Alfredo Blanco: "Os prexuízos dos rapaces veñen das súas casas"

Botaba en falta diversidade sexual na literatura infantil e púxose a escribir para poñerlle remedio
Alfredo Blanco Martínez. EP
photo_camera Alfredo Blanco Martínez. EP

Alfredo Blanco adéntrase no mundo editorial con Faro e o seu día importante, un conto cargado de mensaxes. Son tantas que aínda sendo un libro infantil os pais terán que lelo varias veces para aproveitalas todas. E se algo non entenden os adultos, o mellor será preguntárllelo aos nenos, que saberán razonar a resposta máis axeitada.

Bótanse en falta referencias á diversidade sexual na literatura infantil.
Moito. Eu creo que se debe a dous factores. Por un lado, hai moi poucas referencias e por outro, a maior parte das que se poden atopar proceden da literatura estranxeira, sobre todo traducións do inglés, pero non hai moita creación propia da nosa terra. As editoriais non sempre están abertas a estas temáticas. Realmente hai moi pouca visibilización da diversidade sexual. E en concreto, hai moi pouco referido a pais. A figura da nai como coidadora está máis visibilizada ca do pai. Eu como pai bótoo en falta. Sobre todo como pai cunha parella do mesmo sexo.

Entón o libro está inspirado na súa experiencia como pai?
Non, é anterior, pero parece premonitorio. Xusto un ano despois de escribilo fomos pais de dous nenos. Teñen agora 5 e 6 anos.

O conto serve para visibilizar a diversidade, pero queda moito para normalizala

Algo lle rondaba xa na cabeza cando ideou o conto.
Eu son profesor e sempre vin no conto unha especial bondade para traballar nas aulas. Quixen escribir unha historia "normal". E dígoo entre comiñas porque non me gusta esa etiqueta. Conto a historia dun neno que ten que afrontar unha circunstancia que lle preocupa. El é o protagonista, os seus pais só o acompañan. Sempre contamos como dous pais ou dúas nais teñen un fillo. Eu non quixen facer iso. Conto a historia do neno e resulta que ten dous pais, pero iso é secundario. O conto serve para visibilizar a diversidade, pero hai que normalizala.

Falta moito para iso?
Queda moito por facer. A sociedade nunca lle atribuíu ao home a capacidade de coidado dos fillos. Sempre foi a muller. E aínda hai quen se sorprende de que sexamos capaces.

Teno comprobado?
Por suposto, moitas veces. Teño un fillo e unha filla e constantemente nos preguntan como nos apañamos coa nena sendo os pais homes, ou escoitas comentarios do tipo "mira que ben vestida vai e que ben a sabedes peitear".

A sociedade nunca lle atribuíu ao home a capacidade de coidado dos fillos, sempre á muller

Hai moito que aprender do mundo do pequeno Faro. Os prexuízos veñen despois.
Os prexuízos veñen da casa. Eu como docente nun instituto téñoo comprobado. É difícil sacar os alumnos da zona de confort, do que traen aprendido. As parellas do mesmo sexo están máis interiorizadas. Todo o mundo sabe que existen nalgún lugar, como pasa con Teruel, pero por exemplo hai moita intransixencia coa transexualidade, verdadeiro rechazo e ignorancia.

Aínda hai reticencia a ofrecer información aos rapaces sobre estes temas coa desculpa da sexualización. En cambio, está totalmente normalizado o rosa e o azul, preguntar aos nenos polos noivos desde a gardería...
Iso é brutal. E xa non falemos de cando vas comprar roupa para unha nena de catro ou cinco anos. Os deseños da roupa das nenas están pensados para ensinar carne. Iso non nos preocupa? Ás veces dáme a impresión de que son eu o que vai contra o mundo. E mesmo na escola hai que loitar. Este ano tivemos que traballar na casa para desmontar o libro de texto da miña filla. Os protagonistas son Xan e Xulia, con roles totalmente estereotipados de neno que xoga ao fútbol e nena que fai as cousas da casa.

Quero poder cubrir un formulario oficial no que aparezan dous pais, verme identificado

Ten vía libre para reclamar algo para o día a día. Que pide?
Documentación oficial na que me vexa identificado. Quero poder cubrir un formulario no que aparezan dous pais. O ano pasado tiven que pedilo porque non o había. E trato igualitario na Sanidade. Cando vou cos meus fillos au médico sempre me preguntan pola nai.

Despois desta primeira experiencia literaria virán máis libros?
Si, previsiblemente en xullo sairá o segundo, Un hogar para Regaliz, de Carambuco Ediciones. Trata o tema do maltrato aos galgos. O protagonista é un galgo, pero tamén vive cunha familia de dous nenos con dous pais.

Non perde a ocasión de loitar pola normalización.
Por suposto.

Ana Santiso ponlle cara a Faro
►Faro e o seu día importante ten ilustracións de Ana Santiso, artista asentada en Becerreá que ten espallado murais por toda a provincia de Lugo, desde A Mariña ata O Courel, pasando por Lugo, Vilalba, Monforte, a aldea de Piornedo ou o lavadoiro de Muñís.
 Ana Santiso é ilustradora, debuxante e muralista. Licenciouse en Belas Artes na Universidade de Vigo e obtivo o título de técnico superior en Ilustración na Escola Massana de Barcelona.

Libros propios e alleos
 Leva ilustrado preto dunha vintena de libros, dous deles da súa propia autoría.
 Realizou un destacado traballo de ilustración para a publicación por parte da editorial Galaxia de Alba de Groria, o último discurso de Castelao no exilio arxentino.

Comentarios