O Xuventude Mentoring axudará a 250 mozos a pasar de estudantes a profesionais

► A Xunta vén de abrir o prazo para a terceira edición deste programa para persoas entre 18 e 30 anos e que conta cun orzamento de 500.000 euros
Pontevedra
A conselleira Fabiola García presentou o programa Xuventude Mentoring. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera A conselleira Fabiola García presentou o programa Xuventude Mentoring. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Tres mentores e tres rapazas que participaron no programa Xuventude Mentoring que promove a Xunta de Galicia déronse cita o venres en Pontevedra para abordar como foi a súa experiencia.

O acto tivo lugar no restaurante Ultramar, de Pepe Vieira, e contou coa conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, que participou no coloquio.

"Este programa me cambió la vida", manifestou unha das rapazas que participou no proxecto logo de cursar Xornalismo e Comunicación Audiovisual. E é que entre a formación, os participantes reciben prácticas sobre como elaborar un currículum, enfrontarse a unha entrevista de traballo ou contactar coas empresas. "Pensaba que con tener un perfil en Linkedin sería suficiente y no", engadiu.

Entre as conclusións que se puxeron sobre a mesa, as persoas participantes no programa coincidiron en que "foi mellor que un máster" porque este programa lles permitiu entrar en contacto co eido laboral por primeira vez e obter unha visión real do mundo laboral "e gratis, claro".

A conselleira deu conta de que se vén de abrir o prazo para participar na terceira edición do programa Xuventude Mentoring. O obxectivo desta iniciativa é asesorar, formar e impulsar á mocidade cara a inserción laboral.

Fabiola García anunciou que a xuventude xa se pode inscribir nesta nova edición a través da páxina web xuventudementoring.gal para a que, apuntou, ofertaranse 250 prazas para mozos de entre 18 e 30 anos e manterase aberto o prazo de inscrición ata o 10 de marzo.

O Goberno galego destinará este ano un orzamento de 500.000 euros para a súa posta en marcha. Este programa leva dous anos ofrecendo á xuventude un primeiro contacto coa súa área de coñecemento, con actividades formativas e visitas a empresas para que os mozos poidan crear a súa rede de contactos.

300 mozos xa tomaron parte nestas dúas edicións, xunto a 200 mentores e 20 entidades que colaboran na proposta

García sinalou que neste tempo foron 300 os mozos que participaron nestas dúas edicións, 200 os mentores que se ofreceron a colaborar no asesoramento da mocidade e 20 as entidades colaboradoras no programa como os Clúster de Turismo Galicia, das TIC ou Tecnolóxico Empresarial. Así mesmo, afirmou que esta iniciativa "é fundamental para darlles a seguridade e as ferramentas para pasar de estudantes a profesionais".

Comentarios