Calendario da xira

"Amigos ata a morte' é un espectáculo perfecto para desvirgarse teatralmente"

Xosé A. Touriñán, David Amor e Ledicia Sola protagonizan esta comedia, dirixida por Javier Veiga, coa que invitan a "pasalo ben" e "olvidarse dos problemas". O próximo 15 de outubro inician unha xira que os levará por boa parte dos teatros galegos

Dous grandes da comedia galega xúntanse na peza de teatro Amigos ata a morte co obxectivo de facer "rir" e que a xente o "pase ben". Trátase de Xosé A. Touriñán e David Amor que, acompañados por Ledicia Sola e baixo a dirección de Javier Veiga, percorrerán os teatros galegos cun "espectáculo perfecto para desvirgarse teatralmente" e que a xente lle "perda o medo á palabra teatro".


A obra céntrase en María, Ángel e Nacho, cuxa amizade se pon a proba por cuestións amorosas. ¿Ao final solucionades ou chegades ás mans?
XOSÉ A. TOURIÑÁN: María (Ledicia Sola) é a muller de Ángel (Xosé A. Touriñán). El e Nacho (David Amor) son amigos desde parvulitos, desde sempre. Os tres tamén son grandes amigos, pero a ela gústalle un máis co outro.

DAVID AMOR: Hai unha parella e un que é un pouco can. E hai cousas que están por riba da amizade...

X.A.T.: María ponlle os cornos a Ángel co seu mellor amigo e aí empeza a historia. Hasta onde se pode contar. Logo pasan moitas máis cousas bastante fortes.

D. A.: En resumo, é unha comedia moi divertida, onde hai un triángulo amoroso, que desemboca en moitas cousas. É unha boa peza para pasar unha hora e corenta de risas.


Na obra tratades temas universais coma o amor, a amizade, e incluso a morte. ¿A obra ten algo de traxedia ou prima a comedia?
JAVIER VEIGA: A obra é unha comedia pura na que se fala de temas que, contados doutra maneira, comporían unha traxedia. O espectáculo non ten nada de dramático. 

Veiga: "Os protagonistas son tipos de aquí. Nunca me gustaron as obras que se fan en galego ou castelán dun piso en Nova York protagonizadas por Joe e Jack"


Amigos ata a morte
 estreouse en 2009 en Madrid e foi representada máis de 300 veces en 40 cidades de todo mundo nas súas diferentes versións . 
En dúas delas Javier Veiga compaxinou o rol de director co de papel dun dos protagonistas. ¿Por que decidiches elixir a outro para a interpretación nesta ocasión?
J.V.: Ocorréuseme montar a obra aquí para poder contar con eles, cos que teño unha grande amizade. Ademais, ao ter feito a obra en catalán e euskera dábame rabia non facela en galego. Un día, tomando unhas cañas, pareceunos unha idea divertida. A min apetecíame facelo con eles. Non tomei a decisión de facela en galego e logo busquei os actores, senón ao revés. Estaban os actores e ocorréuseme que podíamos facer esta versión.



¿En que se diferencia a obra en galego das anteriores versións?
J.V.: O actor principal non é tan bo (rin)

X.A.T.: Pero é máis guapo.

J.V: Polo demais, basicamente a función é moi similar, pero ao facer unha versión en galego hai cousas que tes que adaptar: linguaxe, expresións... No final desta versión, por exemplo, hai unha especie de guiño ao Camiño de Santiago. Hai pequenos detalles que están pensados para aquí. A obra desenvólvese en torno ao bar que rexenta Ángel pero ese bar é de Santiago, da Coruña ou de Vigo, non é un bar de Madrid. A min nunca me gustaron as míticas obras que se fan en galego ou castelán dun piso en Nova York protagonizado por Joe e Jack. Os protagonistas da obra son tipos de aquí. 

X.A.T.: Na esencia a obra non cambia. Hai un selo moi característico na forma de escribir de Javier. Incluso a versión castelá é moi galega. A retranca en Costa Rica non sei como funcionou (rin).

J.V: Supoño que ao final na miña forma de escribir hai un sarcasmo e un humor moi galego. Vai no ADN.

Touriñán: "O noso oficio dáche estas primeiras oportunidades, que se toman cunha ilusión enorme. Gózase moitísimo"


Comezades a xira o próximo 15 de outubro en Pontevedra e logo percorrederes boa parte dos teatros galegos ata o día 31. 
¿Tedes previsto alongar a xira?

X.A.T.: Alongar ou facer unha segunda volta. É difícil conseguir que coincidamos porque todos temos unha chea de proxectos agora mesmo, por sorte.

D.A.: Non sabemos se alongar ou non, pero si intentaremos xuntar unhas datas e facer outra quenda de representacións.


Estades inmersos en diferentes proxectos na televisión, no teatro... ¿Como conseguides compaxinar horarios e poder atender a todo?
J.V: A nosa idea inicial era ensaiar este espectáculo durante un mes nas Rías Baixas. Facer unha concentración alí, incluso coas nosas familias, e, polas mañás ensaio, e pola tarde, vacacións. Pero ao final non puido ser. Conseguímolo a base de avións para aquí, avións para alá...

D.A.: De que as nosas familias nos odien...

X.A.T.: De levar dous meses sen estar unha fin de semana na casa...

J.V: Algún ensaios sen actor, algúns ensaios sen director... (rin)

D.A.: Como había moitas ganas, a pesar de todas as problemáticas non houbo ningún momento que nos plantexaramos parar. Tiñamos claro que queriamos facelo. Para Touri e para min era un salto importante aquí en Galicia meternos nun teatro cunha obra, que ademais nos gusta e que creo que lle vai gustar a distintos públicos. E poder facela en galego.

David Amor: "Para Touri e para min meternos nun teatro cunha obra era un salto importante aquí en Galicia"


¿Onde vos sentides máis cómodos, no teatro ou a televisión?
X.A.T.: Creo que o bo que ten este oficio é que podes compaxinar todo iso. Quédaste co oficio e el dáche monólogos en locais –que para min é o máis marabilloso que pode ter esta profesión– dáche teatro, cine... E dáche estas primeiras oportunidades, que as tomas cunha ilusión enorme. Gózase moitísimo.

J.V.: En realidade os tres xogamos ao balonmán. Eu queríame dedicar a iso pero non fun capaz e por iso non quixen elixir máis. Vou collendo un pouco de todo. 

D.A: Cando ves as voltas que damos para facer todas as cousas creo que está claro que non queremos elixir.

J.V.: Gústanos a poligamia artística. (rin)

Javier Veiga: "Supoño que ao final na miña forma de escribir hai un sarcasmo e un humor moi galego. Vai no ADN"

Ademais de Amigos ata a morte, ¿que outros proxectos tedes en marcha?
D.A.: Participo en Gym Tony e estaremos ata o ano que vén grabando. O mércores comezo en Madrid cun espectáculo de humor no Pequeño Teatro en Gran Vía. Pero o máis importante é agora esta nova aventura co teatro. Collémolo con moitas ganas.

X.A.T.: Estou en Land Rober os mércores. Ademais Marcos (Pereiro) e eu estamos preparando un programa novo para TVG. Ten moi boa pinta e en principio supoño que sairá para finais de ano ou comezos do que vén. Tamén seguimos con monólogos e máis cousas.

J.V.: Dirixo Gym Tony e estou buscando oco para poder vir aquí aturar a estes dous. Tamén preparando espectáculo de teatro novo para estrear en Madrid, espero que o ano que vén.

Comentarios