Nace Xuventude en Rede, con recursos formativos, creativos e de entretemento

A III Escola feminista para a mocidade inclúe cinco obradoiros e dous espazos dedicados á historia do activismo
Xuventude en Rede
photo_camera Xuventude en Rede

O concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, presentou este luns a programación de Xuventude en Rede coa que, segundo explicou, se "reformula a maneira de traballar co obxectivo de adaptármonos mellor aos tempos que corren e procurando ofrecer unha maior e mellor oferta de entretemento e formación para a mocidade".

XUVENTUDE-EN-REDEAsí, a través desde a Área de Xuventude créase o espazo xuventude.pontevedra.gal que funcionará como "un espazo de xestión de contidos de interese para a mocidade e un lugar onde participar de xeito activo", indicou Oubiña.

O concelleiro explicou que tomando como referencia a aula virtual do Local de Música, creouse este sitio web para ofrecer todos os contidos e toda a programación anual e que sirva tamén como punto de encontro para interactuar e socializar a través dos diferentes programas e propostas.

Explicou que neste 2021 quedan atrás as programacións por tempadas e adáptanse os programas anuais, distribuíndoos ao longo do ano e estendo as actividades no tempo.

Tamén informou que a área de Xuventude pecha a conta de Facebook, por entender que non é unha rede social de interese para xente moza, e transforma a conta de instagram @noitesabertas en @xuventude ampliando, deste xeito, a gama de contidos. 

Xuventude en rede divídese en catro grandes eixos temáticos:

  • Información: onde se ofrecen recursos como Ponteemprego, a nova vida do BIM e consultas relacionadas coa área
  • Expresión e creatividade: onde se inclúen as programacións e iniciativas do Local de Música e de Xeración Sónica
  • Ocio educativo: conformado polo programas Noites Abertas e Pontevedrán
  • Formación non formal: que ademais da Escola feminista para a mocidade, inclúe obradoiros de autocoidado nos tempos de pandemia e Pisando Forte

 

Escola feminista para a mocidade
Alberto Oubiña presentou a Escola Feminista no seu terceiro ano en marcha fóra do Pisando Forte. Neste apartado, asegurou que esta iniciativa nace "para que a mocidade sexa tamén parte da revolución feminista" e lembrou que se realiza en colaboración co CIM.

A Escola Feminista implementa este ano dúas propostas relacionadas coa historia do activismo feminista. Trátase de dúas sesións complementarias: 'Historia da teoría e do activismo feminista' que propón unha reconstrución retrospectiva e cronolóxica do feminismo como tradición intelectual e movemento social; e 'Novos movementos feministas' dirixido a mediadoras en igualdade da Escola feminista das edicións anteriores.

Tamén se programan dous espazos de entretemento, unha gimkana feminista en redes socias e un círculo de mimos como espazo de xestión emocional e de coidado. A programación da Escola ofrece ademais cinco obradoiros:

• Novas tecnoloxías e modos de autocontrol. Obradoiro de análise dos machismos e violencias soterradas nas novas tecnoloxías. Terá lugar os días 8 e15 de marzo e está dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos
• Combater o argumentario feminista. Versa sobre estratexias de comunicación e diálogo., conceptos teóricos feministas e inclúe a creación de viñetas de humor. Terá lugar o 27 de marzo e vai dirixido a mozas e mozos entre 15 e 35 anos.

• Fotopoesía e empoderamento. Traballarase sobre recursos emocionais para a autoestima e o empoderamento, a través da creación artística, fotográfica e escrita. Terá lugar os días 12 e 19 de abril e vai dirixido exclusivamente a mozas con idades entre os 15 e os 35 anos.

• Conversas entre iguais sobre agresións sexuais. Este obradoiro propón un círculo de conversa con análise teórica e estratexias emocionais para a superación de vivencias. Terá lugar o 24 de abril e vai dirixido exclusivamente a mozas con idades comprendidas entre os 15 e os 25 anos.

• Re-pensar as letras. Fundaméntase na análise das letras musicais de diferentes épocas, e propón a creación de letras e música coa colaboración dunha regueifeira. Terá lugar o 15 de maio e está dirixido a mozos e mozas de 12 a 18 anos.

Todos os obradoiros están deseñados para asistencia presencial, no caso de que a situación sanitaria o permita, ou para ser adaptados telematicamente, neste caso algúns deles amplían o número de sesións, e cada un deles ten capacidade para 15 persoas participantes.