Pontevedra crea o primeiro servizo de formación gratuíta en liña para desempregados

A plataforma inclúe 500 cursos de ata 29 áreas temáticas diferentes
Yoya Blanco e José Luis Bouzas presentando o programa. DP
photo_camera Yoya Blanco e José Luis Bouzas presentando o programa. DP

A Concellaría de Promoción Económica, encabezada por Yoya Blanco, ven de poñer en marcha o primeiro servizo municipal gratuíto de formación en liña dirixido a desempregados maiores de 16 anos empadroados na cidade. Deste xeito, a plataforma http://pontevedra.formaemprego.com/ ofrece 500 cursos de 29 áreas temáticas coma Administración e Oficinas, Ofimática, Internet e Redes Sociais, Deseño Gráfico, Desenvolvemento Web, Informática, Idiomas, Alimentación e Hostalería, Marketing e Vendas ou Oficios.

Neste sentido, a edil socialista destaca a aposta da Corporación por "facilitar a preparación das persoas" de cara á súa inclusión no "mercado laboral", empregando "un método de difusión masiva nestes momentos da pandemia, nos que aínda debemos manter as medidas de seguridade recomendadas fronte á covid-19". Do memso xeito, engade que a iniciativa posibilita “o exercicio do dereito individual á formación e a garantía de igualdade no acceso das persoas en situación de desemprego a unha formación vencellada ás necesidades do mercado de traballo; a liberdade de elección dos interesados para acceder á formación en base ás súas preferencias, e a diminución da fenda formativa existente, garantindo o acceso dos veciños ás TIC" e "adaptándose a todas as axendas e horarios". 

A respecto da plataforma, a empresa Docensa é a encargada de ofrecer ao alumnado ditas formacións, "deseñadas con modernas ferramentas multimedia para facilitar a aprendizaxe dos alumnos, engadindo interactividade e permitindo que estes sexan axentes activos no proceso", tal e como apunta o seu director, José Luis Bouzas. Entre as súas características máis salientables, os cursos "están reforzados con actividades que propoñen ao alumno situacións reais, podendo ser empregados desde calquera dispositivo", o que facilita o acceso dos interesados aos mesmos. 

Comentarios