A exposición divulgativa sobre a vida e obra de Xela Arias que a Xunta de Galicia montou con motivo do Día das Letras Galegas deste ano, Aquela nena de Sarria, estará instalada todo o mes de maio no edificio administrativo que a Xunta de Galicia ten en Campolongo. A mostra é un traballo elaborado polo colectivo Egeria co patrocinio da Consellería de Cultura.
O delegado territorial da Xunta, Luis López, visitou este venres a proposta, que se pode ver na zona de acceso do edificio, acompañado pola secretaria territorial, Marta Iglesias, e o xefe territorial de Educación, César Pérez.
"As Letras Galegas son algo moi especial para todas as galegas e galegos, unha efeméride que sentimos moi dentro e que reforza a nosa particular idiosincrasia e identidade, polo que sempre é unha oportunidade para reivindicar ás figuras máis salientables do elemento que máis nos caracteriza, que é a lingua", significou Luis Pérez, en palabras facilitadas pola Xunta.
ORIXINALIDADE. O delegado territorial eloxiou a figura de Xela Arias "pola calidade e orixinalidade da súa obra, pola transgresión e ritmo dos seus traballos e por contribuír firmemente á defensa da nosa lingua e das nosas letras".
A mostra da Xunta, que tamén contou coa colaboración do Concello de Sarria e da Real Academia Galega, está composta por unha ducia de paneis con fotos familiares, poemas e debuxos que serven para afondar na biografía e na bibliografía da autora á que este ano se lle adica o 17 de maio.