A zona de xogos do 12 de Novembro será renovada cun investimento de 18.773 euros

As obras de renovación integral impulsadas pola Concellería de Desenvolvemento Sostible contemplan a restauración de todo o pavimento da área de lecer situada na pasarela sobre o tren
O parque 12 de Novembro. DP
photo_camera O parque 12 de Novembro. DP

Despois de executar importantes melloras nas áreas de lecer da Praza de Europa (Monte Porreiro), a Cidade de Pedra, os antigos terreos de Tafisa, A Seta (Campolongo) e a Illa das Esculturas, o plan impulsado pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural para que todos os parques infantís da cidade conten con certificados da Entidade Nacional de Acreditación (Enac) en materia de seguridade xa ten os ollos postos nunha área de xogos de uso intensivo por parte dos nenos de Pontevedra Leste: a situada na pasarela da rúa José Adrio (12 de Novembro).

O departamento que dirixe o edil socialista Iván Puentes realizará un investimento de 18.773,07 euros nunhas obras de renovación integral que serán executadas nas vindeiras semanas pola firma Lappset España e que contemplan a restauración de todo o pavimento e a restitución de diversos elementos de xogos das dúas estruturas con forma de tren que conforman o parque. Segundo explica Puentes, "o pavimento atópase agora mesmo moi deteriorado, polo que ademais de restauralo, queremos aproveitar para mellorar as súas condicións de amortecemento dos impactos e caídas, de xeito que se mellore substancialmente a seguridade dos pequenos".

Así, a intervención prevé a retirada de todo o chan actual, a limpeza do recheo e o acondicionamento da base para instalar o novo pavimento de seguridade. "Posteriormente –subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible– procederase á colocación dun pavimento continuo formado por dúas capas: a inferior de pranchas de goma SBR (caucho estirenobutadieno) cun grosor que permitirá amortecer os impactos dende altura e a superior de EPDM, un tipo de caucho de polietileno de moi alta elasticidade e resistencia e con boas propiedades fronte a auga e os axentes atmosféricos".

As obras tamén contemplan a restauración do contrachapado de entrada ao túnel e dunha zona de chan de madeira de 0,60x1,20 metros, a renovación dos prismáticos e das redes de acceso á torre de vixía e a restitución de elementos de xogo en mal estado, así como o cambio de parafusos e pezas de ancoraxe e a recolocación do cartel. Tal e como lembra Iván Puentes, ao igual que no resto de actuacións que está a a executar o Concello en parques infantís de Pontevedra, "o proxecto de mellora integral da área de xogos da pasarela 12 de Novembro planificouse a raíz dunha auditoría previa realizada pola empresa Solucións Técnicas de Ocio (STO), que contratamos para estudar as condicións de seguridade das zonas de lecer infantil da cidade, verificar que respecten a normativa europea UNE-EN 1176 e o Decreto autonómico 245/2003, valorar as reparacións que sexan necesarias e emitir os certificados da ENAC unha vez que cumpren coas directrices".

"O noso obxectivo –asegura Puentes– é que todos parques infantís do noso concello conten con eses certificados e que se vaian renovando anualmente. En definitiva, dispor de zonas de xogo coas máximas garantías de seguridade para os pequenos, previndo que se produzan accidentes por atrapamentos de cabeza, pescozo ou dedos, reducindo os impactos por caídas e evitando feridas por elementos de madeira ou metal que se atopen deteriorados".

Comentarios