A Xunta oferta 38 bolsas para o alumnado de ensinanzas artísticas

A Consellería de Cultura achega 40.000 euros en axudas complementarias das outorgadas pola UE no programa Erasmus+
Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN
photo_camera Sede da Xunta de Galicia en San Caetano. AGN

Un total de 38 estudantes de ensinanzas artísticas superiores benefícianse das axudas complementarias da Xunta ás achegadas pola Unión Europea no marco á mobilidade do Programa comunitario Erasmus+. As bolsas van dirixidas ó alumnado que participou neste programa de mobilidade no curso 2019/2020.

O Diario Oficial de Galicia publica a resolución das axudas, para as que a Consellería de Cultura destinou 40.000 euros.

A duración das axudas e a súa contía mantense, de forma que os beneficiados perciben bolsas que oscilan entre os 125 e os 195 euros/mes (que se suman ás axudas europeas), en función do país de destino, durante a estadía que pode durar entre os dous e os nove meses. En concreto, o importe é de 195 euros/mes para os países de destino do grupo 1 (Dinamarca, Finlandia, Irlanda, Islandia, Liechtenstein, Luxemburgo, Noruega, Reino Unido, Suecia), de 165 euros/mes para os do grupo 2 (Alemaña, Austria, Bélxica, Chipre, Grecia, Francia, Italia, Malta, Países Baixos, Portugal) e de 125 euros/mes para os do grupo 3 (República de Macedonia do Norte, Bulgaria, Croacia, Eslovaquia, Eslovenia, Estonia, Hungría, Letonia, Lituania, Polonia, República Checa, Romanía, Serbia, Turquía).

Unha vez distribuída pola Comisión Avaliadora a contía uniforme en función dos grupos de países, o orzamento restante dispoñible, adxudicouse entre os solicitantes que posuían unha maior media no seu expediente académico e asignóuselles unha contía uniforme de 500 euros ata esgotar o orzamento.

Deste xeito, o importe mínimo da axuda concedida é de 330 euros e o máximo de 1.985 euros. Un total de nove persoas accederon á contía adicional de 500 euros, adxudicándoselle tamén á décima persoa solicitante con maior media unha contía adicional ata esgotar o orzamento.

Comentarios