A Xunta non baixa a garda coa velutina

O vicepresidente Rueda anuncia o reforzo do equipo de intervención de Seaga para a retirada de niños de vespa asiática
Alfonso Rueda, Cores Tourís e Marta Fernández-Tapias durante a visita, este martes, ás instalacións de Seaga en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Alfonso Rueda, Cores Tourís e Marta Fernández-Tapias durante a visita, este martes, ás instalacións de Seaga en Pontevedra. DAVID FREIRE

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou este martes a importancia de que os cidadáns continúen chamando ao Teléfono de Atención e Información á Cidadanía –01– para avisar da presenza de niños de vespa velutina, agora que nesta época do ano comezan a aumentar. Así deixouno claro na súa visita ás instalacións de Seaga en Pontevedra, onde anunciou que a próxima semana se reforzará o equipo que está a retirar e destruír os niños desta especie desde comezos de ano por encomenda da Xunta ata completar o número de efectivos previsto.

Na súa visita, na que estivo acompañado pola directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, explicou que o novo persoal unirase ao equipo de intervención tras recibir a formación específica e contará cos medios necesarios para realizar o traballo con tódalas garantías de seguridade. Deste xeito, contarán con novos equipamentos para ser máis eficientes como marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas máis lixeiras e bombas de batería para a impulsión de biocida.

Saludo con el codo de Alfonso Rueda en su visita a las instalaciones de Seaga en Pontevedra. DAVID FREIRE

Alfonso Rueda tamén fixo balance dos catro meses que leva en funcionamento o Plan de loita contra a vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e ao que xa están adheridos 278 concellos, o que supón o 90% dos municipios galegos. Nesta liña, destacou que o Goberno galego ofrece "unha atención profesional con equipos ben preparados que contan cos medios necesarios para facer fronte ao que se converteu nun problema en Galicia e ao que a Xunta dou unha solución centralizada e coordinada cos concellos".

Desde que se puxo en marcha este programa o pasado 20 de xaneiro, os efectivos de Seaga atenderon máis de 2.100 avisos. Dous terzos das comunicacións concentráronse nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 840 e 652 avisos respectivamente. Desde o comezo da encomenda, recibíronse de media 17 avisos por xornada.

En case 500 niños procedeuse á súa retirada ou neutralización e na maioría deles nun prazo de menos de cinco días hábiles, ao estar situados a menos de 25 metros de altura e en lugares accesibles. Ademais, o equipo sinaliza os niños inactivos cunha pegatina na que se indica a data da visita.

Por outra parte, desde o pasado febreiro infórmase por SMS do estado dos avisos ás persoas que comunicaron da súa presenza. Desta forma, contáctase co comunicante para planificar a visita do persoal de campo que, á súa vez, despois de acudir ao lugar do aviso, informa do estado da actuación.

Debido á importancia deste servizo, a Xunta mantivo a atención dos avisos para a retirada de niños no teléfono 012 durante o Estado de Alarma polo coronavirus. Aínda que o volume de chamadas descendeu debido ao confinamento, o Goberno galego continuou cos traballos durante este período garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga. Por iso, Alfonso Rueda insistiu na necesidade de que os cidadáns a partir de agora informen cada vez que localicen un destes niños.

O plan, de loita contra a vespa velutina dotado con 2,3 millóns de euros de fondos propios da Xunta e do Fondo de Cooperación Local, ofrece unha resposta eficaz de forma homoxénea en todas as zonas afectadas da comunidade.

Comentarios