A zona vella de Pontevedra entrégase a unha música cantada en moitas linguas

O concerto do grupo De Vacas na Praza da Ferrería protagonizou a penúltima xornada do ciclo Con voz de muller ► O inicio do festival de O Son Local, coas actuacións de Hainas e Odiosos 5, completou a xornada musical de onte
De Vacas, no seu espectáculo quintulingüe deste martes. BEA CÍSCAR
photo_camera De Vacas, no seu espectáculo quintulingüe deste martes. BEA CÍSCAR

"Queremos unha Galicia trilingüe, cuatrilingüe, quintulingüe e, por que non, tamén cunnilingüe" A declaración de intencións de De Vacas, con Pinta (Faia Diaz) como voceira, non foi máis que a dunhas expectativas autoimpostas que non tardaron nin un minuto de reloxo en cumprirse. O grupo formado pola propia Faia, xunto a Inés Salvado, Paula Romero e Guillerme Fernández ou, mellor dito, da propia Pinta xunto a Marela, a Morena e a Rubia, non dubidou en cambiar o galego co que comezaron o seu concerto na Ferrería por un rumano co que versionaron de forma acústica a famosa canción Dragostea din tei de O-Zone. Foi tan só o comezo, claro, dun concerto no que as letras cambiaron de idioma sen deixar que a música perdese forza no seu tránsito.

O colectivo galego amosou unha vez máis, ante a animada mirada dunha praza en pé, tacóns e punta, que o selo de identidade dun grupo non ten por que atoparse só nas composicións propias, senón tamén nas versións de temas alleos que, coa súa orixinal modificación das letras e un son adaptado á súa proposta, terminan por independizarse da canción orixinal.

Esta nova xornada de Con voz de muller, sen embargo, non estivo soa no día de onte. Nin tampouco, amais, foi a única que atopou na mistura das distintas linguas unha arma da que valerse para levar a cabo o seu espectáculo. Hainas, o grupo que marcou o debut do festival de O Son Local neste verán, amosou a través da hipnótica voz da súa cantante, Beatriz Mazaira, como a boa música non entende de idiomas. Apoiada na guitarra de Raúl Doldán e o saxofón de Andrea Pérez viaxou, nun mar de cancións, cara o inglés de My baby just cares for me (Nina Simone), o francés de Édith Piaf e a súa La vie en rose e, cara ao final da actuación, a un castelán que acabou por atoparse co Pedro Navaja de Rubén Blades.

O público gozou dunha nova noite de concertos na Ferrería. BEA CÍSCAR
O público gozou dunha nova noite de concertos na Ferrería. BEA CÍSCAR

O grupo, desta forma, fixo súa unha praza de Celso García de la Riega que comezou tímida, pero que cedo comezou a encherse dunhas xentes que, lonxe de amansarse como as feras, encontraron na música un motivo para que as palmas se chocasen entre si e as cervexas e as tapas, servidas nas terrazas colindantes, souberan aínda mellor.

Tras eles, os Odiosos 5, nas escaleiras do Teatro Principal, foron os encargados de pechar a primeira xornada deste festival que busca poñer en valor aos artistas autóctonos da cidade. Uns Odiosos 5 que, como se encargou de lembrar o seu vocalista, Danny Moure, poden levar a engano co seu nome: "Chamámonos os Odiosos 5, pero en realidade somos moitos máis odiosos". O grupo, habitual do Diaño e dunhas jam session onde distintos artistas acaban por improvisar xunto a eles, foi trocando nalgúns dos seus membros para amosar que os Odiosos non só se reducen aos do seu título, senón a todos os amigos que van facendo no camiño coa súa animado proposta centrada no blues.

Continúa a música en Pontevedra

Os concertos tanto do ciclo Con voz de muller como do festival O Son Local vivirán hoxe un novo día de actuacións.

Con voz de muller pechará a súa edición deste ano co concerto do grupo Ginebras, ás 22.30 na Praza da Ferrería.

O Son Local, a súa vez, traerá esta tarde as actuacións de La Mosca Valiente ás 20.30 en Laranxo; e de Flip Corale, ás 22.00 na Rúa da Cruz Vermella.

Comentarios