"Desde a crise de 2008 incrementouse o número de exorcistas declarados pola Igrexa"

O antropólogo Rafael Quintía salienta que a sociedade galega segue crendo nas posesións demoníacas, aínda que o exterioriza menos

El antropólogo Rafael Quintía. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera El antropólogo Rafael Quintía. Javier Cervera-Mercadillo

Aínda que a Romaría do Corpiño perdeu a espectacularidade de hai unhas décadas, o antropólogo Rafael Quintía asegura que en Galicia as crenzas nas posesións demoníacas "perduran", mais dun xeito "menos visible".

Desde cando se ten coñecemento da existencia de posesións demoníacas e de prácticas exorcistas?

Desde que existe o concepto de demo. O cristianismo nace do xudaísmo e no xudaísmo xa existe este tipo de prácticas. Eses conceptos de entidades malignas, demoníacas, están presentes noutras relixións. No islam tamén se practican exorcismos. Polo tanto é algo moi antigo. Nacen da man das relixións e dos conceptos do ben e do mal. Son mecanismos para intentar vencer ese mal cando se cría que se apropiaba das persoas ou dos lugares. Tamén hai exorcismos para escorrentar o mal de determinados lugares.

Polo tanto, é algo que está presente en todas as culturas.

Si, en todas as culturas porque a relixión é un fenómeno cultural que, máis ou menos institucionalizado, está presente en todas partes. Incluso naquelas relixións non institucionalizadas, como podería ser a relixión chamánica, xa existían eses especialistas en loitar contra os espíritos malignos.

"As prácticas exorcistas nacen da man das relixións e dos conceptos do ben e do mal"


Hai lugares como Galicia nos que estas crenzas perduraron máis ca noutros, por que?

A cultura galega é unha cultura conservadora, no sentido de que tende a manter vivas moitas das crenzas que formaron parte da súa visión tradicional do mundo. Son crenzas que van pasando polos filtros do tempo e os diferentes cambios culturais, pero cuxa esencia moita veces vai perdurando. O cristianismo aquí en Galicia está cheo de ritos e crenzas que son pre cristiás. Este tipo de crenzas de que existen entidades que poden causar mal ou posuír a unha persoa son moi ancestrais en Galicia. Incluso hai lugares especializados para a xestión ou realización deste tipo de exorcismos. Temos un santoral, que eu chamo ‘policlínico’, especializado en distintas doenzas e temos santuarios especializados na cura e no tratamento de diferentes males, entre eles, aqueles que a xente identificaba como enfermidades producidas pola posesión ou polo meigallo.

O máis emblemático é o santuario de Nosa Señora do Corpiño.

E tamén o de San Campio de Lonxe, en Tomiño. Antes había moitos santuarios onde se trataban este tipo de doenzas da cabeza, do espírito... que son moitas veces psicosomáticas, pero co paso do tempo foron perdendo esta característica de especialistas nos males da cabeza. Por exemplo, o santuario de Nosa Señora da Lanzada estaba especializado nestas cuestións, pero foise perdendo ese aspecto e hoxe en día coñécese máis polo tema da fertilidade, pero era un santuario dedicado tamén aos exorcismos. Tamén A Peneda, no Viso (Redondela). Había moitos, pero foron perdendo esa importancia. Quedou O Corpiño. Non podería dar unha explicación do porqué. Moitas veces isto depende da vontade do crego. Se os curas que ofician nestes santuarios realmente seguen exercendo estes ritos e crendo tamén eles no que fan poden manter viva a tradición. Hai santuarios nos que ao cambiar o crego desaparecen este tipo de ritos.

Por outra banda, non todos os exorcistas destes santuarios son exorcistas oficiais da Igrexa nin todos fan o exorcismo polo rito oficial, senón que hai moitas variantes. Eu tiven a oportunidade de entrevistar no seu día ao Padre Portela, que era o exorcista do Santuario de San Campio de Lonxe e alí os exorcismos eran diarios.

"Hai exorcistas oficiais nomeados pola Igrexa e outros aos que o pobo lles dá  ese poder"


O Padre Portela tampouco era exorcista oficial.

Non, non o era. Digamos que hai dúas categorías: por un lado, os que a Igrexa considera exorcistas oficiais porque fan esa formación específica e fan o rito tal e como o marca a Igrexa e, por outro lado, aqueles exorcistas aos que o pobo lles dá ese poder para xestionar e loitar contra este mal sen necesidade de ter unha autorización oficial ou de que o rito sexa o establecido no Vaticano, senón que eles teñen as súas variantes e a xente acode a eles igual. 

Presenciou algunha vez un exorcismo?

Non. Os exorcismos celébranse na sacristía e normalmente de forma privada, entre outras cousas porque hai moita xente que é reacia a exteriorizar este tipo de cuestións. De feito, moitas veces, por certa vergonza, xa non se exterioriza e xa non se acode tanto a estes lugares e faise máis de xeito privado. Iso non quere dicir que ás veces cando chegaba unha persoa supostamente endemoniada non fose unha especie de espectáculo porque había berros, saltos, contorsións... Ás veces requeríase a axuda de xente para conter a unha persoa, pero o exorcismo facíase de xeito privado. Outra cousa son as bendicións, que son de xeito masivo para eliminar calquera espírito maligno.

A Romería do Corpiño co tempo foi perdendo ese compoñente que recordaba ás películas de Hollywood. En que punto está agora a sociedade galega: cre ou é máis escéptica respecto ás posesións?

Hoxe en día hai unha tendencia a exteriorizar menos estas cuestións. Iso non quere dicir que non se crea. A crenza nisto perdura e moitas veces vese incrementada nos tempos de crise. Un dato interesante é que desde a crise de 2008 incrementouse o número de exorcistas oficiais, formados e declarados pola Igrexa en España. É algo que vai ‘in crescendo’, non só en España, tamén en Italia e noutros países católicos. Aquí en Galicia as crenzas perduran aínda que en santuarios como O Corpiño xa non se vexan as escenas que se vían antes, igual que xa non vai o número de xente ofrecendo cadaleitos ou outro tipo de ofrecementos que eran habituais nos santuarios hai unhas décadas. 

Comentarios