lunes. 27.01.2020 |
El tiempo
lunes. 27.01.2020
El tiempo

A zona verde do Burgo, con dúas pistas de petanca, será realidade nunhas semanas

Iván Puentes presentou este mércores o plano da actuación. DP
Iván Puentes presentou este mércores o plano da actuación. DP
O parque contará con arbustos e con árbores que ordearán espazos e sombrearán a zona de xogos

A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural investirá 43.365,58 euros no anunciado proxecto que permitirá a recuperación paisaxística e a mellora da accesibilidade dunha parcela duns 652 metros cadrados situada nas inmediacións do Pavillón Municipal dos Deportes, entre a avenida de Compostela e a rúa Fernández Cochón, e expropiada polo Concello por preto de 74.000 euros.

As obras, segundo anunciou este mércores o edil Iván Puentes, xa están adxudicadas e teñen un prazo de execución dun mes. Faranse con cargo ao Orzamento de 2019, polo que empezarán este mes ano.

A intervención deseñada polo Servizo de Parques e Xardíns, xa se iniciou cos traballos de desbroce da finca e suporá a creación dunha zona de xogo de petanca dotada con dúas pistas en vez da única prevista nun principio.

Esta actuación enmárcase no plan do edil de "xerar corredores verdes que permitan vencellar e conectar os parques da cidade ao Lérez e á ría". As obras facilitarán a accesibilidade con camiños de acceso adaptados. Así, incrementarase o valor paisaxístico do espazo mediante a limpeza e acondicionamento dunha zona que se atopaba "moi degradada".

"Mellorarase a capacidade de acollida coa construción dun parque con distintos tipos de bancos e a creación dun lugar de reunión demandado pola veciñanza do Burgo", apuntou o edil. As actuacións, que comezaron cunha limpeza en profundidade dos restos de obra e entullos e coa eliminación de maleza, incluirán a demolición dos muros de bloque que delimitan a parcela e que presentan un considerable deterioro. Tamén se retirarán pedras e outros materiais, realizarase a nivelación definitiva do xardín e pavimentarase o parque con xabre.

O parque contará con arbustos e con árbores que ordearán espazos e sombrearán a zona de xogos. Unha segunda zona estará constituída por un noiro ao noroeste da parcela, onde a plantación se adaptará a unha topografía ascendente en dirección cara a capela do Santiaguiño. Nesta esquina contruirase un banco de pedra rematado en madeira que enmarcará e delimitará o noiro, que será tapizado.

Así mesmo, segundo avanzou Iván Puentes, o seu departamento xa está a realizar trámites para poder levar a cabo un proxecto de recuperación paisaxística e ambiental noutra parcela anexa.

A zona verde do Burgo, con dúas pistas de petanca, será realidade...
Comentarios