A Xunta intensifica as accións para conseguir unha sociedade dixital inclusiva

As aulas CeMiT acollen este verán seminarios para fomentar o uso das tecnoloxías nos maiores ► A contratación de Internet no rural creceu máis dun 6% no último ano e vai cara a confluencia co resto do Estado
Un dos seminarios que tiveron lugar nas aulas do CeMiT. ADP
photo_camera Un dos seminarios que tiveron lugar nas aulas do CeMiT. ADP

Asegurar que a cidadanía galega conte coas capacidades dixitais básicas para participar de forma efectiva no novo contexto dixital é un dos obxectivos principais da Estratexia Galicia Dixital 2030 (EGD2030) da Xunta de Galicia. O Goberno autonómico, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e en colaboración cos colexios profesionais e asociacións, promove diferentes accións encamiñadas a conseguir unha sociedade dixital inclusiva.

Redución da fenda dixital no rural

A pandemia provocada pola pola covid-19 ten impulsado novos comportamentos e hábitos na cidadanía, tamén no tocante á dixitalización.

Se ben os fogares situados nas zonas máis poboados acadan porcentaxes superiores de dixitalización, cabe salientar que a contratación de Internet nos concellos de menos de 10.000 habitantes aumentou máis dun 6% no último ano e sitúase no 84% no caso dos concellos de menos de 5.000 habitantes e no 88,4% nos concellos de 5.001 a 10.000 habitantes.

Este ritmo de crecemento permite constatar a redución da fenda dixital no rural xa que nun só ano a diferenza coa media estatal reduciuse de 9,1 a 6,3 puntos.

Nos últimos anos, os despregamentos de novas infraestruturas de telecomunicacións ou as iniciativas de capacitación dixital como a que ofrece a Rede de aulas CeMIT contribuíron notablemente ao incremento do uso das tecnoloxías na cidadanía galega.

Neste contexto, A Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors (FEGAUS), no marco das súa prolongada colaboración como aliado do Plan de Inclusión Dixital de Galicia da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), continúa realizando actividades cun programa formativo que se iniciou no mes de maio e que se prolongará ata o mes de setembro con 19 seminarios online duns 60 minutos de duración con contidos orientados a fomentar o uso da tecnoloxía por parte dos maiores e visibilizar as vantaxes do dixital na súa vida.

Redución da fenda dixital de xénero

Durante o ano 2020, o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos foi dun 32,6%. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,1%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 30,4%.

A Estratexia Galicia Dixital 2030 establece, entre os seus obxectivos, a promoción das vocacións científico-tecnolóxicas entre a mocidade; e con especial atención á redución da fenda de xénero.

Así, a través da Red CeMIT, Agasol e a Amtega percorrerán case unha vintena de concellos galegos para incentivar as vocacións STEAM entre a infancia e a mocidade.

Nestes obradoiros tomarase contacto coa tecnoloxía de forma inspiradora e creativa, creando circuítos en papel, programando os seus propios videoxogos con scratch (unha linguaxe de programación creada polo MIT para persoas que se inician neste ámbito) ou creando cómics interactivos coa "makey makey" (un kit de creación interactivo para experimentar, investigar e ideal para practicar nunha contorna real a programación con Scratch) e outros inventos.

Desta forma, as nenas e nenos participantes poderán facer funcionar un circuíto eléctrico que brille nun papel cun só LED. Ademais, terán a posibilidade de realizar outro tipo de proxectos máis avanzados, que requiren coñecementos e experiencia en programación e involucran o uso de diferentes sensores e actuadores, así como a elaboración de postais pop-up, libros luminosos ou papiroflexia interactiva, entre outras actividades.

Estes obradoiros desenvolvense ata setembro en 18 concellos de Galicia e para participar pódese reservar praza na web CeMIT.

Paralelamente, durante este verán, a Amtega e o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG) tamén están a desenvolver o campamento tecnolóxico Mática. O obxectivo desta actividade é a creación dunha comunidade de mozas interesadas nas tecnoloxías.

Os campamentos desenvólvense de xeito presencial nos campus universitarios da Coruña e Ourense e no Campus Vida de Santiago de Compostela, aínda que haberá tamén un grupo online. Manteranse ata outubro e as participantes recibirán ferramentas e contidos que lles permitan acceder a tecnoloxías e as súas aplicacións, así como coñecer o traballo das mulleres nos sectores TIC.

Oportunidades de emprego

A adquisición, mellora e reciclaxe das capacidades dixitais dos traballadores/as é outro dos eixos para lograr unha Sociedade Inclusiva. A formación e a autoaprendizaxe transformará as súas oportunidades de crecemento persoal e profesional.

En liña con este obxectivo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) desenvolveron un espazo de networking e debate chamado tres14.pm. Celebrouse de maneira presencial no Centro GaiásTech situado na Cidade da Cultura e tamén puido ser seguiro por streaming.

Este programa difúndese dende o centro GaiásTech, recentemente inaugurado e que se configura como o elemento central e coordinador do ecosistema dixital de Galicia e da súa relación co resto da economía galega na procura dunha competitividade duradeira e xerando espazos de integración e inclusión dixital e desenvolvemento persoal do talento dixital.

Esta iniciativa forma parte dunha ampla axenda que a Amtega está a promover dende o centro GaiásTech, onde a tecnoloxía convertese no vector do cambio das organizacións que poden dar respostas innovadoras e cun alto valor engadido as demandas da sociedade. A súa axenda completa de actividades pódese consultar accedendo portar dixital gaiastech.xunta.gal.

Colexios
Evitar a exclusión tecnolóxica
A Xunta tamén ten en marcha o programa ‘Posto educativo no fogar’ que garante que todo o alumnado dos centros educativos do sistema público de Galicia dispoña de ordenadores con conexión internet. O obxectivo é atender as necesidades específicas do alumnado en risco de exclusión tecnolóxica.

Dende o comezo da pandemia, o Goberno autonómico puxo en marcha un plan de continxencia que permitiu que os centros educativos dispuxeran dos equipos informáticos necesarioss para atender os casos máis urxentes. En abril de 2021 comezaron a chegar os 14.502 ordenadores portátiles con conexión do programa 'Educa en Dixital Galicia'. Estes equipos foron proporcionados por Red.es no marco dun convenio entre a Xunta, Red. es e o Ministerio de Educación e Formación Profesional.

O programa foi financiado en todo o Estado con 184 millóns de euros de fondos FEDER e 70 millóns que aportaron as Comunidades autónomas. Estas actuacións garanten que, ao comezo do curso, todo o alumnado de Galicia poida dispoñer dos equipos necesarios para o novo modelo educativo dixital.

Comentarios