jueves. 23.09.2021 |
El tiempo
jueves. 23.09.2021
El tiempo

"Amazon abre fronteiras pero non suple o trato persoal das librerías"

Alcalá con 'El calor de la ceniza', versión castelá de 'A nosa cinza'. EP
Alcalá con 'El calor de la ceniza', versión castelá de 'A nosa cinza'. EP
Xavier Alcalá emprende unha aventura literaria en Amazon onde autopublica algunhas das súas obras traducidas a varios idiomas

Nunca é tarde para reinventarse e o veterán escritor Xavier Alcalá (Cidade Real, 1947) sábeo moi ben. A súa paixón pola escritura converteuno nun dos novelistas en galego más lidos e agora decidiu lanzarse a probar sorte autopublicando no xigante Amazon. Estreouse hai apenas un mes traducindo o seu clásico A nosa cinza ao castelán (El calor de la ceniza) e anuncia que a experiencia está sendo tan satisfactoria que seguirá con esta aventura dixital.

Por que decidiu autopublicar os seus libros en Amazon?

Decidín abrirme ao mundo coa miña obra publicada nos tres idiomas de proxección universal que hai en Europa (castelán, portugués e inglés) por varios motivos. Aínda que pareza unha broma, rexeitaron moitas veces publicarme libros por estar escritos en galego, algo escandaloso. En España hai unha especie de cupo rexional se escribes en galego, catalán ou vasco. Eu considero que a literatura está por enriba dos idiomas. Entón un home maior coma min xa non ten tempo de seguir o proceso típico de ir coa obra polas editoriais que nun principio prefiren o castelán. O segundo punto é que Amazon abre fronteiras, coa plataforma pódese chegar a xente de todo o mundo, cousa que non pasa no proceso tradicional.

Que beneficios lle aporta a plataforma?

Moitos. Podo chegar a lectores de todo o planeta e eu teño unha cantidade importante de persoas interesadas na miña obra en diversos territorios que se non fose por esta alternativa atoparíanse co inconvinte de que o libro non lles daría chegado. En segundo lugar, ofrece unha posibilidade de autoedición gratuíta que sempre que a obra cumpra cunhas condicións de tipo técnico é publicada. O problema é que se non envías un texto totalmente depurado ou está sen editar, Amazon publícaa igual e lávase as mans. No meu caso non tiven este problema porque toda a miña obra xa pasou o filtro dunha editorial e o que fago é cambiarlle o idioma. Se están ben traducidas e cunhas portada rechamantes, no meu caso diseñadas por Manel Cráneo, por que non o vou facer?

É a primeira vez que traduce ao castelán A nosa cinza. Por que non o fixo ata o de agora?

Sempre me pareceu a obra menos ambiciosa porque era unha novela da miña mocidade que escribín con 25 anos e tardou en publicarse pola censura. A pesar diso foi un exemplar moi lido, con máis de 70.000 exemplares vendidos, con moi boas críticas... Finalmente abrín os ollos e decidín traducila. 

En España hai un cupo rexional cos libros, rexeitaron moitas veces publicarme obras por estar escritas en galego

Vaise animar a subir algunha obra máis?

Estou experimentando, pero creo que non vou parar porque o procedemento é sinxelo. A primeira que subín á plataforma foi El calor de la ceniza, a tradución ao castelán de A nosa cinza; a seguinte será Calamity Bound, tradución ao inglés de Alén da desventura; e a terceira será Tertulia revisitada, unha obra inédita que é unha homenaxe a Carballo Calero. Será a primeira vez que lance unha obra directamente na plataforma. Eu a esta novela chámolle a maldita, porque non atopou nunca edición ao ser crítica co establishment cultural galego. E como non quero comprometer a ninguén lánzoa en Amazon.

Como está sendo a acollida?

El calor de la ceniza non leva un mes en Amazon e a acollida é moi boa. A plataforma lanza a obra ademais en papel e na versión dixital e cabe decir que a do papel é moito máis lida que a outra. Ao contrario do que a xente poida pensar, o público segue querendo ler os libros físicos.

As librerías están en pé de guerra contra Amazon. É unha ameaza para a industria editorial?

En absoluto, Amazon nunca vai poder suplir o trato persoal e cercano das librerías. Tendo en conta que son membro do consello de administración da editorial Galaxia creo que hai que ver isto como unha oportunidade, non unha ameaza. Nunca van desaparecer as editoriais, porque os libros hai que editalos; nin as librerías, porque a relación coas persoas non pode reemplazala unha máquina. Poño un exemplo: coa irrupción do comercio online desapareceron as tendas? Non. Pois é o mesmo.

"Amazon abre fronteiras pero non suple o trato persoal das librerías"
Comentarios
ç