A Xunta licita as obras do aparcadoiro disuasorio de Lourizán e da humanización da PO-546 en Marín

O resto das actuacións previstas na carretera vella de Pontevedra a Marín licitaranse ao longo do mes de abril

Imaxe do acto de presentación do proxecto de humanización da vella estrada a Marín, o pasado martes. GONZALO GARCÍA
photo_camera Imaxe do acto de presentación do proxecto de humanización da vella estrada a Marín, o pasado martes. GONZALO GARCÍA

A Xunta licitou este xoves as obras de execución do aparcadoiro disuasorio en Lourizán e da humanización da PO-546 no treito urbano de Marín por un importe global de 1,5 millóns de euros. A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle as dúas licitacións, ás que as empresas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de abril.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade inicia así a contratación das obras do eixe de mobilidade sostible na PO-546, no treito urbano de Marín, por importe de máis de 1,1 millóns, enmarcada no proxecto de transformación que está a acometer a Xunta no vello vial de Pontevedra a Marín. Nesta localidade xa se ten actuado mediante a humanización da rúa Concepción Arenal, entre a rotonda das Anclas e rúa Real de Cantodarea, cun investimento de 1,3 millóns de euros.

A nova destas dúas licitacións chega dous días despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, presidise a presentación formal do arranque do proxecto, que suporá unha profunda transformación do vial paralelo á autovía entre Pontevedra e Marín. Coa obra licitada este xoves darase continuidade e completaranse os treitos xa humanizados da antiga travesía da PO-546. Vaise actuar en tres treitos urbanos de Marín: 129 metros da beirarrúa da rúa Concepción Arenal, entre as rúas da Estrada e da Roda; 360 metros da rúa Concepción Arenal, entre a rúa da Estrada e a rotonda das Áncoras; e 204 metros da rúa da Ponte, é dicir, en toda a súa lonxitude.

Os traballos consistirán na execución de beirarrúas cun mínimo de 2 metros de ancho, sempre que sexa posible, no fresado e reposición de firmes e na execución de pasos de peóns sobreelevados. Nos pasos de peóns e nos extremos executaranse vaos peonís con pavimento podotáctil co fin de facilitar a accesibilidade.

A actuación tamén inclúe a disposición de novo alumeado e a reposición da sinalización e balizamento, así como a colocación de novos sumidoiros e a reposición dos servizos afectados.

Aparcadoiro disuasorio

Por outra parte, a Xunta licitou tamén este xoves a execución dun aparcadoiro disuasorio nesta mesma estrada autonómica PO-546, cun investimento de preto de 350.000 euros. O novo aparcadoiro, asociado á implantación de zonas de baixas emisións e ao fomento dunha mobilidade sostible nas cidades galegas, localizarase entre a vía de acceso ao Pazo de Lourizán e a intersección da estrada de conexión da PO-546 co núcleo do Rozo.

Máis concretamente, a nova infraestrutura situarase entre os quilómetros 2+750 e 2+950 da PO-546 e contará cunha superficie total de 2.465 m², que permitirá habilitar un total de 71 prazas de estacionamento en batería. Dúas desas prazas reservaranse para persoas con mobilidade reducida.

A situación deste aparcadoiro disuasorio considerouse idónea ao atoparse nesta vía principal de comunicación entre Pontevedra e o resto da comarca do Morrazo, facendo as funcións, tanto de carpooling, como vinculado ao transporte público.

Na contorna dos 300 metros do aparcadoiro existen 4 paradas de autobús que comunican Pontevedra cidade coa comarca do Morrazo, convertendo o emprazamento nun lugar de intercambio modal.

Estas actuacións forman parte dos proxectos impulsados pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas.