Abi Castillo, ilustradora e creadora

"Aquí hai que picar moita pedra"

Ata as camisetas de Zara chegaron os debuxos desta autora, bolseira de Novos Valores 2019 e ilustradora de 'Pioneiras 2'
Abi Castillo (Vigo, 1987). CEDIDA
photo_camera Abi Castillo (Vigo, 1987). CEDIDA

Como remataron as súas ilustracións nunhas camisetas de Zara?
Pois puxéronse eles en contacto comigo. Foi unha sorpresa, en realidade. Non agardaba para nada unha chamada dalguén tan importante. Foi un shock! Contactáronme despois de ver o meu traballo nas redes sociais.

Escolleron eles os deseños?
Si. A verdade é que tiñan moi claras as ilustracións que querían. Así que as escolleron eles. Foron tres: dúas para unhas camisetas e unha para unha sudadeira.

E como se toma unha ver os seus debuxos estampados en prendas dunha marca tan grande?
Estou tremendamente agradecida pola reacción que tivo a xente. Recibo mensaxes todos os días de xente que pon unha das camisetas ou a sudadeira. Que me fagan chegar as imaxes faime moitísima ilusión. Sobre todo de xente de aquí. Tamén me mandan mensaxes de México, de Xapón, de Taiwan... De xente de todo o mundo. Pero que a de aquí acollese a proposta desta maneira, con orgullo, non sei, é moi especial para min. Estou moi contenta.

"Recibir unha chamada de Zara foi un shock, unha sorpresa total. Non agardaba nada semellante"

En Pontevedra, ao longo de todo o verán, estivo exposta unha obra súa no Museo. Porque vostede foi unha das gañadoras das bolsas Novos Valores da Deputación.
Si, é certo. Foi outra sorte porque xa me presentara con anterioridade ao certame. En dúas ocasións anteriores fora seleccionada, pero non tivera premio. Para min foi moi importante recibir esta bolsa porque foi unha forma de potenciar o meu traballo escultórico e cerámico.

Porque o que foi recoñecido foi un traballo en cerámica, un material no que realiza tamén obras.
Estou compatibilizando o traballo como ilustradora co de ceramista. Agora mesmo estou na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (Emao). Este ano, que sería o último, realizarei o proxecto final. A verdade é que estou namorada desta técnica. Ademais, rematei o meu taller, no que vou contar cun forno propio e vou comezar a producir cousas pola miña conta.

Como comezou vostede a debuxar? Era xa unha nena que esborranchaba os papeis?
Si, isto é de sempre. O que pasa é que, por motivos da vida, moitas veces non escolles de primeiras o que de verdade che tira e probas con outras cousas. Dei algún que outro bandazo. Pero fai cousa de sete anos decidín que isto era o que de verdade quería facer e apostei por facelo.

Entre outras cousas, traballou en varias ocasións para o Concello de Pontevedra. Realizou, por exemplo, a campaña dun 25N (Día Internacional contra a Violencia Machista).
Si, o Concello de Pontevedra apoioume moito. Contaron comigo para campañas de Noites Abertas, para Maio Mes da Lingua... Estou moi agradecida pola súa confianza.

Ese estilo tan particular seu foi algo que foi construíndo co tempo? Ou foi algo que definiu rapidamente?
Non, non foi rápido. Foi un proceso. Unha vai buscando a súa forma de representar. A miña definiuse, en boa medida, a partir das limitacións que teño. Quero dicir que comezas intentando calcar a realidade ou case e, ao non ser capaz, vas buscando alternativas e pouco a pouco sintetizas unhas constantes que se adaptan á túa forma de ser.

E se tivese que explicar cales son as súas influencias, que diría?
Uf, que difícil! Non sabería dicirche. O importante é estar sempre en movemento, ser alguén inquedo, curioso, que segue traballando e facendo cousas novas.

Pasou pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Como foi esa experiencia?
No meu caso, por un lado, axudoume a atopar un camiño que se adaptaba ao que necesitaba, que me axudou a avanzar e, por outro, houbo aspectos dos que quizais non gocei tanto. Non sei... Ao mellor tamén foron cousas que non souben valorar no momento no que estaba. Ao final, a experiencia para min foi positiva. Por unha cousa ou por outra, axudoume a medrar.

É ademais a ilustradora da segunda parte de Pioneiras (Xerais, 2019), o proxecto no que Anaír Rodríguez rescata a figura de distintas mulleres galegas.
Esa si que foi unha experiencia xenial. O proxecto é chulísimo, pero ademais Anair é unha persoa fantástica coa que é un pracer falar e traballar. O trato foi marabilloso dende o principio. Conectamos moi ben. Facer Pioneiras 2 fíxome unha ilusión tremenda. Tiña moitísimas ganas de traballar nun libro e non puido ser un mellor.

O libro ten moito de reivindicación do papel da muller na historia e de discurso feminista. "Chegará un día no que non teremos que preocuparnos polo xénero das persoas", ten dito vostede.
Si, é o que penso. O meu público é moi variado e iso tamén me alegra moito. O xénero e a sexualidade deberían quedar nun segundo plano. Non deberían ser importantes. A xente debería ser totalmente libre e nada máis. Eu creo no respecto e o meu enfoque é para todos os públicos. Despois, evidentemente, como muller loito polos nosos dereitos.

É difícil adicarse á ilustración profesionalmente en Galicia?
Eu recoñezo que tiven moita sorte ata o de agora. Porque non teño padriños. Pero isto é unha carreira de fondo. Aquí hai que picar moita pedra, traballar moito tempo e moi duro sen pretensións. Iso, ás veces, é moi frustrante. Pero hai que insistir porque só despois se ve a onde chegas.

Dígame unha cousa: ten algunha camiseta desas de Zara coa súa ilustración?
Téñoa! Por suposto!

Comentarios