A Xunta licita as catro últimas plantas do edificio de Benito Corbal

Tres andares serán para a UVigo e o último para a Fundación Manolo Moldes ►Deberán estar operativos ao longo de 2020
Edificio da Xunta en Benito Corbal. RAFA FARIÑA
photo_camera Edificio da Xunta en Benito Corbal. RAFA FARIÑA

A Xunta publicou este mércores na plataforma Contratos de Galicia a licitación das obras de acondicionamento das últimas plantas do edificio de Benito Corbal, en concreto a quinta, sexta, sétima e oitava, por un importe de 825.315,90 euros. A partida reservada inicialmente nos Orzamentos da Xunta para este propósito ascendía a 930.000 euros.

A Universidade de Vigo disporá así de tres andares no centro de Pontevedra para desenvolver o Campus Crea, mentres que a planta oitava acollerá a futura sede da Fundación Manolo Moldes. As obras de acondicionamento deberán estar rematadas nun prazo de seis meses dende o seu inicio, polo que "ao longo do ano que vén, o edificio estará plenamente operativo", explica a Vicepresidencia da Xunta nun comunicado.

O novo e reformado edificio de Benito Corbal inaugurouse o pasado mes de maio despois de once anos pechado, grazas a un orzamento total de case cinco millóns de euros que lle deron unha nova vida aos case 6.000 metros do inmoble.

Dende o martes albergan nas súas tres primeiras plantas as oficinas de emprego, mentres que as asociacións situadas nas plantas terceira, cuarta e quinta xa setán levando a cabo as mudanzas aos seus novos locais cedidos pola Administración.

Comentarios