Amalia Bóveda: "É moi difícil perdoar, moi difícil"

A filla de Alexandre Bóveda repasa a súa vida e defende a recuperación da memoria no ciclo 'Conversas na Uvi', no que reivindicou a oficialidade do Día da Galiza Mártir e a anulación do xuízo a seu pai
Amalia Bóveda
photo_camera Amalia Bóveda

"Agora xa estou no teu colo". Amalia Bóveda, a filla da que estaba embarazada Amalia Álvarez cando Alexandre Bóveda foi fusilado en 1936, foi á Praza de San Xosé ao instalarse alí a escultura do faladoiro do Café Moderno, sentou nos xeonllos da figura que representa a seu pai e pediulle a una amiga que lle fixera unha foto. "De verdade que me emocionei moito aquel día".

A anécdota foi unha das que lembrou a protagonista este martes, na Casa das Campás, na entrevista aberta ao público que lle fixo o xornalista Serafín Alonso dentro do ciclo Conversas na Uvi, que organizan Diario de Pontevedra e Universidade de Vigo. Amalia Bóveda, a única filla que queda viva de Alexandre Bóveda e Amalia Álvarez, repasou as súas vivencias e falou do legado da súa familia.

"Sentinme sinalada moitas veces. Eu era a filla dun fusilado. Iso funo aprendendo co tempo a base de labazadas"

"Eu nacín nun colchón no chan", contou para explicar a situación na que quedou a familia tralo fusilamento de Bóveda. "E sentinme sinalada moitas veces. Moitas. Era a filla dun fusilado. Iso funo aprendendo co tempo a base de labazadas".

A muller contou que fora a última dos seus irmáns en coñecer como morrera seu pai. "Os demais eran maiores. Eu sabía que morrera, pero tamén me decataba de que había algo máis. Un día pregunteille á miña nai directamente de que morrera. Foi aí cando non lle quedou outra que dicirmo: Ao teu pai matárono por ser bo e xeneroso. Así mo dixo, con esas palabras. Eu boteime a chorar e ela contestoume: Non tes por que chorar. Ves que eu chore? Ti o que tes é que estar orgullosa".

Amalia Bóveda reivindicou o martes en gran medida a figura da súa nai. De feito, elexiu un dos seus poemas, atopados recentemente pola familia, para pechar o acto. "Gustaríame moito que se publicaran. Sería un recoñecemento moi bonito a unha muller fabulosa", sinalou. "Mina nai, ai, miña nai. Eu sempre digo que era a Agustina de Aragón galega. Tiña alegría e forza por todos", contou. "Foi ela a que nos ensinou a non gardar rancor. ‘Non se pode ser así’, dicíanos. ‘Hai que ser como o voso pai’. Pero é moi difícil perdoar, moi difícil, aínda que a min foi o que me ensinaron". Ao mesmo tempo, hai que manter a memoria viva. "Non podes esquecer o que che fixeron. A min non me deixaron coñecer a meu pai", dixo. "Mentres non levanten os cadáveres das cunetas non se pode esquecer nada. Houbo xente á que mataron como a porcos. Non hai dereito". Para ela a recuperación da memoria é crucial. "A historia componse de pasado e de presente. Non se pode esquecer. O que pasa é que é moi cómodo... Non queren que se digan as cousas. Canto menos se saiba, mellor".

"Miña nai, ai, miña nai. Eu sempre digo que era a Agustina de Aragón galega. Tiña alegría e forza por todos"

17 DE AGOSTO. Amalia Bóveda dixo sentirse defraudada por uns gobernantes e por outros, "de Fraga a Quintana", á hora de institucionalizar oficialmente o 17 de agosto, data do fusilamento de seu pai, como Día da Galicia Mártir. "Non temos o apoio do Partido Popular". Serafín Alonso lembroulle que varios alcaldes do PP apoiaban a celebración. "A nivel local si, pero nós buscabamos a súa consideración a nivel galego. Vannos deixar? Como empurramos para conseguilo?".

O xornalista preguntoulle por un desexo para sentir a vida completa. "Hai que lembrar a todos os que perderon a vida. Igual eu tiña que estar tamén máis aí, nesas cousas, pero pásoo moi mal e sufro moito. De noite, na cama, cando non durmo, véñenme moitas cousas á cabeza. Eu puiden ter un vida marabillosa cos meus pais e non foi así", contou. "O que me falta antes de morrer é conseguir que o xuízo a meu pai se declare nulo. O mesmo que lle faltou á miña nai. Que os meus fillos teñan ese orgullo. Porque iso que fixo o Goberno de reparalo moralmente non facía falta. Xa estaba máis que reparado. O que tiñan que facer é anular o xuízo, que desaparecese para sempre iso de que foi un traidor. Ler iso é moi duro, saber que queda aí".

Comentarios