"É de xustiza reivindicar e visibilizar de verdade aos profesionais da enfermería"

A Escola Universitaria de Enfermería gradúa a 41 estudantes, a ampla maioría mulleres
O acto de graduación de Enfermería no Príncipe Felipe. DAVID FREIRE
photo_camera O acto de graduación de Enfermería no Príncipe Felipe. DAVID FREIRE

Subliñar a trascendencia da profesión na sociedade, máis aínda nunha pandemia como a da covid, e reivindicar a necesidade de mellorar as condicións laborais do colectivo centraron os discursos pronunciados onte no acto de graduación da oitava promoción da Escola Universitaria de Enfermería, na que recibiron os seus diplomas 41 estudantes (34 mulleres e sete homes).

No evento, celebrado no auditorio do centro Príncipe Felipe, participou a presidenta da Deputación, Carmela Silva, quen lembrou que "despois de moito tempo reclamándoo" por parte da direcció da escola, se está a traballar para que "sexa vinculada totalmente á Universidade de Vigo", pois aínda depende organicamente da institución provincial.

O director e a presidenta provincial apostan por mellorar as condicións laborais do sector

Silva recalcou o "compromiso moito máis alá do esixido humanamente» que amosa este colectivo profesional, que nalgúns casos, como se demostrou coa pandemia, é «a última man, a última caricia, a última mirada e o último alento". Por iso a sociedade "tenvos que coidar e facer que teñades unha profesión con garantías, con contratos bos, e que haxa recursos para a sanidade. Non hai sanidade se os profesionais que a xestionan".

Na mesma liña se pronunciou o vicerreitor do campus de Pontevedra, Jorge Soto, quen destacou que "é de xustiza reivindicar, recoñecer e visibilizar a profesión da enfermería de maneira verdadeira", posto que a sociedade "vos identifica como axentes fundamentais".

O director da Escola Universitaria de Enfermería, Miguel Piñón, repasou as dificultades coas que se desenvolveu este curso por culpa da covid, sobre todo "co peso tan importante das prácticas", que supuxo a adaptación dos estudos, e louvou "o compromiso de todos", tamén da Deputación ao proporcionar os medios necesarios.

Tamén fixo un recoñecemento ao estudantado que participou voluntariamente na realización de probas serolóxicas no campus universitario. "A alerta sanitaria evidenciou a necesidade de coidar aos coidadores", e aínda que "a innovación e a competencia condicionan a nosa praxe", a excelencia académica vai máis aló "de aprender técnicas", senón que está vencellada "á calidade humana e á perseverancia". Así, insistiu na necesidade de solucionar o "problema" das condicións laborais do sector, tanto en salarios como en horarios imposibles, avogou pola especialización da profesión e reclamou enfermeiras escolares e máis investigación.

O acto completouse coa lectura do traballo "Enfermería e medio ambiente: impacto dos filtros ultravioletas no entorno natural", da alumna Paula González; a emotiva intervención de Marta Llovo como representante estudantil, e a intervención da deputada provincial Noemí Outeda, quen subliñou o imprescindible papel da profesión na "xigantesca operación de vacinación" frente á covid.

Dirección e Xestión Pública
A Facultade de Ciencias Sociais acolle este vernes o acto de graduación de 14 integrantes da 12ª promoción do Grao en Dirección e Xestión Pública, así como doutros oito persoas tituladas da anterior que completaron o seus estudos o pasado curso.

O acto contará coas intervencións do reitor, Manuel Reigosa; a decana, Emma Torres, e o padriño e decano comisario, Enrique Varela, así como dos graduados José Rodríguez e Matei Otero, en representación das dúas promocións de egresados.

Comentarios