A Xunta investirá 50.000 euros na mellora do depósito da Biblioteca

Destinaranse a aumentar o espazo de almacenaxe e depósito, redistribuíndo e optimizando o espazo dispoñible
A directora da Biblioteca, xunto ao delegado da Xunta. XUNTA DE GALICIA
photo_camera A directora da Biblioteca, onte, xunto ao delegado da Xunta.

A Xunta de Galicia vén de contratar os traballos de mellora e incremento de espazo de almacenaxe e depósito da Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra. Confirmouse este venres dende a Adminsitración autonómica, aproveitando a visita do novo delegado territorial, Luis López, ás instalacións, onde mantivo un encontro coa directora do centro, Alejandra Mosquera, á que lle anunciou que as melloras quedarán rematadas a finais do mes de marzo.

Segundo informou a Xunta, serán finalmente "case 50.000 euros" os que se invistan na subministración de instalación de armarios móbiles compactos "para favorecer as condicións de conservación e emprego do fondo bibliográfico". O pasado mes de outubro, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, xa visitara a Biblioteca de Pontevedra e anunciara a mellora que se quería acometer na zona do depósito e almacenaxe. Naquel momento dixo que se investirían "máis de 60.000 euros" e que o contrato que viña de licitar o Goberno autonómico incluía as tarefas de traslado dos armarios, así como a súa descarga e instalación.

Segundo explica a Xunta, López e a directora "supervisaron os espazos onde se van instalar estas novas insfraestruturas mobles" e informaron de que se formalizara recentemente a sinatura do contrato destas melloras, que teñen como obxectivo aumentar o espazo de depósito, así como favorecer a redistribución e optimización da superficie dispoñible.

Comentarios