A XX Festa da Empanada de Millo de Salcedo repartirá máis de 800 racións

A degustación será o sábado 20 de maio no campo da festa de San Martiño ▶ Haberá ofrenda no cemiterio coa Banda de Guerra da Brilat
Presentación da Festa da Empanada de Millo. DAVID FREIRE
photo_camera Presentación da Festa da Empanada de Millo. DAVID FREIRE

Salcedo prepárase para celebrar a vinte edición da Festa da Empanada de Millo no marco das Festas de Santa Rita e San Isidro. A degustación da empanada será o sábado día 20 a partir do mediodía no campo da festa de San Martiño e ata agotar existencias. O prezo da ración será de seis euros e inclúe un anaco "xeneroso" de empanada de xoubas, bacallau ou mexilón, e unha cunca de viño serigrafiada "que se pode volver a encher", aseguran os membros da Asociación Cultural Santa Rita, responsables da organización da festa. A panadería Martínez, de Mollavao, é a encargada de facer as empanadas que repartirán os membros da comisión e veciños da parroquia.

Esta festa espera reunir a milleiros de personas a vindeira fin de semana, xa que hai catro anos que non se fai por mor da pandemia. O sábado 20 haberá unha misa ás 19.00 horas no atrio parroquial e a continuación, terá lugar unha procesión e ofrenda no cemiterio parroquial co acompañamento da Banda de Guerra da Brilat. As orquestras Solara e Gran Parada animarán a verbena no campo da festa a partir das 22.00 horas.

O domingo 21 haberá unha actuación da Banda de Música de Salcedo ás 12.00 horas e a partir das 20.00 horas terá lugar unha gran verbena coas orquestras Grupo Atracción Beatriz e Pontevedra. No caso de mal tempo, o recinto estará cuberto por unha carpa, segundo confirman dende a comisión de festas, que agradece a axuda de tódolos veciños e empresas colaboradoras.

Misas

No que respecta ás celebracións relixiosas, debido a que a igrexa de San Martiño de Salcedo continúa pechada, o domingo 21 celebrarase unha misa na Raíña da Paz e as 13.00 horas haberá unha eucaristía solemne no atrio parroquial.

O luns 22, día grande de Santa Rita de Casia, haberá misas ás 10, 13 e 19 horas (misa solemne) en Raíña da Paz. A igrexa de San Martiño permanece pechada dende o 4 de novembro de 2018. Nesa data o sacerdote da parroquia, Jesús Niño, propuso ao Arzobispado a clausura do templo por motivos de seguridade debido ao seu deterioro que incluso provocou o desprendemento de parte da bóveda. Dende entón, a parroquia pontevedresa permanece á espera de que se leven a cabo as reformas pertinentes e foron trasladadas a Raíña da Paz os obxectos de valor do templo como as imaxes e o órgano, onde están dende hai cinco anos.

Comentarios