A Xunta inicia as obras de construción do novo emisario submarino de Praceres

A infraestrutura, valorada en 12 millóns, pretende mellorar a depuración das augas residuais
Acto celebrado en Praceres. DP
photo_camera Acto celebrado en Praceres. DP

A Xunta de Galicia deu onte o pistoletazo de saída ás obras de construción do novo emisario submarino de Praceres mediante a protocolaria firma da acta de replanteo. A infraestrutura contará cun investimento de 12 millóns de euros e o seu propósito será mellorar a depuración de augas residuais da ría de Pontevedra, afastando os efluentes da depuradora da costa e ampliando a capacidade de canalización.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, e o xerente de Augas de Galicia, Gonzalo Mosqueira, asistiron ao acto, que tivo lugar unha vez iniciados os traballos previos. A firma da acta cumpre o cronograma facilitado pola conselleira Ethel Vázquez o pasado 11 de maio na reunión coa Confraría de Lourizán, na que tamén garantiu que o proceso das obras permitirá compatibilizar os traballos coa actividade produtiva e extrativa da Ría de Pontevedra.

A actuación conta cun prazo de execución de doce meses, aos que hai que engadir outros doce para a súa posta en marcha. Segundo subliñaron onte fontes autonómicas, o emisario "mellorará substancialmente a depuración e xestión das augas residuais dos concellos de Pontevedra, Poio, Marín e Vilaboa", xunto coas demais actuacións previstas na ría, entra as que se atopan a mellora e ampliación da Edar. Ademais, permitirá «dar cumprimento aos límites de verridos determinados pola normativa europea».

"O saneamento da Ría de Pontevedra é unha das grandes prioridades da Xunta de Galicia en materia hidráulica, con investimentos activados ou proxectados por 50 millóns de euros, xa que resulta imprescindible no noso proxecto centrado na recuperación ambiental das augas, a preservación da ría, a garantía da produtividade marisqueira, da pesca e da acuicultura e o fomento da actividade turística", explicou o delegado territorial.

O emisario inclúe unha parte terrestre con cámara de carga e estación de bombeo e 3,5 quilómetros de tubaxe ata o punto de vertido. O proxecto inicial foi modificado para incluir as alegacións dos mariscadores de Lourizán, que pediron alongar o treito en túnel co obxectivo de non causar afeccións aos bancos de marisqueo. Como resultado, o orzamento subiu en case dous millóns.

A reforma da depuradora, executada nun 40%
O investimento do emisario submarino está cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. A actuación complementará a reforma da depuradora de Praceres, que nestes momentos xa se atopa nun grao de execución do 40% e que principalmente implica unicamente unha reforma tecnolóxica, valorada en 16,5 millóns de euros. A previsión é continuar a posteriori coa ampliación da depuradora, para que está prevista unha inversión de 50 millóns.

OUTRAS ACTUACIÓN. O plan de saneamento da Ría de Pontevedra tamén inclúe outras actuacións en diferentes zonas, coma no río Lameira, no Concello de Marín, e en Porto Campelo, no Concello de Poio. Ademais, abrangue a reforma da estación de bombeo de Cocheras, que aínda se atopa en fase de baremación de ofertas para a súa «próxima contratación".