A Xunta investirá 120 millóns en tres anos na Estratexia de Educación Dixital

O conselleiro de Cultura e Educación, a directora do CFR de Pontevedra e a vicedirectora da EOI falan do ensino poscovid, as aprendizaxes da pandemia e os novos retos
María Fernández, Miguel Ángel Rodríguez, Román Rodríguez e Carmen Martínez (de esq. a dta.), no CFR. GONZALO GARCÍA
photo_camera María Fernández, Miguel Ángel Rodríguez, Román Rodríguez e Carmen Martínez (de esq. a dta.), no CFR. GONZALO GARCÍA

A pandemia, primeiro co confinamento e despois coa necesidade de adaptarse ás restricións sanitarias, puxo a proba o sistema educativo galego, pero tamén serviu para extraer aprendizaxes, impulsar procesos que avanzaban lentamente e traer consigo certos cambios positivos que chegaron para quedarse.

Neste contexto, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aprobou recentemente dous plans "con accións xa visibles e que se intensificarán ao longo de 2022". Así o explicou o conselleiro responsable da área, Román Rodríguez, que este venres participou xunto á directora do Centro de Formación e Recursos Educativos da cidade, Carmen Martínez, e á vicedirectora da Escola Oficial de Idiomas pontevedresa e membro do Comité Educativo, María Fernández, nun café de redacción organizado por Diario de Pontevedra e moderado polo seu director, Miguel Ángel Rodríguez.

Un deses plans, que conta cun investimento de 120 millóns de euros para os primeiros tres anos en toda a Comunidade Autónoma, é a Estratexia de Educación Dixital 2030, pensada para desenvolver un "ecosistema educativo dixital de alto rendemento" e perfeccionar as competencias nese ámbito.

"O sistema educativo ten que preparar aos mozos e mozas para o futuro. Estamos nun mundo cada vez máis dixital e tecnolóxico e para garantir a igualdade de oportunidades de todo o alumnado temos que responder e darlles a todos e todas destrezas e capacidades dixitais que lles permitan a súa proxección de futuro", indicou Rodríguez.

"Queremos que os polos creativos se convirtan nun dos corazóns de todos os centros de ensino", apunta Román Rodríguez

Para iso, o plan inclúe unha ducia de accións que abranguen todas as áreas académicas e á totalidade da comunidade educativa (docentes, estudantado e familias). Entre elas, o conselleiro destacou a dotación dos chamados polos creativos nos centros públicos, espazos de co-creción desde a perspectiva STEM e que a Consellería pretende que se convirtan "nun dos corazóns dos centros de ensino", porque "a creatividade é a que fomenta a innovación e o avance da sociedade", dixo.

Tamén salientou a implantación da Intelixencia Artificial en todos os niveis, o impulso da Administración Educativa Dixital e as accións formativas dirixidas ás familias e ao profesorado para dotalos de competencias nese ámbito. Aquí inclúense "os plans dixitais que debe ter cada centro e no que cada un definirá como organizar a súa estrutura dixital". Para iso se creou "unha rede de mentores ADIX, profesores especializados, que lles van prestar asesoramento".

FORMACIÓN. "Nisto, como en todo o demais, a clave de bóveda é a formación do profesorado", pois "nunca a tecnoloxía vai substituílo, pero si pode axudar moito no proceso da aprendizaxe e para iso os docentes teñen que ter competencias e habilidades no mundo dixital", insistiu o conselleiro.

"Transformar os centros en organizacións educativas dixitalmente competentes engloba ao profesorado, ao alumnado e ás familias"

"O plan dixital vai asociado ao Plan de Formación Permanente do Profesorado. Cada centro ten que elaborar o seu. Xa se empezou con iso, estando agora inmersos en facer unha diagnose de como están nese ámbito", apuntou Carmen Martínez, directora do CFR de Pontevedra. Tal e como engadiu, "hai profesores e profesoras que seguen sen verse cómodos traballando coas novas tecnoloxías, pero o alumnado tira moito nese sentido e iso axuda a avanzar". Trátase, segundo dixo, "de mellorar a competencia do alumnado a través da competencia do profesorado" e "o último fin é a transformación dos centros en organizacións educativas dixitalmente competentes e iso engloba a docentes, alumnos e familias, a toda a comunidade educativa".

NA EOI. Tamén na Escola Oficial de Idiomas, "o ensino en liña acelerouse moitísimo coa pandemia", explicou María Fernández. "Nas EOI xa tiñamos un programa de educación a distancia, que é That"s English, pero tamén antes da covid se estaba impulsando unha modalidade semipresencial e agora debido a esta crise sanitaria cambiaron as prioridades do alumnado, que valora moito máis a flexibilización da educación, pois hai persoas que non se poden desprazar ás aulas convencionais e a dixitalización ofrécelles esa posibilidade educativa. Coa pandemia cambiou a filosofía, é dicir, xa se validou esa aprendizaxe a través dunha contorna virtual e agora hai unha demanda clara nese sentido", indicou a vicedirectora da EOI.

"Un sistema só é xusto se atende á inclusión"
A FP é "unha das grandes apostas educativas de Galicia", sinalou o conselleiro de Educación, quen afirmou que o seu departamento "traballa para poñer a FP ao servizo da sociedade e do mundo empresarial e por iso impulsamos a FP dual". O outro piar, segundo engadiu, "é ser capaces de deseñar alternativas laborais para todo o mundo" co obxectivo de que tamén "o alumnado con máis dificultades teña as mesmas posibilidades para insertarse no mundo laboral". "Só podemos ter un sistema educativo xusto se atendemos á inclusión e á diversidade. En Galicia o 93% do alumnado con necesidades educativas especiais está integrado no sistema ordinario ou compartido", precisou Rodríguez.

"Aquí conseguimos que a crise sanitaria non derivase nunha crise educativa"

"A pandemia fixo que tivésemos que afrontar o curso máis complicado na historia contemporánea, obrigounos a enfrontarnos a desafíos inéditos, pero un ano despois podemos facer un balance satisfactorio e dicir que o sistema educativo galego estivo francamente á altura".

Así o afirmou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, quen destacou que, ademais do profesorado, "o alumnado portouse cunha enorme disciplina, cumprindo as normas sanitarias e demostrando que estabamos todos a remar na mesma dirección".

Grazas a esa boa disposición por parte de toda a comunidade educativa e ás diferentes medidas que se foron adoptando, "conseguimos que en Galicia a crise sanitaria non derivase nunha crise educativa, algo que poucos países puideron acadar, incluso países europeos cuxos sistemas sempre adoitamos mirar con envexa". De feito, o conselleiro lembrou que "dentro de España, a nosa foi unha das comunidades con maior presencialidade", algo que se puido facer "innovando e actuando en moitos campos: o organizativo, o puramente didáctico e o de atención á diversidade e ao alumnado máis vulnerable".

Conseguilo custóulle á Xunta "162 millóns de euros" para "adaptar o sistema, co desdrobre de profesorado, innovacións tecnolóxicas e outras medidas que se foron implementando" como "un plan preventivo de ensino dixital que funcionou ben as semanas que estiveron os centros pechados durante o confinamento", engadiu.

Galicia foi unha das comunidades autónomas con maior presencialidade nas aulas tras o confinamento e logralo supuxo un desembolso de 162 millóns de euros

E, aínda que polo inédito da situación, "ao principio houbo certos problemas organizativos", o resultado foi satisfactorio "e a resposta de todos foi incluso mellor da esperada", dixo, algo no que coincidiu María Fernández, vicedirectora da EOI e membro do Comité Educativo. Este ente desenvolveu un intenso traballo, porque "por unha banda e en primeiro lugar tiñamos en conta as cuestións relacionadas coa protección das persoas nos centros e por outro tiñamos que atender a todas as etapas educativas, elaborando protocolos que se axustasen o mellor posible ás necesidades de cada unha e de cada posto", explicou Fernández.

Levalo a cabo "foi difícil pero fíxose dunha maneira bastante coordinada", engadiu. "Todos eramos conscientes de que a situación requería unha actitude moi colaborativa e houbo moita disposición para sacar adiante o traballo, para anticiparse ao que puidera xurdir, creando para iso uns protocolos nos que tratamos de reflectir todas as casuísticas posibles para saber como responder en cada caso", apuntou, poñendo como exemplo a planificación das prácticas para o alumnado de FP.

Dende o punto de vista do profesorado, Carmen Martínez, directora do CFR de Pontevedra, lembrou como "o 12 de marzo de 2020 recibimos a comunicación de que paraba toda a actividade presencial" e como "os propios docentes quixeron continuar impartindo de xeito online os programas ata fin de curso", demostrando "a súa implicación".

No CFR, "no momento máis duro da pandemia quedamos presencialmente eu e o antigo director, Jesús Álvarez Bértolo, e o equipo de asesores do centro seguiu tamén atendendo ao profesorado por vía telemática", detallou Martínez. Esa atención incluíu unha importante labor de "préstamo de material tecnolóxico aos docentes e tamén axuda inmediata e urxente sobre como usar recursos que xa tiñamos pero que non se estaban utilizando e moitos non sabían como facelo, por exemplo as aulas virtuais".

Así, o CFR de Pontevedra prestou "115 portátiles e 48 tablets a docentes e a aulas hospitalarias" e "desde algúns centros de ensino varios deses equipos se lle prestaron a familias", dixo.

Unha vez superada esa primeira urxencia inicial de medios, "pasouse aos cursos específicos de uso de ferramentas institucionais". Neste ámbito leváronse a cabo 68 actividades que atenderon a 1.200 profesores que non se vían preparados nese campo e necesitaban poñerse ao día.

Posteriormente dende o CFR foron desenvolvéndose outras actividades formativas e de asesoramento, como as que se levaron a cabo sobre creación de contidos audiovisuais, ferramentas de avaliación e un largo etcétera.

"Os máis de 5.000 docentes que temos accederon a esa formación", e "non vou dicir que agora todos sexan dixitalmente autónomos e independentes, pero si que ese camiño xa está aberto e funcionando", afirmou.

Ademais, en colaboracion cos centros e coas ANPA, dende o CFR organizouse para as familias a mesma formación sobre uso de ferramentas institucionais necesarias para que o alumnado puidese desenvolver debidamente a actividade educativa. "Houbo moita participación", dixo a directora, que incidiu na importancia de formar ás familias, e nesa liña destacou dous proxectos que se están a levar a cabo en Sanxenxo e Lalín, nos que se crearon, xunto cos edís de Educación, as ANPA e as direccións dos centros, uns "comités de calidade que se reúnen trimestralmente e que fan un programa de actividades sobre temáticas como ciberacoso, saúde, etcétera".

A raíz da pandemia, o CFR tamén fixo un grande traballo de "apoio emocional" a docentes.

Un plan para "poñer os espazos ao servizo da aprendizaxe"

"Se conseguimos poñer os espazos ao servizo da aprendizaxe, iso tería un impacto moi positivo". Así o sinalou a vicedirectora da Escola de Idiomas e membro do Comité Educativo e ese é, precisamente, o obxectivo que persegue o Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica aprobado recentemente pola Xunta para reforzar un novo modelo de colexios e institutos na etapa poscovid, onde a arquitectura teña unha orientación educativa vinculada ás novas metodoloxías de aprendizaxe. Segundo detallou o conselleiro de Educación, este programa terá un investimento de 191 millóns para esta lexislatura (60 están xa orzamentados para o vindeiro ano).

"A administración educativa en Galicia ten máis de 1.100 edificios e a media de idade deses inmobles é de 45 anos, así que moitos necesitan melloras, ampliacións, reformas de eficiencia enerxética... Pero sobre todo a pandemia amosou aínda máis que os centros teñen que dar resposta ás novas necesidades e para iso hai que lograr a flexibilización dos espazos. Por exemplo, cun simple tabique movible lógrase unha grande versatilidade nun aula. Hai que facer espazos máis flexibles, adaptables aos diferentes proxectos educativos e tamén se van impulsar espazos abertos e polivalentes no relativo ao lecer e ao deporte, fomentaranse as construcións integradas na contorna natural e máis eficientes e sustentables desde o punto de vista medioambiental", detallou Román Rodríguez.

A directora do CFR de Pontevedra sinalou que desde este centro levan anos traballando en formar ao profesorado na importancia de aproveitar os espazos para sacarlle o maior rendemento pedagóxico, non só no interior dos colexios e institutos, senón tamén nos patios e "hai moitos exemplos de centros que están a realizar un magnífico traballo nese sentido, como o CEIP As Covas, en Meaño", indicou.

"Queremos que en catro anos o 85% dos centros sexan plurilingües"

No ámbito lingüístico, Galicia "parte dunha base significativa: as estratexias que se implementaron nos últimos anos levaron a que a metade dos centros educativos da comunidade sexan plurilingües". Ese feito, unido "ao labor das Escolas de Idiomas", está a amosar resultados. "Galicia é a cuarta comunidade de España en nivel de inglés, cando hai poucos anos estabamos no posto dez", lembrou o conselleiro de Educación, que esta semana presentou no Consello da Xunta a Estratexia Galega de Linguas 2030.

Román Rodríguez subliñou que se trata de "manter o que xa hai, como os programas de plurilingüismo, as seccións bilingües, os auxiliares de linguas... pero potencialo moito máis". "Queremos que en catro anos o 85% dos centros sexan plurilingües e que xurdan uns que reforcen a súa especialización no ámbito das linguas, unha especie de centros plurilingües plus por así dicilo", detallou. Ademais, o obxectivo da Consellería é extender ese plurilingüismo a todos os ámbitos educativos. "Tiñámolo en Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato e FP, pero agora queremos levalo tamén a ensinanzas de réxime especial, conservatorios, escolas de artes, etcétera".

Para lograr todo iso, "a clave de bóveda volve ser a formación do profesorado", dixo. "E iso ímolo facer a través das acreditacións. Actualmente en Galicia temos un terzo dos docentes co certificado B2. Pero o que imos facer agora é facilitar que os alumnos e os profesores poidan acceder ás acreditacións dándolles a posibilidade de facer os exames dun xeito gratuíto nos propios centros educativos", informou o conselleiro. "Ademais, estamos traballando con outros departamentos para facer inmersións lingüísticas fóra das aulas, en actividades como, por exemplo, campamentos".

"Ser titulado nun idioma aumenta nun 60% a posibilidade de atopar emprego no ámbito da túa formación", engadiu a vicedirectora da EOI de Pontevedra. "Somos unha comunidade moi metida no programa Erasmus, que ten moitísimo éxito", lembrou a directora do CFR.

Comentarios