YOLANDA DÍAZ

"Pedro Sánchez xa non quere derogar a reforma laboral e intervir o prezo da vivenda"

O saneamento da ría, o cumprimento da Ley de Memoria Histórica ou medidas contra a deslocalización das empresas que operan en Galicia. A que soara como posible ministra de Traballo dun Goberno progresista de coalición repite como candidata de Unidas Podemos ao Congreso pola provincia. Ela considérase a candidata de Galicia.
Yolanda Díaz. GONZALO GARCÍA
photo_camera Yolanda Díaz. GONZALO GARCÍA

UN GOBERNO de esquerda para levar a cabo políticas que defendan á xente. Ese é o desexo de Yolanda Díaz para o vindeiro 10 de novembro. Despois de ter soado como ministra de Traballo, repite como candidata de Pontevedra por Unidas Podemos ao Congreso.

¿Como afronta esta campaña?
Moitísimo mellor que a anterior porque o noso espazo está consolidado. Estamos traballando en todo o país. Pola rúa páranme persoas para darme azos e cariño e iso agradécese.

Temen a irrupción de Más País?
Non e ademais quero ser clarísima: o noso espazo está en crecemento. Estamos vendo que as enquisas non dan representación a Más País en Galicia. Esperamos mellorar os dous deputados que temos na actualidade.

Autopista
"A AP9 está de sobra amortizada y por iso ten que ser gratuíta porque, ademais, é a chave para o desenvolvemento de Galicia"

Se os resultados son os mesmos, que vai pasar?
Nós imos traballar para conformar un Goberno de esquerdas porque queremos facer políticas de esquerda. Os datos do rexistro de xornada que acabamos de coñecer din que as horas extra caen en picado, estas son as políticas polas que queremos conducir o noso país, ao igual que a suba do salario mínimo. O certo é que Pedro Sánchez xa non é o mesmo e hai risco real dunha contrarreforma laboral e non o dicimos nós, senón o informe que envía a Bruxelas. Esta sería unha mala noticia para os traballadores. Temos que ter a forza suficiente para que o pacto entre PSOE e PP non cualle.

Cataluña tamén pode ser un argumento para un pacto PP-PSOE.
Todo o contrario. As políticas do PP enquistaron e agudizaron o conflito en Cataluña. Estamos aquí por un recurso de inconstitucionalidade que interpuxo o PP contra o Estatut (curiosamente non o interpuxo contra o andaluz, que dicía o mesmo) e dende entón estamos como estamos. A única formación política que está poñendo sentido, diálogo e busca de solucións ao problema de Cataluña, que é xa o problema de España, é a nosa. Acudir ao 155 e mirar para o PP, como está facendo Pedro Sánchez, parece un erro. Chegou o tempo da política e do diálogo en termos de fondo, buscando solucións para Cataluña dentro da legalidade, que as hai.

Moita xente considera que se perdeu unha oportunidade histórica.
Estou moi de acordo. Esta é a repetición electoral máis inútil da democracia. É máis, creo que Pedro Sánchez frustrou a esperanza que había despois do 28 de abril. Dixen en repetidas ocasións que o 10 de novembro pode ser a antítese ao 28A, cando todo o mundo daba por feito que ía haber un acordo para un Goberno de coalición e de progreso. A democracia é, como fan 18 países de 20 en Europa, tender a man e conformar gobernos de coalición. O problema é que Sánchez xa non é o das primarias, xa non quere derogar a reforma laboral e intervir o prezo da vivenda, cando isto ía recollido nun pacto que asinou con Pablo Iglesias. Nós queremos un Goberno que sirva para mellorar a vida da xente, sobre todo na antesala da que pode ser unha mala situación económica. O que non pode ser é que volvan reproducir as receitas da dereita económica.

Que medidas máis importantes hai que reclamar para a provincia?
Xa as reclamamos. Volvemos ser, nestes cinco meses, o grupo parlamentario máis activo. Hai problemas da provincia que afectan a Galicia de forma transversal. Un deles chámase AP9. É imprescindible a súa transferencia e o seu rescate. Cremos que está de sobra amortizada e, polo tanto, ten que ser gratuita porque é a nosa vía de conexión e é chave para o desenvolvemento Norte-Sur de Galicia. É tamén imprescindible liberalizar a peaxe de Redondela, que está operando a modo de circunvalación en Vigo. É importante tamén o saneamento da ría. É certo que hai que sanear a ría e dragala, pero hai que analizar os seus lodos porque non poden ser depositados en calquera sitio, mentres o PSOE di que non vai facer nada, por iso estamos preocupadas tamén por esta cuestión.

Transición ecolóxica
​"Cremos na transición ecolóxica; as industrias ameazan a contorna non poden estar aquí"

E en cuestións de industria?
En materia industrial a nosa posición é clara, hai que desenvolver Pontevedra industrialmente porque os datos laborais son malos. Necesitamos postos de traballo de calidade fuxindo do sector servicios e da precarización e, necesariamente, da man da transición enerxética. Temos experiencia dabondo das mal chamadas reconversións industriais que serviron para perder sectores produtivos estratexicos e para levar para ao paro a milleiros de seres humanos. Isto é o que nos xogamos o 10 de novembro, industrializar o noso país de xeito sostible ou convertelo nun páramo industrial. Na provincia temos procesos de deslocalización moi fortes no sector da automoción, temos tamén en Galicia a máis de 10.000 persoas, case todas mulleres, que se adican ao telemarketing e que están vendo como se deslocalizan estes servizos para países como Exipto. O PP e o PSOE optaron por non intervir, nós témolo claro, fomos o único grupo que presentamos unha lei para abordar esta problemática. Ence é un tema que hai que abordar. Ten que saír da ría de Pontevedra, pero por cada posto de traballo que saia de aquí, ten que haber outro novo, se non non hai transición posible. Somos firmes partidarios da transición ecolóxica e as industrias que poñen en risco a contorna ambiental non poden estar aquí. Tamén nos importa a recuperación da memoria histórica, o colexio de Salvador Moreno ten que deixar de levar o nome dun fascista. É sorprendente que Galicia non teña homenaxeado aos 36 pontevedreses enterrados no Valle dos Caídos. Temos propostas claras tamén con respecto á nosa negativa á A57, que supón un investimento custosísimo, tamén a nivel mediomambiental. Tamén queremos fomentar as conexións ferroviarias de cercanías e con Portugal e as autoestradas marítimas. Estes son elementos claves. Temos que abordar tamén o problema da sanidade en toda Galicia, pero particularmente na provincia de Pontevedra. Remato coas conexións dixitais, os datos son malos para Galicia e os galegos e galegas non somos de segunda, por iso precisamos unha boa conexión.

CIRCUNSCRIPCIÓN GALEGA. "EU SON A CANDIDATA DE GALICIA; OGALLÁ ALGUNHA DÍA VOTEMOS COMO GALEGOS E GALEGAS"

Soaba como ministra de Traballo e foi precisamente nese Ministerio onde romperon as negociacións.
Si, seica eramos perturbadores para a CEOE e que Pedro Sánchez non podería durmir polas noites. A min nunca ninguén me falou de ser ministra. Si había unha convicción na prensa de que isto ía ser así, e eu quedei abraiada.

Volve presentarse por Pontevedra sendo vostede da Coruña.
Non, son a candidata de Galicia, a de Pontevedra é Ángela Rodríguez.

Pero preséntase de número 1 pola provincia de Pontevedra.
Si, pero son a candidata galega. É unha honra para min e fago actos por toda Galicia, dende Viveiro ao Barco de Valdeorras, a comarca de Ferrolterra, Vigo... Ogallá, como queren todas as forzas de esquerda de Galicia, algún día teñamos unha circunscrición electoral única.

Comentarios