martes. 19.01.2021 |
El tiempo
martes. 19.01.2021
El tiempo

A Xunta inviste un total de 26,4 millóns de euros no Plan de Reactivación Cultural

Unha das actividades organizadas pola Xunta no Culturgal. DP
Unha das actividades organizadas pola Xunta no Culturgal. DP
O Goberno galego aposta pola recuperación do sector, do que viven 30.000 persoas, e para incentivar o seu consumo

A Xunta de Galicia, a través de Consellería de Cultura, Educación e Universidade, está a desenvolver unha aposta firme e decidida para impulsar a recuperación do sector cultural en todos os seus campos ante a complicada situación xerada a raíz da pandemia, tal e como se está a comprobar no Culturgal que esta fin de semana se está a celebrar en Pontevedra.

O Goberno de Núñez Feijóo traballa intensamente e co máximo compromiso para que a cultura continúe de xeito seguro, para axudar a un sector do que viven 30.000 profesionais e para incentivar o máximo posible o consumo cultural entre os galegos.

Neste sentido, Galicia foi a primeira comunidade en poñer en marcha un plan de recuperación específico para a cultura, do que están en marcha o 95 por cento das iniciativas e que permitirá que se teñan realizado neste ano 4.500 accións, todas elas dirixidas á reactivación deste sector.

A aprobación e desenvolvemento deste plan de recuperación demostra que a Xunta coñece as dificultades polas que atravesa o sector cultural e este apoio tamén se plasma nos vindeiros orzamentos. O Goberno autonómico destinará en 2021 máis de 94 millóns de euros á Cultura de Galicia, o que supón 20 millóns de euros máis que este ano e un incremento do 27,4 por cento.

ANTICIPACIÓN. O traballo xa realizado nesta materia é o resultado da anticipación da Xunta, xa no mes de abril, ante a situación de especial vulnerabilidade á que estaba exposta a cultura. Deste xeito, a administración autonómica puxo en marcha o Plan de Reactivación do Sector Cultural, específico para os diversos campos que abrangue, que conta cun investimento de 26,4 millóns de euros.

Este plan está estruturado en catro eixos fundamentais. O primeiro deles céntrase na industria cultural galega e inclúe axudas para o libro, o sector audiovisual, as artes escénicas, as artes plásticas e ao sector da música.

Inclúense neste eixo o programa Cultura no Camiño que, a pesar da pandemia, celebrou o maior número de funcións desde que se puxera en marcha esta iniciativa. En total foron 410 espectáculos de danza, teatro, maxia, música e novo circo en 133 concellos da comunidade.

De igual xeito, tamén están incluidos os 50 concertos gravados no marco da proposta Galicia Emerxe, que converteu a Cidade da Cultura nun plató de televisión e que contou con artistas e grupos musicais de moi diferentes estilos. Entre os participantes, estiveron músicos da provincia de Pontevedra como Budiño, Eladio y Los Seres Queridos ou Presumindo. Finalmente, nesta mesma parte do plan, tamén se apoiaron producións audiovisuais como Ons, que deu o pistoletazo de saída na actual edición do Culturgal.

O segundo eixe céntrase na adopción de medidas dirixidas ao mantemento do emprego cultural de Galicia. Neste eido, recóllese a reprogramación da rede de dispositivos culturais da Xunta no ámbito escénico.

Galicia foi a primeira comunidade en activar un plan de recuperación específico, que permitiu realizar 4.500 iniciativas

TEATROS E AUDITORIOS. A Consellería de Cultura procedeu a modificar a normativa que rexía a Rede Galega de Teatros e Auditorios para contribuir a esa reprogramación do maior número de actuacións posible en máis de 40 escenarios galegos. Esta iniciativa permitiu que se puideran levar a cabo 493 funcións, dando un pulo moi importante ao sector das artes escénicas.

Neste segundo apartado do Plan de Reactivación Cultural tamén se recolle o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, que conta cunha dotación económica de 2,5 millóns de euros.

Entre outras, tamén impulsou algunhas das actividades presentes na edición deste ano de Culturgal, como a acción escénica Sofía Unipersonal, a obra Chegar a Galicia, chegar ao mundo, o espectáculo Ópera Break's ou os concertos de Luar na Lubre e Susana Seivane.

O terceiro eixe da planificación da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, céntrase na prioridade da Xunta de fomentar o consumo cultural de xeito seguro cunha campaña de comunicación e sensibilización que acaba de comezar. O Goberno autonómico anima nesta iniciativa a participar na programación cultural realizada polas industrias creativas galegas, tanto de xeito presencial como a distancia, así como a agasallar cultura neste Nadal.

Xa no cuarto e último dos eixos deste ambicioso programa de impulso ao sector cultural, a Xunta incide na necesidade de formación, profesionalización e mellora da competitividade, coa posta en marcha dun servizo de asesoramento e consultoría en liña e un plan de formación que contempla programas e bolsas en materia cultural.

Diálogo constante co sector
Este ambicioso Plan de Reactivación Cultural posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, é a folla de ruta froito do diálogo constante da Xunta de Galicia cos distintos axentes do sector.
Os principais obxectivos marcados son salvar o emprego e manter a industria cultural galega, favorecendo que a xente poida seguir gozando da cultura. Todo elo mediante o impulso da actividade, fomentando a creatividade e a produción cultural, e reforzando as estruturas de programación e distribución.

Vulnerabilidade
A pandemia puxo nunha situación de especial vulnerabilidade a todo o sector cultural galego, de ahí que a Xunta de Galicia activase xa no mes de abril, coa máxima anticipación ante a problemática detectada, o citado plan.
Todo o traballo feito ata agora terá continuidade o vindeiro ano, xa que o orzamento do Goberno galego reforzará á cultura con 94 millóns de euros, un 27,4% máis que o orzamentado neste 2020.

A Xunta inviste un total de 26,4 millóns de euros no Plan de...
Comentarios