lunes. 14.10.2019 |
El tiempo
lunes. 14.10.2019
El tiempo

Zero Waste lanzará un monográfico sobre o Plan Revitaliza como iniciativa relevante na UE

Joan Marc Simo. DP
Joan Marc Simo. DP
O director da axencia europea desplazarase a Pontevedra para presentar o informe, que tamén se dará a coñecer dende Bruxelas

A axencia europea Zero Waste Europe lanzará este venres en toda Europa a súa publicación monográfica sobre o Plan Revitaliza da Deputación tras consideralo unha "experiencia ambiental relevante" e asegurar que é un "caso de estudo" na xestión do lixo aplicable en moitas zonas da UE. O propio director executivo da entidade, Joan Marc Simo, trasladarase a Pontevedra este venres para dar a coñecer o informe. Ademais, haberá un lanzamento simultáneo do traballo dende Bruxelas dentro da programación da Semana do Clima.

Esta publicación monográfica sobre o Revitaliza xorde despois de que o persoal técnico de Zero Waste coñecese a iniciativa da Deputación de fomentar o tratamento de biorresiduos a través da compostaxe de proximidade, mediante centros de compostaxe comunitaria, composteiros individuais e futuras pequenas plantas de tratamento. Entón, o plan provincial foi seleccionado como experiencia ambiental relevante. Posteriormente, o responsable de políticas de residuos da entidade, Pierre Condamine, visitou Pontevedra durante varios días co fin de coñecer de primeira man o traballo realizado nos concellos pontevedreses para logo escribir un estudo técnico.

"España segue atrasada en canto ao cumprimento dos obxectivos Europeos de reciclaxe, pero a historia de Pontevedra demostra que é posible cumprilos con medidas sinxelas"

Na súa estancia na provincia, Condamine xa asegurou que a compostaxe de proximidade do Revitaliza pódese aplicar en cidades e rexións similares, con poboación rural e dispersa.

Agora, no seu informe indica que grazas á compostaxe descentralizada, a provincia de Pontevedra pasou de non ofrecer opcións para xestionar os biorresiduos a un sistema descentralizado e baseado na comunidade, para engadir que despois de tres anos, máis de 2.000 toneladas de biorresiduos compóstanse localmente e o proxecto estendeuse a máis de dous terzos dos municipios da provincia. "España segue atrasada en canto ao cumprimento dos obxectivos Europeos de reciclaxe, pero a historia de Pontevedra demostra que é posible cumprilos con medidas sinxelas, eficaces e económicas grazas á compostaxe decentralizada", afirma.

Este venres, o director executivo de Zero Waste, Joan Marc Simo, estará en Pontevedra para explicar polo miúdo os detalles que levaron á axencia europea a fixar os seus ollos no Revitaliza, escribir o estudo de caso e difundilo pola UE. De feito, ademais da presentación formal da publicación monográfica sobre o Revitaliza, Zero Waste lanzará publicamente o informe de forma simultánea dende Bruxelas a outros organismos, institucións, e colectivos co obxectivo de ter a máxima divulgación.

Zero Waste lanzará un monográfico sobre o Plan Revitaliza como...
Comentarios