8-M | O bastón de mando é delas

Con motivo do 8-M, a Revista reúne ás alcaldesas da provincia para analizar o seu día a día á fronte dun concello
JAVI REPORTAJE ALCALDESAS: IMPORTANTE. 18.00 PEREGRINA. FOTO CON LAS 14 ALCALDESAS DE LA PROVINCIA. VERTICALES, HORIZAONTALES, PARA REVISTA Y PARA EL PERIÓDICO
photo_camera As rexedoras na baranda de San Francisco. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Foi en 2011 cando a ReviSta reuniu por primeira vez as alcaldesas da provincia. Daquela eran sete os concellos nos que unha muller tiña o bastón de mando (Marín, Moraña, Mos, Sanxenxo, Ribadumia, Silleda e Tomiño). Nove anos despois e cun mandato polo medio no que chegou a haber 11 alcaldesas, a ReviSta repite a experiencia, agora con 14 mulleres á fronte dunha alcaldía, o dobre que en 2011. Fátima Abal (PSdeG) en Cambados, Verónica Pichel (PSdeG) en Forcarei, María Ramallo (PP) en Marín, Marta Giráldez (PSdeG) en Meis, Leticia Santos (BNG) en Moaña, Luisa Piñeiro (PP) en Moraña, Nidia Arévalo (PP) en Mos, Cristina Correa (PP) en Oia, Eva García de la Torre (PSdeG) no Porriño, Ánxela Fernández (BNG) no Rosal, Digna Rivas (PSdeG) en Redondela, Dolores Castiñeira (Movemento por Salceda) en Salceda de Caselas, Marta Valcárcel (PP) en Salvaterra de Miño e Sandra González (BNG) en Tomiño son as 14 alcaldesas que converten a Pontevedra na provincia galega coa porcentaxe máis alta de mulleres dirixindo un concello (23%).

Todas elas, agás a rexedora do Porriño (baixa de última hora), achéganse á Boa Vila nunha soleada tarde de febreiro para abordar o seu labor nun mundo, o da política, que durante demasiado tempo foi terreo exclusivo dos homes. Se hai nove anos, cando eran sete , xa fora complicado cadrar axendas, este ano, con 14, a tarefa, por momentos, tórnase imposible. Mais, finalmente, aí están todas á hora acordada no punto de encontro: a Praza da Peregrina.

O dato: de 313 concellos galegos, tan só en 56 resultaron escollidas alcaldesas

Cristina Correa, alcaldesa de Oia, é a última en chegar; Digna Rivas, a de Redondela, a última en soltar o teléfono. Saúdanse todas con afecto e entre risas. En pleno centro de Pontevedra e cun fotógrafo arredor non pasan desapercibidas. María Ramallo, que non xoga na casa pero case, mesmo ten que repartir bicos e apertas entre a veciñanza marinense que pasea esa tarde pola capital. Ademais, Ramallo, que xunto coas tamén populares Nidia Arévalo e Luisa Piñeiro repite con respecto á fotografía de 2011, exerce de veterana nisto de posar. Sandra González, malia que hai nove anos xa gobernaba en Tomiño, daquela non estivera na foto e tócalle ser novata. Mais estar diante do obxectivo non lles gusta demasiado nin ás veteranas nin ás novatas, aínda que, ao final, acaban por soltarse. Porén, á hora de falar desaparecen todos os peros. Isto é o que opinan.

É máis difícil levar o bastón de mando por ser muller?

As 14 alcaldesas da provincia rexeitan que sexa máis difícil gobernar un concello para unha muller que para un home. Así, ademais de salientar a "gran responsabilidade e honor" que supón, coinciden en sinalar que as capacidades son as mesmas. Máis que unha cuestión de sexo, insisten, é de persoas. Non obstante, a maioría delas si percibe micromachismos derivados, en palabras de Ánxela Fernández (O Rosal), "da autoridade e capacidade moral de mandar que se lles presupón aos homes".

"Eu vivín situacións que de seguro viviron outras moitas alcaldesas e nunca as viviu un alcalde. Dicir que sorte que o teu marido che axuda na casa, ou acudir a algunha reunión importante cun concelleiro maior e pensar que el é o alcalde e eu unha secretaria, ou que te chamen neniña, miña reina, guapiña... son situacións que suceden a miúdo tamén con outras mulleres que exercen postos de responsabilidade", explica Fátima Ábal, a rexedora cambadesa.

Pontevedra, líder en Galicia con 14 alcaldesas en 61 concellos, o que supón un 23%

"Levo topándome con condutas sexistas toda a vida: de nena na escola, na universidade, como empregada, tamén como empresaria e agora como alcaldesa", recalca Verónica Pichel, de Forcarei.

"Siempre soportamos comentarios sobre nuestro aspecto, insultos que en ningún caso se les hacen a los hombres", apunta a alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre.

Digna Rivas, de Redondela, é da mesma opinión: "Na Alcaldía tamén se notan os micromachismos, fíxanse máis en certas cousas que non se fixarían nun home".

A alcaldesa de Salceda de Caselas, Dolores Castiñeira, ofrece exemplos concretos: "Teño atopado trato diferenciado cando se fala de determinados temas como poden ser os relativos a vías e obras".

Para Leticia Santos e Ánxela Fernández, alcaldesas de Moaña e O Rosal respectivamente, a súa xuventude foi un condicionante máis. "Cando o meu equipo acadou a Alcaldía, eu tiña 30 anos e era a primeira vez que unha muller gobernaba en Moaña. A xente tratábame de maneira distinta aos anteriores alcaldes, co tempo entendín que tiña que ver máis coa miña personalidade que coa miña condición de muller. Hoxe estou convencida de que ser muller e moza foi unha importante vantaxe para que empatizasen co proxecto político do meu equipo", explica Santos.

A provincia pasou de 0 a 14 alcaldesas en 40 anos: tras as eleccións de 1979 non saíu escollida ningunha muller

"Teño vivido escenas paradóxicas e algunha conduta discriminatoria, pero son prexuízos iniciais que están no subconsciente dunha parte da sociedade e que cando tes a oportunidade de que te coñezan conséguense rachar", sinala Fernández.

Sandra González, de Tomiño, tamén recoñece atrancos polo feito de ser muller: "No meu caso particular, sobre todo ao principio do meu primeiro mandato, tiven que pasar por algunha conduta discriminatoria, logo non porque a xente vaise decatando".

Mais tamén hai alcaldesas que aseguran que a súa condición de muller non supuxo ningunha dificultade engadida. É o caso de María Ramallo, alcaldesa de Marín. "Levo 25 anos en política municipal e nunca atopei obstáculos" asegura.

O mesmo lle acontece a Luisa Piñeiro, de Moraña: "Considérome unha privilixeada porque nunca me atopei obstáculos nin condutas discriminatorias por ser muller, pero -matiza- si que coñezo casos e son consciente da existencia deste prexuízo".

Tampouco Nidia Arévalo, de Mos, e Cristina Correa, de Oia, atoparon trabas. "Todo o contrario -di Correa-, cando o necesitei recibín a colaboración de veciños e veciñas, compañeiras e compañeiros de goberno, sen importar se eu era muller ou home".

"Polo de agora, e afortunadamente, non teño atopado condutas discriminatorias. E vaia por diante que por primeira vez na historia do meu Concello non só temos unha alcaldesa, senón unha concelleira de Obras e Urbanismo", apunta Marta Giráldez, alcaldesa de Meis.

"Hoxe en día temos totalmente asumido todos, homes e mulleres, que somos iguais, pero é verdade que aínda nos seguimos atopando, de forma minoritaria, algunhas condutas discriminatorias", recoñece Marta Valcárcel, alcaldesa de Salvaterra.

JAVI REPORTAJE ALCALDESAS: IMPORTANTE. 18.00 PEREGRINA. FOTO CON LAS 14 ALCALDESAS DE LA PROVINCIA. VERTICALES, HORIZAONTALES, PARA REVISTA Y PARA EL PERIÓDICO

Hai machismo na política?

Á marxe da súa experiencia persoal, as alcaldesas pontevedresas coinciden en que na polí tica, «como en todas partes», hai machismo, aínda que non todas o perciben na mesma medida. Non obstante, todas salientan a importancia de impulsar políticas de igualdade de xénero.

"Existen numerosas situacións ás que se enfrenta unha muller en política que sería impensable que lle sucedesen a un home", insiste a rexedora de Cambados.

"Aínda detecto algún despistado machista na política, ben certo que como en calquera outro sector da sociedade" sinala a de Moraña. Da mesma opinión son as alcaldesas do Porriño, Salceda de Caselas e Tomiño, se ben esta última matiza que "a política non é dos ámbitos onde máis se manifesta" o machismo.

A do Rosal achega un dato: "Só fai falta ver o número de alcaldesas e alcaldes que hai na provincia de Pontevedra. Só un 25% son mulleres".

A de Forcarei remítese a formacións como Vox, "que sinceramente dan medo, ou doutras que están a mimetizarse con estes cavernícolas".

En 2011 houbo sete alcaldesas na provincia e traslas eleccións de 2015 a cifra elevouse a 15

A alcaldesa de Meis lembra que "hai pouco un alcalde chamou a unha presidenta da Deputación chacha para todo e moitos homes e mulleres do seu partido calaron e non reprobaron as súas verbas".

Tamén a de Redondela se refire aos "casos soados de mulleres políticas que tiveron insultos e descualificacións graves por parte doutros dirixentes políticos" na provincia de Pontevedra e denuncia que "hai certos partidos como Vox que para defenderse insultan e descualifican ás mulleres".

"Como en todos os traballos o panorama mudou moito nos últimos anos, no ámbito político e noutros", di a alcaldesa de Marín, para quen os micromachismos ou tratos machistas "son os menos".

"Non creo que se poida dicir que por regra xeral hai machismo na política -apunta a de Oia-, máis ben hai persoas machistas".

Nidia Arévalo, de Mos, asegura que "non hai igualdade na sociedade e se non a hai na sociedade, non a pode haber na política. Queda moito camiño por andar".

"Nunha sociedade patriarcal coma a nosa é normal que a política teña tamén a súa faciana machista -afirma a alcaldesa de Moaña-. Se ben, estou absolutamente convencida de que é precisamente a política quen debe liderar o cambio".

Perciben o ‘teito de cristal’?

A maioría das alcaldesas percibe o teito de cristal na política, mais igual que noutros ámbitos, como a cultura, a empresa ou o a ciencia. Así mesmo, todas destacan a capacidade das mulleres para rompelo e a necesidade de seguir loitando. "As mulleres podemos chegar ata onde nos propoñamos", asegura Marta Valcárcel. "E chegaremos por moito que nos poñan a zancadilla no camiño porque non é certo que sexamos o sexo débil", engade Fátima Abal.

"É obvio que o teito de cristal existe, pero tamén creo que boa parte da sociedade ten asumido que imos rompelo", afirma Verónica Pichel.

"Máis que ese teito, segue sendo máis complexo competir en plano de igualdade en calquera profesión, en política tamén. A maternidade, a conciliación, sempre actúan de freo, moitas veces por non poder compatibilizar oportunidades coa vida persoal ou familiar», precisa María Ramallo. Coincide coa marinense Sandra González, quen asegura que esa «carga extra» supón «un condicionante que os homes non teñen".

"Percibo o teito de cristal como cidadá, porque aínda nunca vin unha muller encabezando una lista á presidencia do Goberno do Estado e aínda hai pouco que vimos a unha muller candidata a presidir a Xunta de Galicia", apunta Marta Giráldez entre outros exemplos.

"É inevitable percibir que existe aínda unha maioría de homes na política", recoñece Ánxela Fernández. "Se nos pone un foco más grande que nos impide crecer con la misma facilidad", sinala Eva García de la Torre. "Imos polo bo camiño, pero queda moito por percorrer", recalca Cristina Correa.

Digna Rivas apóiase nos datos: "As mulleres somos máis do 52% da poboación e como tal debería de estar referido ese tanto por cento nos cargos de responsabilidade, mais, no século no que vivimos, teño que recodar que son a primeira alcaldesa de Redondela e, coma min, hai moitas máis noutras alcaldías. Nas deputacións pasou igual: a actual presidenta da Deputación de Pontevedra foi a primeira muller".

Malia recoñecer o teito de cristal, Dolores Castiñeira pon o seu Concello, Salceda de Caselas, como exemplo de que as cousas van polo bo camiño: "Contamos cun goberno maioritariamente feminino, no que, ademais, as mulleres ocupamos os postos considerados de maior importancia, como a Alcaldía, Facenda ou Urbanismo".

Pola súa banda, Nidia Arévalo, Luisa Piñeiro e Leticia Santos poñen o foco no seu caso persoal. "Puiden ser deputada provincial no goberno e voceira na Deputación, agora son vicepresidenta provincial do meu partido, o presidente da Xunta contou comigo sempre nos seus equipos de partido rexionais, son alcaldesa desde hai 11 anos… Así que para nada percibo un teito de cristal", subliña a alcaldesa de Mos.

"Tanto cando exericín a miña profesión na empresa privada como agora na política, non percibín o teito de cristal", conta a alcaldesa de Moraña.

"No BNG as mulleres e os homes convivimos en igualdade, e creo que esta é unha das cuestións que nos diferencia doutras forzas políticas", di a rexedora de Moaña.

Listas cremalleira, si ou non?

No que respecta ás listas cremalleira, nas que homes e mulleres ocupan postos alternos, as diferenzas políticas entre as alcaldesas son evidentes. As dirixentes socialistas considéranas "necesarias". Así, Fátima Abal argumenta que, de non ser por elas, "moitas mulleres non se atreverían a dar o paso á fronte na política"; Verónica Pichel destaca os «grandes resultados» das accións de discriminación positiva; Marta Giráldez insiste en que «as mulleres somos a metade da poboación e temos que representar á metade da poboación"; Eva García de la Torre sinala que as listas cremalleira permiten que "las mujeres tengamos la misma posibilidad de ser elegidas que los varones" e Digna Rivas subliña que "teñen que existir" porque "garanten que as mulleres estean nos postos de saída".

Entre as rexedoras nacionalistas, Leticia Santos cualifícaas de "necesarias" para garantir "a equidade" e Sandra González, de "imprescindibles para darlle visibilidade á muller na política", ao tempo que desexa que "algún día deixen de ser necesarias". Pola súa banda, Ánxela Fernández amósase máis partidaria das cotas que das listas cremalleira.

Son as alcaldesas populares as que introducen máis matices. "Nun primeiro momento supuxeron unha oportunidade e a realidade é que, de xeito obrigado, representaron máis participación. Co que hai que ter coidado é coas cotas, moitas veces absurdas que, sen querer, minoran os méritos das mulleres", di María Ramallo. Na mesma liña se pronuncia Luisa Piñeiro: "Eu creo moito nas capacidades das mulleres. De feito, agora mesmo en Moraña somos máis mulleres ca homes, e o que non me gusta é que se xogue coa imposición de sexo porque si". Nidia Arévalo, que apela tamén ás capacidades, oponse con rotundidade: "Creo que algúns partidos deberían deixar de facer este tipo de propostas -afirma-. A igualdade real é buscar nunha candidatura os mellores perfís". Cristina Correa cre que "o intervencionismo en exceso nunca é bo" e confía en que o seu partido siga sen someterse ás listas cremalleira.

Por último, Marta Valcárcel, aínda que recoñece que "no seu momento foron necesarias", defende tamén que "tanto un home como unha muller teñen que estar á fronte dun traballo pola súa valía". Pola súa banda, Dolores Castiñeira precisa que no caso de Movemento Salceda as listas cremalleira non son necesarias, pero subliña que "a día de hoxe a discriminación positiva segue sendo imprescindible".

JAVI REPORTAJE ALCALDESAS: IMPORTANTE. 18.00 PEREGRINA. FOTO CON LAS 14 ALCALDESAS DE LA PROVINCIA. VERTICALES, HORIZAONTALES, PARA REVISTA Y PARA EL PERIÓDICO​​

Que pensan do uso da linguaxe inclusiva na política?

No tocante ao uso da linguaxe inclusiva na política hai máis unanimidade e todas consideran que é necesaria, ao igual que en todos os ámbitos. Abal apela á "vontade" de cada un para usala e pon como exemplo á presidenta da Deputación de Ponteveda, Carmela Silva. "Sempre lle escoito dicir que o que non se nomea non existe e é certo", afirma. A mesma frase usa Leticia Santos e destaca que é "fundamental actuar sobre a maneira de expresarnos".

Pichel puntualiza que "non é unha cuesión unicamente lingüística, senón que é unha posición política" e salienta que ao chegar á Alcaldía de Forcarei unha das súas primeiras accións foi "a elaboración dun manual de linguaxe non sexista para persoal técnico, político e para a comunidade educativa".

As 14 dirixentes locais aseguran que son alcaldesas 24 horas ao día 365 días ao ano

Para Piñeiro o uso da linguaxe inclusiva é «un dos medios» para conseguir o "obxectivo da igualdade". No mesmo sentido se pronuncian Fernández e Castiñeira. "Non se trata de empregar unha linguaxe imposible de ler, senón de facela inclusiva con termos que dean cabida á totalidade da poboación", apunta esta última. "É importante que a través da linguaxe se visibilice a todas as persoas, homes e mulleres", di González, mentres que Giráldez e Rivas insisten en que desde a política "temos que dar exemplo".

Pola súa banda, Ramallo matiza que "non se debe caer no absurdo" e Correa que "non se debe confundir a gramática co machismo". Para Arévalo non é "o máis importante", aínda que aplaude que mediante a linguaxe "se poña en claro que as mulleres somos máis da metade da sociedade". Por último, De la Torre avoga por "no exagerar" y Valcárcer por non "pasarnos da liña".

Goberna de xeito diferente unha muller ca un home?

Preguntadas pola feminización da política e as diferenzas entre alcaldesas e alcaldes no xeito de gobernar, volven poñer o foco nas persoas, malia recoñecer que homes e mulleres son diferentes.

"O xeito de gobernar dunha muller é diferente porque a nosa educación non foi igualitaria. Iso non significa que sexa bo nin malo, significa que esta sociedade ten moito que avanzar", apunta a alcaldesa de Cambados, coa que coincide a do Rosal.

Verónica Pichel céntrase no caso de Forcarei. "Hai oito meses había outra muller na Alcaldía e está claro que estou a gobernar dun xeito moi diferente ao seu", afirma.

"Somos diferentes, a presenza feminina é moi importante, pero arrastrando a toda a sociedade e con respecto ás capacidades das mulleres", insiste a alcadesa de Marín.

"Non se goberna mellor por ser home ou muller -recalca a de Meis-, mais é certo que na maior parte das ocasións as mulleres somos máis prácticas".

"Se coa feminización da política entendemos que cando gobernamos as mulleres tendemos a facer máis equipo, a escoitar á veciñanza, a pór atención no detalle, a administrar os recursos públicos con eficiencia... poderíase dicir que si gobernamos diferente. Pero insisto en que a diferenza non vai no xénero, senón na personalidade de cada quen», resalta a alcaldesa de Moaña. Tamén as de Moraña, Oia e Redondela se centran nas cualidades das persoas.

A alcaldesa de Mos rexeita palabras como feminización e aposta "por unha igualdade normal e normalizada entre homes e mulleres". Respecto ás diferenzas no xeito de gobernar, recoñece que "pode habelas, igual que eu goberno diferente a outra alcaldesa". Con todo, admite que «as mulleres en xeral somos máis organizadas» por estar acostumadas a "multiplicarse".

Para a alcaldesa do Porriño está claro que "las mujeres tenemos una visión y una sensibilidad diferente a la de los hombres a la hora de enfrentar y resolver problemas", algo que, na súa opinión, "enriquece la política".

Recoñecen que homes e mulleres son diferentes, pero poñen o foco nas persoas

"Nin mellor nin peor, diferente", di a acaldesa de Salceda de Caselas sobre a forma de gobernar das alcaldesas ao tempo que sinala que as mulleres "teñen máis presente a aplicación de políticas transversais de igualdade". Tamén a dirixente de Salvaterra de Miño recoñece esa "sensibilidade diferente", mentres que a de Tomiño destaca que "a visión máis holística da vida que temos as mulleres" tamén se reflicte no xeito de gobernar.

Como concilia familia e traballo unha alcaldesa?

Se hai algo no que están de acordo todas as dirixentes locais da provincia é en que son alcaldesas 24 horas ao día 365 días ao ano, polo que, como di Verónica Pichel, "conciliar non é fácil". Así mesmo, algunhas como Sandra González, Leticia Santos ou Ánxela Fernández tamén lamentan que esta pregunta nunca se lle faga a un alcalde. Así, Fernández aboga por "trocar conciliación por corresponsabilidade".

"Eu parto da base de que as responsabilidades na vida familiar non son só miñas, cada persoa do núcleo familiar ten as súas propias responsabilidades e así todo é moito máis sinxelo", di Fátima Abal.

Marta Giráldez asegura conciliar "igual" que se fose un home. "Eu compaxino o meu traballo coas responsabilidades da Alcaldía e agora coa presidencia da Mancomunidade do Salnés. Fágoo todo encantada, porque me apasiona o meu traballo", conta. Ademais, recalca que a súa familia e amizades son "a súa vitamina para aguantar o ritmo".

Luisa Piñeiro detecta "moita positividade en todos os pasos que se deron e que se están dando" neste eido e destaca que é "un problema xeral de toda a sociedade".

Nidia Arévalo, pola súa experiencia persoal, cre que é máis difícil conciliar para unha alcaldesa que para un alcalde "porque a muller, de momento, segue sendo o pilar da familia e da casa. Eu -conta- teño que facer encaixe de bolillos para que poidamos cear xuntos a diario en familia".

Cristina Correa non ten fillos e recoñece telo máis doado, pero opina que conciliar é máis difícil para as mulleres porque "a maternidade implica unha dedicación maior nos primeiros anos, propia da nosa natureza". Na mesma situación de Correa está Dolores Castiñeira: "No seu momento decidín non ter descencia. Son esas decisións que só as mulleres nos vemos obrigadas a tomar".

Eva García de la Torre admite que as políticas, ao igual que o resto das mulleres, asumen "con naturalidad una doble tarea: la profesional y la de casa".

Digna Rivas destaca a importancia de que no seu equipo de goberno non haxa problemas nese sentido. "No meu caso -afima-, a miña parella e a miña familia axúdanme moito a esa conciliación".

Tamén Marta Valcárcel conta coa axuda da súa nai. "É moi complicado conciliar, pero ao final, non me preguntes como, conseguimos compatibilizar vida familia e laboral", conclúe.

Comentarios