes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO/DP
Román Rodríguez, Iria Rodríguez-Moldes, May Díaz e Alfonso Rueda (de esquerda a dereita) o día que se presentou oficialmente a sede da Fundación Moldes. JAVIER CERVERA-MERCADILLO/DP
O organismo, que terá á fronte á viúva do artista, May Díaz, quedou constituído ante notario o pasado 12 de novembro ► Vicepresidencia vén de emitir a orde que adscribe a nova entidade ao protectorado de Cultura

A Fundación Manuel Moldes é unha realidade. A Xunta vén de impulsar a nova entidade, constituída ante notario en Pontevedra o 12 de novembro de 2019 (a data exacta na que o pintor tería cumprido 70 anos), recoñecéndoa como de interese cultural galego. Así se desprende dunha orde emitida por Vicepresidencia que a adscribe desta maneira ao protectorado da Consellería de Cultura.

Segundo esta orde, a presidenta do padroado inicial da Fundación Moldes será a súa viúva, María Carmen 'May' Díaz Cacheda. Vicepresidente será o fillo do artista, Manuel Anxo Rodríguez-Moldes, e secretaria, a súa filla, Iria Rodríguez-Moldes.

O documento tamén recolle os obxectivos desta nova institución, especificados no artigo número seis dos seus estatutos. Entre eles está "reunir, conservar, restaurar, difundir e estudar a obra de Manuel Moldes e o seu legado", así como "promocionar a investigación e o estudo da figura e a obra de Manuel Moldes". Ademais, a fundación deberá contribuír á localización e catalogación da obra do artista e reunir o seu patrimonio bibliográfico e documental. Ademais, aspira a manter en relación directa o legado de Moldes coa arte contemporánea actual. "A fundación estará aberta á arte moderna e contemporánea en todas as súas facetas e realizacións", din os estatutos. "Xunto á exposición permanente da obra de Manuel Moldes, potenciarase o diálogo con obras doutros artistas e disciplinas grazas á colaboración con outros axentes culturais, institucións e persoas relacionadas co ámbito cultural e científico".

DOG. Pendente da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) que constate a súa creación e posta en funcionamento, a Fundación Moldes é un feito. A orde da Vicepresidencia da Xunta para a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego supón un paso máis neste sentido, ao facer efectiva a súa adscrición á Consellería de Cultura.

A institución terá a súa sede no último andar do edificio da Xunta en Benito Corbal, que está pendente das reformas pertinentes

De toda esta serie de trámites administrativos estaba pendente a entidade cando, no mes de xullo do ano pasado, a Xunta anunciou que a institución, aínda por constituír, tería a súa sede no último andar do edificio que o Goberno autonómico estaba a punto de poñer a funcionar en Benito Corbal. Naquel acto, no que tamén participaran a viúva e a filla de Moldes, e ao que asistirán varios mestres da Facultade de Belas Artes, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa avanzara que se realizaría un investimento de 250.000 euros para acondicionar a oitava planta do inmoble (de 500 metros cadrados) ás necesidades da fundación, en concreto, ao que sería a exposición permanente da obra do pintor, de grandes dimensións.

Naquel momento, os plans da Xunta pasaban por licitar a obra á volta do verán e comezar os traballos a finais de ano, para que o espazo estivese operativo o próximo mes de xullo. O atraso no proxecto levou a que as obras aínda estean sin licitar, coa conseguinte demora no que será a posta en funcionamento da última planta como sede da fundación.

estudio. A familia apoiou dende o inicio os plans da Xunta de Galicia neste sentido, entre outras cousas, porque o edificio de Benito Corbal mantería a obra de Moldes a uns poucos metros do que era o seu estudio. "Hai que agradecerlle á Vicepresidencia da Xunta e á Consellería de Cultura o seu esforzo por poñer en marcha un espazo no mesmo lugar no que Manuel naceu, traballou, viviu e morreu", sinalaba naquel momento May Díaz. Da mesma maneira se manifestaba o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, aquel día: "Que se vaia constituír unha fundación para preservar o seu legado é unha gran noticia para Pontevedra e para o conxunto de Galicia. Hoxe estamos aquí para dar un paso fundamental neste sentido. Poucos espazos poden ser tan simbólicos como este edificio no corazón da cidade".

Dende o falecemento do pintor e mestre Manuel Moldes, en decembro de 2017, distintas voces do mundo da cultura (creadores, críticos, alumnos e docentes da Facultade de Belas Artes) reclamaron a creación dunha fundación co nome do pintor que preservase o seu legado e o divulgase. A familia do artista veu negociando durante este tempo a súa posta en funcionamento coa Xunta de Galicia. Esa fundación é a que asina o contrato coa Xunta para a cesión do espazo do oitavo andar no edificio de Benito Corbal.

Procedentes. Os tres casos galegos: Laxeiro, Granell e Seoane

A de Moldes será a cuarta fundación galega que leva o nome un pintor. Ata o momento viñan funcionado as adicadas a Laxeiro, Granell e Seoane.

Fundación Granell

 A Fundación Eugenio Granell creouse en Santiago de Compostela en 1995. O seu obxectivo principal é o estudo da obra de Granell, do surrealismo e das correntes afíns. Ademais, a súa sede, o Pazo de Bendaña, acolle de xeito habitual exposicións, conferencias, concertos, obras de teatro e obradoiros.

Fundación Seoane

A Fundación Luís Seoane naceu no ano 1996 na Coruña. Está presidida pola alcaldesa da cidade e conta no seu padroado co conselleiro de Cultura, co reitor da Universidade da Coruña e co presidente da RAG, entre outros. Ademais de velar polo legado do creador, mantén unha intensa programación cultural, que abrangue practicamente todos os ámbitos, incluída a edición de libros e a investigación.

Fundación Laxeiro 

A Fundación Laxeiro foi constituída legalmente en 1999 por acordo do Concello de Vigo e da familia do pintor. Está rexida por un padroado no que están o Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra, o Concello de Lalín, a Real Academia Galega e a Universidade de Vigo, entre outros. Entre as súas funcións está a difusión, conservación e catalogación da obra de José Otero Abeledo Laxeiro e o apoio e difusión da arte contemporánea e dos novos creadores.

A Xunta impulsa a Fundación Moldes recoñecéndoa como de interese...
Comentarios